O 9 de febreiro fomos facer unha pequena visita á casa do Concello.
Ao chegar recibiunos Javier, o encargado do padrón municipal, que nos ensinou o seu despacho e nos explicou que era o padrón. Logo subimos á sala de plenos, onde nos recibiu o alcalde. Algúns de nos sentámonos no lugar dos trece concelleiros e concelleiras de Brión que foron elexidos nas últimas eleccións municipais.
Alí debátense e tómanse decisións sobre os problemas de Brión. Nós na clase tamén escribimos unha listaxe cunhas peticións para mellorar o noso colexio. O alcalde foi tomando nota das peticións que lle fixemos e díxonos que algunhas as podían facer e outras non. Tamén nos ensinou o bastón de mando, que se entrega ao alcalde cando é elexido.
Ao rematar déronnos un agasallo, un pin co escudo do Concello de Brión. O escudo ten as seis torres de Altamira e un lobo no centro das torres.
Sophia, Carlota e Adrián