Continuamos durante este mes de outubro desfrutando do outono e estivemos a realizar moreas de actividades máis relacionadas con esta estación.
Este curso estamos a participar de novo no Plan Proxecta de paisaxe e sustentabilidade polo que todas as actividades que realizamos están relacionadas sobre a paisaxe da nosa contorna, analizando como cambia ao longo desta estación.
O alumnado de educación infantil, xunto co proxecto de Van Gogh e arte no que están a traballar durante o primeiro trimestre, fixeron as súas propias obras de arte pintando con témperas unha paisaxe dun bosque de outono con todos os seus elementos: árbores, follas, campos, ceo...
Tamén realizamos saídas escolares pola paisaxe, aproveitando todo o que temos ao noso arredor. O alumnado de primaria acudíu facendo unha camiñata ao muíño do noso compañeiro Martín, e o alumnado de Infantil non ía ser menos, e fixo a súa saída á preciosa Aula da Natureza que temos no noso concello. Alí collemos moreas de follas, de diferentes árbores, castañas, landras, flores...
E que fixemos con todos estes elementos da natureza? Contáronnos en clase que hai un tipo de arte que se chama land art, e aínda que non puidemos influir tanto no entorno como se fai nesta corrente de arte, xa que somos un pouco pequeniñas e pequeniños, decidimos facer mini-arte e creamos os nosos propios mandalas!