Blogues

SOLICITUDE UTILIZACIÓN DÚAS RUTAS/PARADAS DE TRANSPORTE ESCOLAR

Documento para solicitar a utilización excepcional, sempre e cando existan prazas baleiras, de dúas rutas/paradas de transporte escolar. No caso de familias en situaciónde separación ou litixio, este documetno deberá vir asinado por ambos os dous proxenitores.

Entregarase esta solicitude xunto con documentación xustificativa da mesma (certificado de empresa, convenio regulador ou outros).

ORGANIZACIÓN DO NOVO CURSO ESCOLAR E INFORMACIÓN PARA AS FAMILIAS

Na xornada de hoxe e tal como sinala a Instrución do 30 de xullo 2020 en relación ás medidas educativas que se deben adoptar no curso académico 2020/2021, a Dirección presentou, no seo do Consello Escolar, o Plan de Acollida para o curso 2020/2021. Nel inclúense as novas normas de organización en relación á adaptación do centro á situación COVID 19 así como outros aspectos básicos de importancia para toda a comunidade educativa. (podes consultar o Plan de Acollida premendo aquí)

 

Para informar deste Plan e de como se organizará o curso, realizaranse reunións coas familias. Para poder axeitar estas á situación actual, haberá unhas normas de seguridade que deben ser coñecidas por todos e todas:

  • un único asistente por alumno/a (haberá control de aforo no Salón de Actos).
  • obrigatorio o uso da máscara en todo momento e hixiene de mans e pés á chegada ao centro.
  • emprego das cadeiras nos postos sinalados (non se poderán mover)
  • a duración aproximada da reunión será de 70 minutos (unha hora e dez minutos). Así poderase proceder á desinfección das cadeiras e ventilación do espazo.

 

Estas serán as datas e horas das reunións:

Nivel

Data

Hora

6º Ed. Primaria

04/09/2020

10:30h

5º Ed. Primaria

04/09/2020

12:30h

4º Ed.Primaria

07/09/2020

10:30h

3º Ed. Primaria

2º Ed. Primaria

07/09/2020

12:30h

1º Ed. Primaria

08/09/2020

10:30h

6º Ed. Infantil (5anos)

08/09/2020

12:30h

5º Ed.Infantil (4 anos)

4º Ed. Infantil (3 anos)

08/09/2020

17:30h

PLAN DE ACOLLIDA PARA O CURSO 2020/2021

Tal e como se sinalan nas Instrucións do 30 de xullo 2020 en relación ás medidas educativas que se deben adoptar no curso académico 2020/2021, o Consello Escolar do centro acaba de aprobar na xornada de hoxe o Plan de Acollida para o curso 2020/2021. Pode ver o Plan completo no adxunto.

PLAN DE ADAPTACIÓN Á SITUACIÓN COVID NO CENTRO

Na situación extraordinaria que toda a sociedade está a vivir, o centro educativo non é alleo a esta realidade. Seguindo as Instrucións polas que se incorporan a declaración de actuacións coordinadas en materia de saúde pública aprobadas polo Consejo Interterritorial del Sistema Nacional de Salud Pública (DOG Nº 174 BIS do 28-08-2020) e a actualización das recomendacións sanitarias do comité clínico ao Protocolo do 22 de xullo de adapatación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para ao curso 2020/2021, o centro deseñou un plan para dar resposta a esta situación. Pódese consultar nos adxuntos:

- Plan de adaptación á situación COVID 19 no curso 2020/2021

- Anexos ó Plan

- Plan de Continxencia (versión de novembro 2020).

- Horarios do Plan de Ensino Virtual

 

 Na seguinte presentación, detállanse as principais modificacións na organización do centro cara este curso 2020/2021. (tamén poderán ser consultadas na Circular nº1 do centro)

 

Para coñecer con máis detalle as principais variacións do mesmo, realizaranse reunións para os diferentes grupos. Estas serán publicadas mañá unha vez aprobado o Plan de Acollida para o curso 2020/2021 polo Consello Escolar.

INFORMACIÓN XERAL PARA O COMEZO DO CURSO 2020/2021

Estando a piques de comezar un novo curso académico nunha situación excepcional non vivida ata o momento, dende o CEIP Plurilingüe de Castrelo estamos a traballar para tratar de dar resposta á organización, prevención e medidas necesarias para dar comezo o curso escolar 2020/2021. Co fin de trasladar esta información ás familias, antes do comezo das clases que terá lugar o 10 de setembro de 2020, realizaranse reunións para achegar todos os aspectos xerais organizativos para o cursoEstas reunións:

  • terán lugar no Salón de Actos do centro respectando o distanciamento e o aforo do local (36 persoas máx en total incluídos os/as mestres/as).
  • recomendamos que só acuda un responsable/familiar por alumno/a co fin de evitar aglomeracións.
  • os asistentes deberán realizar a hixiene de mans e portar máscara en todo momento.

 

Nas próximas xornadas, publicarase o calendario de reunións así como outra documentación de interese para a comunidade educativa en torno á adaptación da actividade ó novo escenario actual.

Lémbrase a importancia de que as familias descarguen a aplicación Abalar Móbil xa que xunto con esta páxina e o blogue do centro, serán os medios de información básicos que se empregarán. 

Poden tamén poñerse en contacto co centro a través do teléfono de contacto 886 151 171/ 886 151 172 ou a través do correo ceip.castrelo@edu.xunta.gal

PLAN MADRUGA "OS PRIMEIROS DA CLASE" CURSO 2020-2021

O Concello de Cambados ofertará o vindeiro curso 2020-2021 o servizo do Plan Madruga no centro como ven realizando nestes últimos anos. Para isto, o próximo mércores 15 de xullo de 2020 ata o venres 14 de agosto de 2020 ábrese o prazo para a entrega de solicitudes. Este trámite realizarase na Biblioteca Municipal de Cambados Luis Rei en horario de 8:30 h a 14: 00 de luns a venres.

A documentación que será necesaria presentar é a seguinte:

- número de conta bancaria para o pago do importe do servizo.

- DNI do pai, nai e daqueles usuarios do servizo (alumno/a/s).

- certificado laboral do pai e da nai.

- certificado de convivencia naqueles casos que así se requiran (familias monoparentais).

NON SE DARÁ ENTRADA A NINGUNHA SOLICITUDE QUE LLE FALTE ALGÚN TIPO DE DOCUMENTACIÓN.

 

Para calquera dúbida, consultar na propia Biblioteca ou a través do número 986 520 008.

Engadir que, nas condicións actuais en relación coa pandemia do COVID-19, este servizo estará condicionado ás indicacións das autoridades competentes.

CREACIÓN DO COLEXIO

Na década dos anos sesenta prodúcese en Galicia e en toda España o coñecido e denominado “baby boom”, que consistiu nun gran aumento da natalidade, acompañado  dunhas melloras sanitarias e alimenticias, producidas polo desenvolvemento económico deses anos, que tamén motivou un descenso no número de mortes. Así pois, todo isto provocou un lóxico aumento da poboación. A parroquia de Castrelo, cunha media de 35/40 nacementos por ano nesta década, tiña no ano 1969 2,200 habitantes, e era a parroquia máis poboada do concello de Cambados, sen contar o centro urbano.
    Para toda esta poboación só había daquela cinco escolas unitarias en toda a parroquia: dúas no Couto, unha na Bouza, unha na Valada e outra en Baltar. Para ilustrar este aumento de poboación consérvanse, por exemplo, datos de matrícula da escola unitaria de nenas do Couto-Lourido, da que era mestra Manuela Botana Padín, con números de 64 alumnas, no curso 63/64; ou de 56, no 69/70. Nas demais escolas tamén había matrículas moi similares.
       Esta situación levou a que os veciños de Castrelo reclamasen a construción dun grupo escolar, que era como daquela se denominaban, que dese servizo a toda a parroquia. Como o concello non dispoñía de terreos para a súa construción, constituíuse  unha comisión de veciños encabezada por Servando Castro Romay, José Fernández Oubiña, José Portela Padín e Julio Rey Rey, que, despois de feita unha subscrición popular, mercou os terreos necesarios no lugar denominado “Veiga da Agra”. En agosto do mesmo ano 1969 o alcalde de Cambados diríxese ao delegado provincial do Ministerio de Educación e Ciencia, achegándolle plano destes terreos, que acadaban unha superficie de 70 áreas e 45 centiáreas, e instándoo que urxa a tramitación do correspondente expediente para que poidan ser iniciadas as obras nese mesmo ano. Mais, os trámites burocráticos, ou outras circunstancias, retrasarían uns anos este desexo. E así non é ata o ano 1972 en que a comisión de veciños fai a cesión formal dos terreos adquiridos, que son aceptados polo concello no pleno celebrado o día 1 de decembro.
      Pero os 7.045 m/2 resultan insuficientes, xa que a idea do Ministerio é a construción dun centro completo de 16 unidades, de acordo coa nova Lei Xeral de Educación aprobada en 1970, para o que compre máis terreo. Feitas as oportunas xestións, o 2 de febreiro do ano seguinte os veciños de Castrelo, Ernesto Torres Cousido, José Manuel Padín Padín e Isabel González Camiña, asinan co alcalde de Cambados, Joaquín Fole Vilar, a cesión de dúas parcelas, denominadas “Veiga de Agra” ou “Con de Ramo”, para unir, polo leste, a outros terreos cedidos para a construción dun colexio nacional.
      Inscritos xa os terreos no Rexistro da Propiedade, e levantado plano polos servizos técnicos da Delegación Provincial do Ministerio de Educación e Ciencia, que dá unha extensión definitiva de 9.417,72 m/2, o delegado provincial comunícalle ao alcalde que, con data do 13 de xullo, se lle encargou a redacción do proxecto do colexio ao arquitecto Desiderio Pernas. No mes de agosto o Ministerio comunica que acepta o ofrecemento da parcela.
      Pasado máis dun ano, no mes de outubro de 1974 a Xunta de Construcións, Instalacións e Equipo Escolar do Ministerio de Educación e Ciencia anuncia a subhasta das obras, e o 22 de novembro adxudícallas á empresa Bernardo Falcón Acha por un importe de 26.600.000 ptas., pagadoiras en tres anualidades. O 16 de xuño de 1976 asínase a acta de recepción provisional das obras polo delegado provincial do ministerio, Jaime García García e o alcalde de Cambados, Isidoro Vaamonde Silva; e no curso 1976-77, dez anos despois de que aquel grupo de veciños iniciase as xestións para conseguir uns terreos, empeza a funcionar o tan esperado e desexado colexio nacional de Castrelo, cunha matrícula de 342 alumnos de EXB, sen que aínda, de momento, haxa alumnos de Preescolar. Isto non sería ata tres anos despois, cando se crean unidades deste nivel tanto no colexio coma nas antigas escolas unitarias do Couto e da Valada. Oficialmente a creación do Colexio Nacional de Castrelo (como daquela se denominaban os centros), materialízase a través dunha orde ministerial de data 18 de outubro de 1976, publicada no B.O.E. do 22 de novembro, na que se di que contará con 16 unidades de E.X.B. Así mesmo integraranse e trasladaranse ao novo edificio os seguintes mestres e mestras procedentes das escolas unitarias existentes na parroquia: Jesús Jorge Campos, da da Bouza, Carmen Celsa Lastres Radío, da da Balada, Dolores Segunda Vila Méndez e Francisco Barrros Barros, das do Couto-Lourido, e María Mouriño Arias, da de Serantellos, cubríndose o resto das prazas con persoal provisional.

O primeiro director do novo colexio foi Jesús Jorge Campos. No curso seguinte, 1977-78, é nomeada directora Dolores Segunda Vila Méndez, que seguirá no cargo ata finalizar o 1978-79, en que se trasladará de destino. Neste curso, como resultado co correspondente concurso de traslados de personal, cóbrense xa definitivamente tódalas prazas con mestres e mestras que, a maior parte, van estar no colexio moitos anos, dándolle polo tanto unha estabilidade ao cadro do profesorado, que permitirá a posta en marcha de proxectos e traballos a medio e longo prazo.
      No curso 1979-80 é nomeado director Carlos Rábade Pallares, que permanece no cargo ata outubro de 2007, en que se converte en inspector de educación. No curso 2007-2008 desempeña a dirección Xoán Antonio Pillado Silvoso, que se xubila ao remate do curso. Dende o curso 2008-2009 ata o 2011-2012 exerce a dirección Vicente Muñoz Hermida. Co comezo do curso 2012-2013 pasa a desempeñar a dirección do CEIP de Castrelo Soledad Oubiña Millán que estará ata o remate do curso 2028-2019, sendo substituída por María Luisa Rodríguez Veloso coa chegada do curso 2019-2020.
      Nestes anos, dende a fundación do colexio, foron moitas as cousas que pasaron. Centos de alumnos e alumnas estudaron nas nosas aulas; algúns seguiron cos seus estudos no instituto e incluso na universidade; outros seguiron o camiño da formación profesional; e outros tamén ingresaron directamente no mundo do traballo; pero todos levaron unha formación básica para podérense enfrontar á vida. Tamén foron moitos os profesores e profesoras que aquí impartiron a súa docencia, uns durante un breve período de tempo, outros botaron moitos anos; pero todos, cunha entrega total. A continuación faremos un pequeno repaso dalgúns dos feitos máis destacados que sucederon no seo da nosa comunidade educativa durante estes anos.

PROXECTO LINGÜÍSTICO DE CENTRO

Dentro da oferta educativa do centro, atópanse, ademais das linguas oficiais, o galego e o castelán, o traballo da Primeira Lingua Estranxeira- Inglés, o Plurilingüismo en Educación Primaria (área de Plástica) e o Plurinfantil (traballo da psicomotricidade nunha sesión semanal co inglés como lingua de interacción). Estes aspectos, así como distribución horaria, obxectivos, actividades... están recollidos dentro deste proxecto. Para máis información, consultar o adxunto.

PROXECTO DIXITAL

O CEIP Plurilingüe de Castrelo dende hai anos atópase dentro do Proxecto Abalar e dende hai 6 cursos tamén dentro do Proxecto EDIXGAL. Ademais destes, no curso 2019/2020 estableceuse como materia de Libre Elección de Centro nos niveis de 4º e 6º a materia de Robótica. Nesta contextualización, desenvólvese o Proxecto Dixital. Para máis información, consultar o adxunto.

PROXECTO LECTOR

No desenvolvemento de competencias e especialmente tendo en conta as da lectura e escritura sen olvidar outras como as de expresión oral, enmárcase o Proxecto lector do centro. Este foi reformulado, revisado e actualizado no curso 2019/2020. Para máis información, consultar adxunto.

Distribuir contido