blogue deadmin

O COLEXIO 1977 - 1985

     Curso 1977-78
      Ante a carencia de prazas escolares nas parroquias de Corvillón e Vilariño, que aínda non dispoñían de colexio e seguían funcionando con escolas unitarias, a delegación provincial de Educación dispuxo que os alumnos e alumnas de 2ª etapa de EXB destas parroquias acudisen provisoriamente ao colexio de Castrelo, que si dispoñía de espazo para atendelos. Así, durante dous cursos, os de Corvillón, e durante catro cursos, os de Vilariño, conviviron cos de Castrelo, o que supuxo unha experiencia moi enriquecedora para todos eles.
     
      Curso 1978-79
      Estabilízase o cadro de profesorado con nomeamentos definitivos. No mes de decembro un forte temporal levanta parte do tellado do colexio, o que obriga á suspensión das clases.
      Organízase por primeira vez unha excursión de fin de estudos co alumnado de 8º a Asturias. Ao regreso faise unha ofrenda floral en Santa Cristina de la Polvorosa, onde un par de meses antes morreran nun accidente alumnos e profesores dun colexio de Vigo.
     
      Curso 1979-80
      Empezan a funcionar as unidades de educación preescolar. O profesorado dos colexios da comarca do Salnés, entre eles o de Castrelo, organiza no mes de maio un ciclo de conferencias sobre “Historia de Galicia”, que se celebran en distintos centros. O día 28 o catedrático da Universidade de Santiago, Acuña Castroviejo, expón no noso colexio o tema “Formas de poboamento na Galicia castrexa e romana”.
     
      Curso 1980-81
      Seguindo na liña do curso pasado, continúase coa iniciativa de organizar  seminarios de actualización pedagóxica a nivel comarcal. No noso centro faise a presentación, o día 8 de novembro, dun método analítico-global para o ensino  da lectura e escritura; así como unha exposición de libros editados para o ensino da lingua galega, ante a inminente saída dun decreto da Xunta de Galicia, que ía regular este ensino, e que se inaugurou o 3 de decembro cunha conferencia de Bieito Ledo. A exposición tívose que prorrogar, ante a demanda de xente que viña a vela.
       Tamén neste mes, entre todos os colexios de Cambados organízanse unhas competicións deportivas, que rematan o día 19 coa celebración do Gran Cross Escolar Nadal-80 no noso colexio. No aspecto deportivo o Colexio de Castrelo participou activamente nas I Xornadas Deportivas, organizadas polo concello de Cambados para reivindicar a construción dun pavillón polideportivo, quedando campión en balonmán.
      Con motivo do Día das Letras Galegas publícase por primeira vez un traballo feito por alumnos e alumnas de 8º que se titulou “Cambados. Xentes, feitos e costumbres”
     
      Curso 1982-83
      No mes de decembro, alumnos e alumnas dos cursos de 4º a 8º elaboran un belén con figuras de barro feitas por eles, que é exposto na sala de sesións do concello de Cambados, xunto con traballos doutros colexios.
      En anos anteriores iniciárase unha serie de traballos de investigación referidos ao contorno no que vivimos, feitos por alumnos e alumnas da 2ª etapa de EXB. Pois ben, neste curso, dous traballos, un sobre “Os cruceiros do axuntamento de Cambados”, e outro sobre “Os montes  de Cambados”, merecen sendos primeiros premios do concurso escolar “Alfredo García Alén”, organizado polo Padroado do Museo de Pontevedra, no mes de xaneiro de 1984.
      Este ano a excursión de fin de estudos de 8º foi a Madrid, con visita por primeira vez ao Congreso dos Deputados.
     
      Curso 1983-84
       A principios deste curso, o concello de Cambados crea a Escola Municipal de Música, en colaboración coa Banda de Música de Castrelo. O noso colexio vai participar activamente nesta iniciativa coa cesión de aulas para impartir as clases, e cunha campaña de animación entre o noso alumnado, co obxecto de formar un viveiro de músicos, que co tempo pasarán a formar parte da banda de música da parroquia, dándolle continuidade á mesma.
      Co fin de “alentar os esforzos dos escolares galegos no coñecemento da súa propia cultura”, a Consellería de Educación e Cultura convoca por primeira vez os primeiros premios escolares “Xunta de Galicia”, para traballos que traten sobre costumes, lingua, literatura, música, xeografía, historia, tradicións, etc. galegas, e escritos en galego. O noso colexio foi premiado cun accésit de 75.000 ptas. polo traballo sobre “As telleiras de Castrelo”, construcións de carácter artesán para a fabricación de tellas e ladrillos, abundantes na zona, e que se atopaban a maioría delas en estado ruinoso ou semi-ruinoso.
     
      Curso 1984-85
      Continuando cos traballos de investigación sobre o noso contorno por parte de profesorado e alumnado da 2ª etapa de EXB, este ano un traballo, “Os xogos populares na parroquia de Castrelo”, será novamente distinguido polo Museo de Pontevedra cun primeiro premio. Este traballo foi a base dunha publicación máis ampla que se faría despois no ano 1997.
      Polo Entroido o concello de Cambados convoca por primeira vez un concurso de comparsas. Aproveitando a circunstancia de que neste curso hai algúns alumnos de oitavo que dominan un instrumento musical, por ser compoñentes da Banda de Música de Castrelo, fórmase unha comparsa no colexio, co título de “Os misiles pasotas”, que participa no concurso, acadando o segundo premio. O importe do mesmo serviría para axudar aos gastos da excursión de fin de estudos, que tivo por destino Salou, con visitas a Barcelona, comarca del Penedés, Zaragoza, mosteiro de Piedra e Soria. A participación da comparsa do colexio de Castrelo no Entroido cambadés sería unha constante durante tódolos seguintes anos (agás do 1992) ata o ano 1997, coa última promoción do oitavo curso da EXB. Todos estes anos a nosa comparsa sempre obtivo premio.
      O colexio tamén vai recibir un premio da Xunta de Galicia por "A arxila como recurso pedagóxico", como "Programa de desenvolvemento da investigación e innovación educativa".
        Particípase por primeira vez no concurso de collages que anualmente convoca a firma de chocolates “Nestlé”, acadando un dos 50 premios que a empresa reparte entre tódalas comunidades do estado español, entre máis de 20.000 traballos presentados.

O COLEXIO 1985 - 1990

     Curso 1985-86
      A Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, a iniciativa da Confraría de Pescadores de Cambados, decide poñer en marcha un programa de aulas escolares de acuicultura, co obxectivo de facilitarlle aos alumnos e alumnas “un nivel básico de coñecementos científicos sobre o marisqueo e a acuicultura que lles permita desenvolver no futuro a actividade marisqueira con criterios de profesionalidade”. O proxecto iniciarase este curso coa colaboración de tres colexios de Cambados (Antonio Magariños, San Tomé e Castrelo). Ante o éxito obtido, a iniciativa foise ampliando en sucesivos cursos a outros colexios da costa galega. En todos eles sempre estivo presente o noso colexio, ata o curso 1993-94, en que deixou de funcionar.
      Co importe do premio Nestlé conseguido no anterior curso, e achegas doutros premios, decídese comprar un forno de cerámica para cocer distintos traballos de barro que se están a facer nas clases de Expresión Plástica. Estes traballos tiveron unha grande acollida por parte de xente, tanto da parroquia, como do resto do concello e de fóra, polo que se decidiu poñer á venda algúns deles (cadros, macetas, telleiras, figuras de todo tipo…) para recadar fondos para as excursións de fin de estudos.
      Non nos esquecemos de seguir cos traballos de investigación sobre o noso contorno, e así o Museo de Pontevedra volveunos a premiar cun accésit por un traballo sobre “A festa de San Xoán en Castrelo”.
      Polo Entroido, contando coa colaboración de alumnos do curso pasado, que xa participaran na comparsa que se fixera, móntase outra este ano, baixo o título de “O circo dos Piruletas”, e conseguimos o primeiro premio.
      Tomando como guión o traballo feito no curso 83-84, un grupo de alumnos e alumnas elabora un vídeo documental de carácter etnográfico sobre “As telleiras na parroquia de Castrelo”, dentro dun curso experimental de imaxe que se iniciou neste ano. Tamén se fixeron dúas curtas máis cos títulos de “Dous fozóns en apuros” e “Quen fai unha película”.
      A excursión de fin de estudos deste ano foi a Madrid, con visitas a Ávila, Toledo, Aranjuez, La Granja de San Ildefonso e Segovia.
     
      Curso 1986-87
      A principios de curso o noso colexio é escenario da gravación para a Radio-Televisión Galega (RTVG), por primeira vez en Cambados, dun traballo feito por  alumnos e alumnas dentro do programa “A radio máis nova”, que se ven desenvolvendo en distintos centros de Galicia.
      Despois de catro anos recompilando refráns, adiviñas, contos, lendas, crenzas, cantares…, ou sexa, a tradición oral da zona de Cambados, e dun xeito especial da parroquia de Castrelo, no mes de novembro preséntase un libro que recolle todo este material baixo o título de “Cambados, a tradición oral”. En réxime de autoedición, publícanse uns mil exemplares que se poñen á venda, en primeiro lugar para sufragar a edición, e ademais para recadar fondos para a excursión de fin de estudos, que este ano faríase a Portugal (Porto, Aveiro, Figueira da Foz, Nazaré, Alcobaça, Lisboa, Estoril, Sintra, Coimbra).
      O Museo de Pontevedra convoca os premios “López Suárez–Castillejo”, para  traballos orientados a estudar calquera dos aspectos físicos ou naturais (ríos, montes, fontes, plantas, árbores, animais domésticos ou salvajes…) presentes no municipio, na parroquia ou na área de influencia do centro escolar. Neste mesmo mes de novembro o colexio de Castrelo acadaría o primeiro premio no apartado de “Árbores”, cun traballo sobre “As árbores da parroquia de Castrelo”, realizado polas alumnas e alumnos Eva Noelia Morales Blanco, Mark Stiven Wernink Vallejo, Vicente Figueroa Charlín e María de los Ángeles Alfonso Prado, dirixidos pola profesora Adela Leiro Lois. Dous meses despois, o Museo de Pontevedra tamén premiará cun accésit o traballo do noso colexio “O traballo do campo na parroquia de Castrelo” no concurso escolar “Alfredo García Alén”, feito polos alumnos e alumnas Adolfo Santaya Castro, Yolanda Prado Fontán, José Luis González Meis, Daniel Mayáns Casal e Mercedes Álvarez Álvarez, baixo a dirección do profesor Csrlos Rábade Pallares.
      Un acontecemento meteorolóxico que non se volvería a repetir en Castrelo, vai facer historia no colexio. O 14 de xaneiro a inmensa maioría de alumnos e alumnas coñecerán directamente e gozarán coa neve que ese día caeu na parroquia.
      Coa chegada do Entroido volvemos a presentarnos ao concurso de comparsas organizado polo concello de Cambados, conseguindo o primeiro premio. O título da comparsa este ano era “Río de Castrelo”.
      No mes de maio, os profesores do noso colexio, María Pilar Martínez Mateos, José María Heras Varela e Adela Leiro Lois, xunto con outros do Antonio Magariños, San Tomé, A Illa, Vilagarcía e Padrón, participarán como relatores nos “I Encontros de Experiencia Didáctica”, dirixidos pola inspectora Paz Lamela Vilariño e coordinados por Carlos Rábade Pallares, co obxecto de “dar a coñecer algunhas das experiencias que se está a desenvolver na comarca, e favorecer o intercambio das mesmas nun proceso de anovamento de cara á mellora da calidade do ensino”.
      Ao remate do curso prodúcese a primeira xubilación dunha profesora do centro, María Pereiró.
     
      Curso 1987-88
      A delegación provincial da Consellería de Educación autoriza á Asociación Cultural “Salnés-87” a utilizar o ximnasio do colexio para clases de baile e música tradicional galega.
      No primeiro trimestre iníciase a publicación do xornal escolar “O Castro”, que seguirá saíndo en sucesivos cursos, aínda que cunha periodicidade irregular, por mor dos axustes na programación escolar e tamén pola dependencia da concesión de subvencións pola Consellería de Educación.
      No concurso de comparsas do Entroido, organizado polo concello de Cambados, vólvese a obter premio, cunha chamada “Os Comediantes”
      O vídeo documental que no curso 85-86 se fixera sobre as telleiras de Castrelo espertou a curiosidade de moita xente afeccionada do mundo do audiovisual. O cambadés Juan Carlos Falcón Noya, inspirándose neste traballo, fai unha montaxe sobre “As telleiras de Arousa”, que recibe dous premios en cadanseus certames, o de Cine e Vídeo Afeccionado, de Vilagarcía de Arousa, e o de Cine e Vídeo Etnolóxico das Comunidades Autónomas, celebrado en Huesca.
      Por segunda vez conséguese un premio da firma de chocolates Nestlé no certame de collages que esta convoca.
      Co gallo do Día das Letras Galegas o concello de Cambados convoca uns concursos de “Lemas” e “Traballos Lexicográficos”, obtendo o noso colexio o primeiro e segundo premios da primeira modalidade, e o premio único na segunda polo traballo "O léxico dos traballos tradicionais”.
      Dentro do Plan de Innovacións Educativas obtense un premio pola confección dun "Dicionario Etnográfico do Salnés".
      A viaxe de fin de estudos foi este ano a Barcelona.
     
      Curso 1988-89
       A pouco de empezar o curso, no mes de outubro, un acontecemento veu revolucionar ao alumnado. As cámaras de TVE escollen o noso colexio, xunto con outros tres, en toda Galicia, para gravar varias secuencias do popular programa televisivo “Juego de Niños”. Neste programa, que adopta a modalidade de concurso, un neno ou unha nena dá, ao seu entender, a definición dunha cousa, e unha persoa adulta ten que adiviñar de que cousa se trata. É doado entender o orgullo e inmensa alegría de todos estes nenos e nenas que puideron ver a súa imaxe nun programa que se emitía a  toda España.
      As inquedanzas de anovación pedagóxica de grande parte do profesorado da comarca do Salnés, que nos últimos anos se viña materializando en cursiños, xornadas, seminarios e reunións con intercambios de experiencias, levan á conclusión da necesidade da creación dunha asociación que sirva de canle organizativo das mesmas. Así, a principios de curso, constitúese a Asociación de Ensinantes do Salnés “Candea”, elixíndose a súa xunta directiva, presidida pola profesora do noso centro, Adela Leiro Lois. En sucesivos cursos e ata o día de hoxe esta asociación ven desenvolvendo unha importantísima actividade de formación e divulgación entre o profesorado, tanto de educación infantil, como primaria ou secundaria.
      No mes de novembro o concello de Cambados organiza unha campaña para animar ao uso do galego, e para apoiala convoca un concurso de lemas e outro de lexicografía entre os escolares. Dúas alumnas nosas, Conchi Rodiño Fraga, co lema “Onte, hoxe,mañá… o galego”, e Carmen Castro Rodiño, co lema “Vive, sinte e fala en galego” fanse co primeiro e co segundo premio; e un traballo colectivo feito polo ciclo superior, dirixido polo profesor Saúl Otero Otero, gaña tamén o primeiro premio dos traballos lexicográficos.
      Polo Entroido a comparsa deste ano denominouse “Castrelo-Oil”.
      Por primeira vez un grupo de alumnos e alumnas é seleccionado para participar nun proxecto iniciado tres anos antes a nivel estatal, denominado “Escolas Viaxeiras”; e que consiste en que tres grupos de alumnos e alumnas de tres colexios de distintas comunidades autónomas pasen unha semana de convivencia noutra comunidade. Nesta primeira ocasión o lugar de encontro foi en Navarra, na cidade de Estella.
      Con motivo da celebración do “Día con xornais e sen libros” celebrado no mes de maio a Consellería de Educación da Xunta de Galicia selecciona os mellores traballos escolares sobre a prensa escrita en cada provincia. Na provincia de Pontevedra, no ciclo inicial de EXB resultou elixido o traballo titulado “O periódico” do alumno do noso colexio, Héctor Moldes Muñiz.
      A Costa Brava, en concreto Lloret de Mar, foi o destino da viaxe de fin de estudos deste curso, con visitas a Barcelona, Figueres (Museo Dalí), Cavas Codorniú en San Sadurní d’Anoia, Zaragoza, Mosteiro de Piedra.
     
      Curso 1989-90
      Na segunda campaña para o fomento da utilización do galego, promovida polo concello de Cambados, a alumna Ana Belén Gondar Figueroa consegue o terceiro premio do concurso de lemas con “Sinte e fala en galego”. No marco da mesma campaña, un traballo colectivo do noso colexio, titulado “A adega”, cunha recompilación de léxico, adiviñas e coplas, obtivo o primeiro premio do concurso lexicográfico.
      A Asociación de Ensinantes do Salnés “Candea”, nacida no curso pasado, organiza nos meses de decembro e xaneiro seis seminarios para intercambio de experiencias educativas; e dous deles desenvolveranse no colexio de Castrelo, un sobre matemáticas e ciencias naturais e outro sobre expresión plástica.
      Á comparsa deste ano puxémoslle o nome de “Os Piratas”.
      Dentro das visitas que dende hai cursos se viñan facendo a distintas institucións,  o 6 de marzo un grupo de setenta escolares da segunda etapa de EXB do colexio de Castrelo acudiron ao Parlamento de Galicia, onde unha funcionaria lles explicou as funcións do Parlamento como órgano lexislativo e o control que sobre a actuación da Xunta lle corresponde exercer á cámara. Esta visita foi obxecto dun amplo reportaxe ao día seguinte no xornal “La Voz de Galicia”.
      O 1º de maio o concello de Cambados organiza a I Festa da Bicicleta, na que participan uns oitenta alumnos e alumnas da segunda etapa de EXB. Dende este ano e ata o 1995 vaise participar de forma colectiva nas sucesivas festas, cunha presenza media dunhas noventa persoas entre alumnos e profesores.
      Neste mesmo mes, o Museo de Pontevedra fai entrega dos tradicionais premios “Alfredo García Alén”, correspondéndolle o primeiro no apartado de “Apeiros de labranza e aparellos de pesca” a un traballo feito polas alumnas e alumnos María José Casal Radío, Marcos Manuel Fernández Gondar, Mariña Rivas Cacabelos, Felipe Portas González e Manuel Barbeito Domínguez, baixo a dirección da profesora Adela Leiro Lois.
      Asimesmo tamén, por segundo ano, un collage elaborado colectivamente no noso colexio recibe un dos cincuenta premios que outorga a multinacional de chocolates Nestlé, entre máis de 15.000 traballos presentados de toda España.
      Os Alumnos e alumnas que este ano acababan os seus estudos de EXB fan unha viaxe a Madrid, pasando por Salamanca e Ávila, e desprazándose a Cuenca, Segovia e La Granja de San Ildefonso.

O COLEXIO 1990 - 1995

     Curso 1990-91
      A III Campaña de Animación ó Emprego do Galego vai deixar este ano no noso colexio dous premios do concurso de lemas, o primeiro por “Dende nenos ata vellos, en galego”, da alumna de sétimo nivel Sabela Pillado Villaronga, e un accésit para “¿Darlle á lingua?. Si, pero en galego”, tamén dun alumno de sétimo, Isidro Dozo Valladares. En canto ao concurso lexicográfico o colexio de Castrelo foi o único en presentar un traballo, “O millo”, ao que o xurado acordou darlle o segundo premio, deixando deserto o primeiro.
      No mes de xaneiro a Asociación Ecoloxista de O Grove, que viña celebrando dende hai tres anos a Semana da Árbore, decide ampliar o seu campo de acción á comarca, pasándose a denominar Colectivo Ecoloxista do Salnés. A Semana da Árbore pois vai ter un carácter comarcal, e o noso colexio participa activamente na mesma.
      Este mesmo colectivo vai tamén colaborar directamente coa Asociación Candea na organización dun cursiño de carácter medioambiental, durante os meses de abril e maio, tendo como punto de referencia a enseada do Umia, e que se levou a cabo no noso colexio.
      Un ano máis participamos, e somos distinguidos co segundo premio, no Entroido de Cambados coa comparsa “Os Galopíns”.
      O 18 de abril o curso de oitavo fai unha viaxe a Santiago de Compostela, visitando o Parlamento e a exposición “Galicia no tempo”
      O traballo que no curso pasado obtivera un premio do concurso escolar”Alfredo García Alén” merece a atención da Consellería de Pesca, que decide subvencionar a súa edición co título de “O traballo no mar”. A publicación estrutúrase en sete capítulos nos que se catalogan e describen ata sesenta tipos de artes, aparellos e barcos, cun complemento no que se fai referencia a ditos, refráns e vocabulario; e tivo unha grande repercusión en toda a xeografía galega, sobre todo nas zonas costeiras.
      Nos concursos escolares organizados polo Museo de Pontevedra este ano conséguense accésits no “López Suárez-Castillejo”, cun traballo de todo o curso de sétimo sobre “A medicina popular”, dirixido polos profesores Saúl Otero Otero e Xoán Antonio Pillado Silvoso; e por primeira vez no “Emilia Estévez Villaverde”, de creación literaria, con dúas poesías, “A gaita”, de María Jesús Besada Troncoso, alumna de oitavo, e “O mar”, de María del Carmen Leiro Peña, de sétimo. A entrega de premios celebrouse o 14 de maio nun acto levado a cabo no Museo de Pontevedra.
      Na I Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil orgaizada polo concello de Cambados, con motivo da Semana das Letras Galegas, un grupo do noso colexio actúa na Sociedade Cultural de Cambados.
      No concurso Collage 1991 de Chocolates Nestlé, que este ano tomaba como tema “O mundo dos animais”, o noso centro é de novo escollido como un dos cincuenta gañadores.
      As Aulas de Acuicultura seguen co seu éxito e este ano a Consellería de Pesca premia aos alumnos e alumnas participantes (toda a segunda etapa de EXB) cunha excursión á Illa de Ons o día 7 de xuño.
       O Ministerio de Educación e Ciencia, xunto co Banco de Crédito Agrícola, convocaron este ano, por primeira vez, os premios “Escuela y Naturaleza”, co obxecto de fomentar entre os escolares e EXB e Ensino Medio, de todo o ámbito estatal e incluso de colexios españois no estranxeiro, actividades que sirvan de beneficio para o medio ambiente e a defensa da natureza. O colexio de Castrelo consigue un terceiro premio, e con tal motivo un grupo de dez alumnos e alumnas de sétimo, que foron os que levaron adiante o traballo coa colaboración dos demais da segunda etapa, viaxaron a Madrid para recoller o premio o día 24 de xuño.
       A excursión de fin de estudos deste ano supuxo un salto importante nas feitas ata agora. Grazas en gran parte á venda de traballos de cerámica, que gozaron dunha gran popularidade en todo o contorno, e ao traballo de alumnos e alumnas na recadación de fondos, con venda de rifas, camisetas e outros actos, a excursión deste ano consistiu nunha estancia dunha semana na illa de Tenerife, con visitas a distintos lugares, como o parque nacional do Teide e outros, e destacando sobre todo a recepción que se nos fixo no concello de Icod de los Vinos, con intercambio de agasallos, que aínda se poden ver no salón de actos deste concello.
     
      Curso 1991-92
      O comezo deste curso foi do máis triste en toda a súa historia. Unha semana despois de iniciadas as clases, o día 22 de setembro morría a profesora María Dolores Cacabelos Serén (Lola), que levaba no colexio dende o ano 1980.
      Un traballo de investigación sobre o ecosistema do esteiro do río Umia, feito por tres alumnas de oitavo dentro das actividades da aula de Ciencias Naturais, recibe un premio da fundación privada “El Águila”, promovida pola empresa papelera catalana  Torraspapel. O premio consistiu nunha viaxe para unha alumna, decidida entre elas por sorteo xa que de acordo coas bases só podía ir unha, a EEUU (Orlando, Miami, Cabo Kennedy, Bush Garden e parques naturais de Everglades e Cayo Hueso). A alumna que representou ao grupo foi Belinda Meis Blanco, e a viaxe levouse a cabo entre o 1 e o 9 de decembro.
      Uns días despois, a alumna de sétimo Romina Oliveira Alfonso recibe un premio do concurso de lemas da Campaña  municipal de fomento de emprego do galego.
       Foi unha grande alegría para todos os que formamos parte do profesorado, que no primeiro trimestre deste curso nacese na parroquia de Castrelo unha asociación xuvenil, “Xurdir”, formada por exalumnos e exalumnas, unidos por uns lazos de compañeirismo e amizade que, en gran parte, naceron e se forxaron no noso colexio. Durante bastantes anos esta asociación demostrou un gran dinamismo e capacidade de iniciativa coa organización de múltiples actividades (magosto, comparsa, deportes, cabalgata de Reis, festas…). O seu primeiro presidente foi Carlos Carrión Álvarez, da promoción de oitavo do 85. 
      Ante os cambios nas bases do concurso de comparsas  do Entroido, introducidas polo concello, tomouse a decisión de non participar no mesmo, aínda que si a comparsa do colexio, que este ano ía co nome de “Fantasía Francesa”, percorreu as rúas de Cambados animando o ambiente.
        Por iniciativa de varios mozos compoñentes da Banda de Música de Castrelo, moitos deles exalumnos, esta iniciou no mes de abril unha serie de concertos didácticos, impartidos no noso colexio e abertos a todo público, coa finalidade de fomentar a cultura musical sobre todo entre os máis novos.
      Como xa viña sendo habitual, o alumnado de oitavo fai unha visita ao Parlamento de Galicia o 11 da maio.
      A prensa, os xornais, as revistas, é un recurso didáctico que se viña utilizando dende hai tempo no noso colexio en distintas áreas (ciencias sociais, naturais, lingua, matemáticas, expresión plástica…). Pero este ano varios profesores do centro, que fixeron a través de UNED un curso sobre a utilización da prensa nos colexios, decidiron poñer en marcha unha experiencia chamada “Aula de Prensa”, na que alumnos e alumnas amais de seguir utilizando a prensa como material de traballo, coñeceron as interioridades e funcionamento dos medios de comunicación. Esta experiencia rematou cunha gran exposición, na que colaboraron xornais de toda España, contestando á nosa petición co envío de exemplares (máis de cento vinte e cinco), e que tivo moito éxito de asistencia entre pais e veciños.
      Aproveitando a circunstancia de que neste ano 92 coincidiu a celebración de varios eventos históricos (Descubrimento de América, Olimpiadas, Exposición Universal…), dende o colexio tamén quixemos ser partícipes dalgún deles e organizamos a viaxe de fin de estudos á Expo de Sevilla, entre o 14 e o 19 de xuño, facendo visitas a Salamanca, Plasencia, Cáceres, Mérida, Covas de Aracena e Coto de Doñana. Uns días antes, o curso de sétimo fai unha excursión á Illa de Ons, dentro do programa das Aulas de Acuicultura.
     
      Curso 1992-93
      Comezou o curso cunha serie de actividades de contacto directo coa natureza por parte do alumnado de oitavo nivel, coa realización de itinerarios polo monte Castrove, Armenteira e praia da Lanzada.
      Chegado o Entroido e grazas á sona adquirida  pola nosa comparsa na zona, somos invitados a participar no desfile do Entroido de Vilagarcía. A experiencia foi bonita, mais tamén moi esgotadora para rapaces e rapazas, e por iso decidimos non participar en sucesivos anos. No Entroido de Cambados conséguese o segundo premio, co título de “Charlestón”.
      No ámbito deportivo cambadés viña funcionando dende hai catro anos unha escola de fútbol infantil, “A Pastora”, á que Castrelo sempre aportou un número importante de  compoñentes. A reportaxe feita polo Faro do Vigo o 8 de abril dá conta da importante presenza de alumnos do colexio de Castrelo nesta escola deportiva.
      O ano 1993 foi Ano Santo Compostelán, e con tal motivo a Xunta de Galicia fixo unha intensa campaña de  promoción do Camiño de Santiago. Contaxiados de tal ánimo, alumnos e alumnas do ciclo superior xuntamente con profesores e profesoras fixeron un tramo da última etapa do camiño, dende Lavacolla á catedral de Santiago, o día 15 de abril.
       Coincidindo coas festas parroquiais de Santa Cruz (3 e 4 de maio) abríronse no colexio dúas exposicións de traballos escolares, en colaboración coa Asociación de Ensinantes Candea e a Asociación Xuvenil “Xurdir”. Unha, titulada “Mirando ao mar”, formada por varios paneis nos que se explicaban distintos aspectos da fauna e da flora tanto continental como marítima. A outra amosaba traballos feitos en barro (macetas, cadros, figuras de todo tipo, telleiras, piornos…), cocidos no forno e coreados, que se puxeron á venda para recadar fondos para a excursión de fin de estudos, e que tiveron un grande éxito
      A organización das Aulas de Acuicultura, que centraba gran parte da súa actividade nas Rías Baixas, decide levar aos alumnos e alumnas de sétimo a pasar dous días á zona das Rías Altas, con aloxamento nun albergue xuvenil de Sada.
      “O zapping” e “Comerei dous” son os títulos de dúas obriñas de teatro que senllos grupo de teatro formados no noso colexio representaron no ciclo de teatro infantil e xuvenil, dentro da programación municipal da Semana das Letras Galegas.
      A viaxe de fin de estudos deste ano fíxose á Costa Brava e Barcelona.
      O curso rematou cunha boa noticia, a alumna de sétimo curso, Irene Cacabelos Vieites, foi unha das premiadas no concurso que a Consellería de Cultura organizou a nivel de toda Galicia con motivo da campaña de fomento á lectura. Esta alumna ganaría posteriormente, xa estudando bacharelato, varios premios de poesía; e hoxe é unha destacada xornalista.
     
      Curso 1993-94
      Vinte grupos de escolares pertencentes a distintos centros da provincia de Pontevedra, entre eles o noso, van participar este ano nun proxecto de educación medioambiental, organizado polo Servizo de Medio Ambiente Natural da consellería de Agricultura, en colaboración con asociacións ecoloxistas. No mes de outubro faise unha  visita guiada á Lanzada en compañía de membros do Colectivo Ecoloxista do Salnés, e uns días despois unha viaxe á Casa das Ciencias da Coruña o día 29.
      O gañador do concurso de lemas da campaña municipal de fomento ao emprego do galego foi este ano un alumno de sexto de EXB, Gonzalo Vázquez Cao, coa frase “Bla, bla, bla… si, pero en galego”.
      Os longos anos de traballos de investigación sobre o mundo das telleiras deron como resultado que dous profesores de Castrelo, Adela Leiro Lois e Saúl Otero Otero, e un do colexio de San Tomé, Xosé Ramón Padín Daporta, publicasen un libro, “As telleiras (Cabaqueiros)”, no que se recollen non só a descrición destas antigas construcións industriais de carácter artesán e todo o proceso de fabricación de tellas e ladrillos, senón tamén o duro mundo dos homes que nelas traballaban, que deu lugar tamén ao nacemento dun vocabulario específico da profesión. A presentación do libro fíxose no noso colexio, o 10 de decembro, e con tal motivo tamén se inaugurou unha exposición con paneis informativos, fotos e material diverso que estivo aberta ata as vacacións de Nadal.
      Este ano adiantouse a visita do curso oitavo, que se facía normalmente máis na primavera, ao Parlamento de Galicia, e tamén aproveitamos para ir ao Museo do Pobo Galego.
      A Asociación de Ensinantes do Salnés “Candea” organiza un cursiño sobre o tema “Imaxe na escola”, coa colaboración do noso colexio, que cede as súas instalacións, dirixido ao profesorado de educación infantil, primaria e secundaria, que é a nova denominación das etapas educativas a partir da aprobación da LOXSE no ano 1990. O curso desenvolveuse durante o segundo e terceiro trimestres.
      O primeiro premio do concurso de comparsas do Entroido cambadés, en categoría infantil, recaeu na comparsa “Mambo”, do colexio de Castrelo.
      Ante o interese suscitado pola exposición sobre as telleiras, entre o público en xeral e sobre todo nos ámbitos educativos da zona, decídese darlle un carácter itinerante, e son varios os colexios nos que se instala, como foi o caso dos de Dena e Vilariño.
      Por segundo ano consecutivo as Aulas de Acuicultura levan ao alumnado de sétimo a pasar dous días nas Rías Altas, no mesmo sitio do ano pasado. Este ano sería o último desta interesante experiencia que deu a coñecer a alumnos e alumnas de moitos lugares de Galicia o mundo do mar e as posibilidades económicas da súa explotación racional. A consellería de Pesca non volvería a convocar máis a celebración das Aulas.
      O concurso de collages de Chocolates Nestlé premia este ano a tres colexios do concello de Cambados, Corvillón, San Tomé e Castrelo.
      A viaxe de fin de estudos vólvese a facer este ano á illa de Tenerife, destino que se repetirá nos tres anos seguintes, ata que se dá por extinguida a EXB no curso 1996-97, de acordo coa nova LOXSE.
     
      Curso 1994-95
      O concurso de lemas da campaña de animación ao emprego do galego deixa este ano en Castrelo dous premios, o terceiro a “Menos contos e… en galego”, de Vanessa Gómez Martínez, e o quinto a “En galego. Xa é hora”, de Mari Paz Fernández Gondar.
      A empresa Acquavisión Galicia, dedicada a facer excursións náuticas pola ría e que xestiona un acuario no Grove, anuncia a posta en marcha de programas pedagóxicos con colexios e centros educativos. Para toda a comunidade educativa do colexio de Castrelo foi unha grande satisfacción o saber que o material didáctico que se vai empregar nestes programas, elaborado en colaboración coa Asociación de Ensinantes do Salnés “Candea”, baséase no traballo feito no seu día no noso colexio sobre o mar e que contara co apoio da Consellería de Pesca.
      As asociacións de pais dos colexios Antonio Magariños e San Tomé, que formaron un grupo de teatro (“Teatro Caracol”) para actuar ante os seus fillos, invítannos á representación de “A bela e a besta”, que terá lugar o 10 de febreiro. Alí, pois, acudiron os alumnos e alumnas de Educación Infantil e de 1º, 2º e 3º de E. Primaria.
      No concurso de comparsas do Entroido recibe o primeiro premio o noso colexio, coa súa comparsa “Salsa Mora”.
      O 16 de marzo o curso de oitavo xira visita ao Parlamento de Galicia e Museo do Pobo Galego.
      Dentro das actividades de prácticas do cursiño de “Imaxe na escola”, que se fixera o ano pasado, o profesorado do noso colexio que participara nel, iniciou, coa colaboración do alumnado, unha recolleita de fotos antigas nos seus domicilios, que amosaban a vida, costumes, traballo e acontecementos da parroquia. Co interesantísimo material localizado entre o curso pasado e este, fíxose unha exposición durante os días das festas patronais (3 e 4 de maio), que houbo necesidade de ampliar quince días máis polo gran éxito acadado.
      Nos anuais concursos do Museo de Pontevedra, no “Emilia Estévez Villaverde”, de creación literaria, dúas alumnas de Castrelo conseguiron accésits, Miriam Abal González, na modalidade de narrativa, e Ángeles Fernández González, en poesía.
      No último ano que a firma de chocolates Nestlé convoca o seu concurso de collages, o colexio de Castrelo despídese cun novo premio, cun traballo inspirado en Simbad, xa que o tema deste ano era o de “contos infantís”. A fin de curso, profesores que dirixiron o grupo gañador asistiron, invitados pola firma patrocinadora, a un cursiño de Expresión Plástica en Sevilla.
      Remata o curso cunha boa noticia, a Consellería de Educación publica do Diario Oficial de Galicia a licitación das obras de cuberta da pista polideportiva do colexio.
     
     

O COLEXIO 1995 - 2000

       Curso 1995-96
      Comeza o curso cunha homenaxe a unha exprofesora do colexio, Celsa Lastres Radío, por parte das que foran as súas alumnas na Escola Unitaria da Balada, na que impartiu clases dende o ano 1967, antes de que se construíra o novo colexio, ao que se incorporou dende o 1976 ata o 1979. A homenaxe celebrouse o día 9 de setembro.
      O 11 de outubro faise a presentación dun libro que recolle o froito de traballos escolares de moitos anos anteriores, “O campo en Castrelo”. É a primeira publicación dunha longa serie que  irá saíndo en sucesivos anos, baixo a responsabilidade do Equipo de Normalización Lingüística, e que irá tratando distintos temas, tanto de tipo etnográfico, como histórico, xeográfico ou literario, produto dos traballos feitos sempre polo alumnado.
      E guiados por este espírito de normalización lingüística os nosos alumnos seguen a colleitar premios no concurso de lemas da campaña de animación para o emprego do galego, que anualmente convoca o concello de Cambados. Este ano Pablo Dopazo Gondar é premiado polo seu lema “O galego non se desfixo nin se desfará. Se o falas ti, permanecerá”.
      As cámaras da Televisión Galega desprazáronse o 13 de decembro ata o noso colexio para gravar un programa nas aulas de Educación Infantil.
      No mes de febreiro recibimos con alegría a noticia de que un exalumno, Fernando Vázquez Cao, recibiu o Premio Extraordinario de Educación da Xunta de Galicia, ao remate dos seus estudos de bacharelato.
      Novamente no Entroido é gañadora a comparsa do colexio de Castrelo, co título de “Os cantareiros”.
      En aplicación da LOXSE, a Consellería de Educación publica a Rede de Centros, que contempla impartir no noso colexio a Educación Infantil e a Educación Secundaria. A Asociación de Pais de Alumnos, o mesmo que outras da zona, solicita que no colexio de Castrelo tamén se imparta a Educación Secundaria. Esta reivindicación non sería atendida polas autoridades educativas. Sen embargo, nos dous cursos seguintes, debido á escaseza de prazas nos institutos de Cambados, o CEIP de Castrelo foi autorizado a ter provisoriamente clases de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).
      O 15 de maio, dentro do Ciclo de Teatro Infantil e Xuvenil da Semana das Letras Galegas, un grupo do noso colexio representa, na Sociedade Cultural de Cambados, a obra “Na taberna”.
      Se a principios de curso se facía a presentación dun libro editado polo Equipo de Normalización Lingüística, agora a finais, o 6 de xuño, tamén se presenta outra publicación, que toma como base, recollendo, actualizando e ampliando, o traballo premiado polo Museo de Pontevedra no ano 1991, “A medicina popular”.
     
      Curso 1996-97
      A empresa Acquavisión Galicia, que elaborara unhas guías didácticas a partires dun traballo  noso, consegue que a Deputación de Pontevedra subvencione visitas de centros escolares pola ría, con contemplación dos fondos mariños e do traballo nas bateas. Así, alumnos e alumnas da segunda etapa de EXB, en setembro, e de 3º e 4º en xuño farán unha viaxe pola ría en catamarán, con visita ao acuario do Grove.
      O 18 de novembro foi un gran acontecemento para todo o alumnado, coa actuación do coñecido Mago Antón, que encantou a grandes e pequenos.
      No concurso de lemas para a “Campaña de animación ó emprego do galego”, este ano consegue un premio o alumno de 1º de ESO Iago Radío Rodríguez, co lema “Falar galego é sentir galego”.
      Seguindo co espírito de íntima colaboración entre colexio e banda, uns días antes das vacacións de Nadal, a Banda de Música de Castrelo obsequiounos cun concerto.
      Este ano no que, de acordo co prescrito na LOXSE, desaparece a EXB, é tamén o último en que, por razóns de idade do alumnado, participamos por última vez no concurso de comparsas do Entroido. A despedida é cun primeiro premio á nosa comparsa “Magos Verdes”.
      E, como despedida, amais da viaxe de fin de estudos que, como xa dixemos, foi a Tenerife, fanse distintas actividades co curso de oitavo. Así o 21 de marzo, despois dunha marcha a pé dende Castrelo a Cambados, repóñense enerxías cunha comida campestre no monte da Pastora.
      A compañía de “Teatro Caracol”, formada por nais e pais dos colexios Antonio Magariños e San Tomé, fai no mes de maio unha nova representación no salón de actos do Instituto Francisco Asorey, á que acude a totalidade do colexio.
      Un día deste mesmo mes, na clase de Ciencias Naturais de quinto, ao tratar do tema das máquinas, xurdiu entre o alumnado a idea de traer algunhas das súas casas, para ver o seu funcionamento práctico en clase. A idea estendeuse a todo o colexio, e o que ía ser unha lección de tecnoloxía dun curso converteuse nunha exposición etnográfica de moi alto nivel, polo que se estimou oportuno abrila ao público. Máquinas, ferramentas e trebellos de todo tipo, do campo, de oficios, da casa, etc. compuxeron unha das mellores exposicións que se fixeron no colexio.
      Dentro do programa de “Viaxes culturais”, da Xunta de Galicia, o curso de 1º de ESO vai pasar dous días (12 e 13 de xuño) a Cabeza de Manzaneda.
      A finais de curso faise a presentación doutro libro editado polo Servizo de Dinamización Lingüística titulado “Xogos populares”, que tomaba como base o traballo feito durante o curso 84-85, e que foi premiado daquela polo Museo de Pontevedra.
      Coa implantación da Educación Secundaria, para o vindeiro curso pasarán a seguir desenvolvendo a súa función no IES Francisco Asorey os profesores  Teresa Cao, Adela Leiro, Francisco Movilla e Carmen Rodríguez.
     
      Curso 1997-98
      A principios de curso contamos cunha actuación moi novidosa. Patrocinado pola Deputación de Pontevedra instalouse no recinto do colexio un planetario móbil, que fixo as delicias de todo o alumnado.
      Como tamén foi unha novidade o tradicional belén montado con figuras de barro feitas polos propios alumnos e alumnas. Este ano o tema no que se baseou a montaxe foi todo o proceso de elaboración do viño.
      A TVG tiña un programa de humor titulado “A Repanocha”, no que ía xente a contar chistes, e fíxolle unha invitación ao colexio para participar no mesmo. Atendendo á mesma, o día 6 de marzo actuaron neste programa os alumnos Christian Pablo Oliveira Alfonso, Raquel Santos Parada, Carlos Heras Martínez e Roberto Vieites Martínez.
      A visita deste ano ao Parlamento de Galicia, por parte do alumnado de 2º curso de ESO, foi diferente a doutros anos, pois no día da visita (25 de marzo) había sesión plenaria, e todos puidemos ver en directo, o que só viramos antes por televisión.
      Como este ano non hai fin de estudos, xa que 2º de ESO terá unha continuación en 3º e 4º no instituto, non se programa a tradicional excursión de despedida; pero si se teñen distintas actividades, como a excursión ás fervenzas do río Toxa e mosteiro de Carboeiro.
      No último trimestre do curso, os profesores responsables da área de Plástica, coa idea de acercar o mundo da arte, solicitan a 25 artistas do Salnés a cesión dun cadro, que sería reinterpretado polos alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO, e despois trasladado a un mural no exterior do centro. A iniciativa, á que se denominou “Eles e nós”, tivo un gran éxito, e aínda hoxe se poden contemplar no valo exterior do colexio as reinterpretacións daqueles xovencísimos aprendices de artista.
     
      Curso 1998-99
      Empeza o curso cunha grata noticia, un exalumno do noso colexio, Juan Manuel Álvarez Serto, da promoción de oitavo de 1992, que cursou estudos de Formación Profesional, é distinguido polo Ministerio de Educación e Ciencia co primeiro premio, a nivel estatal, polo seu expediente académico e pola realización dunhas probas en Madrid.
      No mes de abril celébrase a “Semana da Prensa”, cunha exposición de xornais de todo o mundo e a confección dun mapa de radios e televisións da comunidade autónoma, e tamén se participa no programa de “Cine na escola” organizado por Caixa Galicia.
      E do cine pasamos ao teatro, co grupo “Caracol”, coa representación de “Peter Pan”, á que acude todo o colexio.
      O Servizo de Normalización Lingüística dedicou este curso a investigar o vocabulario no campo da gastronomía, e isto deu como resultado a publicación, no mes de maio, dun novo libro co título de “101 receitas con imaxinación”. Con este libro tamén se presentou o que se fixera o ano pasado, pero que non se editou a tempo para ser presentado daquela. O libro, baixo o título de “A parroquia de Castrelo” é un traballo que abrangue a súa xeografía, personaxes, lendas, arte e historia.
       Instaurado xa definitivamente o novo modelo de escolarización previsto pola LOXSE, que establece a educación primaria ata os doce anos, reconsidérase tamén o tipo de excursións de fin de estudos que se viñan facendo, e óptase por facer tamén unha cando os alumnos rematen a Educación Primaria en 6º curso, pero de menos días e a un sitio máis próximo. Inícianse neste curso as excursións polo norte, a Asturias e Cantabria, que se virían repetindo en anos sucesivos ata a actualidade.
     
      Curso 1999-2000
      Non ben acabou de empezar o curso, alumnos e alumnas de 5º e 6º, fan unha viaxe en catamarán pola ría de Arousa, saíndo de Vilagarcía e con parada en Rianxo para xantar e visitar unha escola-obradoiro. 
      Despois de levalo intentando varias veces dende o curso 88-89,  concédeselle de novo ao colexio de Castrelo a participación no programa de “Escolas Viaxeiras”. Este ano, no mes de outubro, o desprazamento sería a La Rioja, convivindo con outros grupos de Molina (Murcia) e Sant Cinent (Cataluña), dende o 12 ao 18 de outubro.
      Polo Nadal, o Concello de Cambados organiza un concurso de postais e o debuxo gañador, que tamén é reproducido nos carteis anunciadores dos actos do Nadal, é da alumna de quinto Viviana Otero Padín.
      O mundo da informática empeza a introducirse en tódolos ámbitos sociais e, por suposto, o campo do ensino non pode ser alleo a este novo fenómeno. O colexio de Castrelo vai ser un dos primeiros da zona en optar por este camiño e, entre outras cousas, abre unha páxina web dentro de outra que puxera en marcha o organismo Eixo Atlántico, formado por distintos concellos galegos e portugueses, co enderezo www.xanela.com.
      Un ano máis a compañía de teatro “Caracol”, das APAs de Santomé e A. Magariños, obséquianos cunha nova representación, “A Cincenta”, o 4 de abril.
      Neste mesmo mes, o programa de “Cine na escola”, que iniciara o ano pasado Caixa Galicia, organiza nun cine de Cambados a proxección da película “Un mundo a su medida”, para os cursos 4º, 5º e 6º.
      A finais de curso a asociación Candea inaugura unha orixinal exposición, “O lixo vale”, con traballos feitos por escolares de toda a comarca do Salnés con materiais de refugallo; entre eles algúns do colexio de Castrelo, como unha bicicleta feita con pezas doutras.
     
   
    

O COLEXIO 2000 - 2005

      Curso 2000-01
      A entrada de España na Unión Europea non significou só ter unha única moeda, como así sucedería a partir do próximo ano; senón tamén a posibilidade de que centros escolares de todo o ámbito estatal puidesen participar en proxectos comúns con outros centros de Europa. O denominado Proxecto Sócrates contemplaba a realización dun programa común de traballo, con intercambio de experiencias, entre centros de Educación Primaria de Europa. Despois de máis dun ano de preparativos, o colexio de Castrelo, conseguiu que a UE aprobase un programa, baixo a nosa coordinación, con participación doutros seis centros europeos: Ecole Elementaire Les Jardins, de Thor (Francia); School Sint Vincencius, de Buggenhout (Bélxica); Scuola  Elementare di Baricella, de Malbergo (Italia); 7º Ecole Primaire Stafidalona d’Egio (Grecia); Ankarscolan de Träslövslage (Suecia); e Rolloskolen de Fakse (Dinamarca). O programa, baixo o título de “Tradición e Cultura”, tivo un carácter de investigación etnográfica sobre aspectos tradicionais, como os xogos populares, a medicina popular ou a gastronomía, e desenvolveuse durante este curso e os dous seguintes. Era a primeira vez que un colexio de Cambados se embarcaba nun proxecto deste tipo.
      Nas festas do Nadal, o concello de Cambados premia o debuxo do alumno de 5º Daniel Couceiro Blanco, que ilustrará as postais de felicitación do concello e o cartel anunciador dos festexos destas datas.
      Despois da celebración do Ano santo de 1999, a Xunta de Galicia inicia unha campaña de promoción do Camiño de Santiago entre os centros escolares, baixo o nome de “Ven ó Camiño”, que consiste en subvencionar o desprazamento ata unha das etapas e a durmida nun albergue de peregrinos. Neste primeiro ano alumnos e alumnas de quinto fixeron a pé un tramo da etapa Vilalba-Sobrado dos Monxes, no Camiño do Norte, aloxándose no albergue de Baamonde, entre os días 13 e 14 de febreiro.
      O Proxecto Sócrates tamén contemplaba o intercambio de profesores para reunirse e facer un seguimento dos traballos comprometidos, así como tamén ver a realidade doutros centros e intercambiar experiencias. Así entre os días 17 e 20 de febreiro membros do claustro visitan a Ecole Elementaire de Thor (Francia). Cara a finais de curso, nos meses de maio e xuño, estes intercambios multiplícanse, co desprazamento de distintas profesoras a Fakse (Dinamarca), a Altedo (Italia) e a Thor (Francia). Dende o 4 ata o 16 de xuño estivo con nós un profesor da Ecole Primaire de Stafidalona-Egio (Grecia).
      A Federación de Libreiros de Galicia, que levaba anos organizando os premios “Irmandade do Libro”, para premiar as iniciativas a prol da defensa e promoción do libro de medios de comunicación, autores, editoriais, institucións, colexios e libreiros, na súa X edición decide concederlle un accésit ao colexio de Castrelo, polo conxunto de traballos de investigación e edición de publicacións, organización da biblioteca, participación en actividades de fomento de emprego da lingua. O acto de entrega de premios celebrouse en Vigo. Co estímulo deste premio, o claustro pon en marcha, a finais de abril, a I Campaña de Animación á Lectura, coa compra de libros e promoción da biblioteca escolar. Para facer esta campaña máis atractiva ao alumnado créase incluso unha mascota, o trasno “Castrélix”, que acadou unha grande popularidade entre o alumnado, e que co tempo tamén sería o emblema acompañante de tódalas actividades do colexio. O tema da campaña centrouse no cómic, baixo o lema “Un cómic, un millón de aventuras”, e con tal motivo fíxose unha exposición de cómics de distintas épocas e tamén de distintos países, aproveitando os intercambios do Proxecto Sócrates. A editorial Santillana decidiu implicarse tamén nesta campaña, colaborando co patrocinio dunha sesión de contacontos na biblioteca.
      Esta campaña tomou o relevo doutra exposición “¿Para que serve un xornal?”, con motivo da Semana da Prensa, na que se amosaban nesta ocasión  xornais e revistas dos seis países participantes no Proxecto Sócrates. Coincidindo con esta mostra, alumnos e alumnas de 5º e 6º asistiron á charla impartida por unha ilustradora, Marta Riera, que lles explicou os secretos da técnica para facer eses debuxos que acompañan os textos dos libros, e que tanto nos gustan.
      Por outra banda a Consellería de Educación organizou este curso a campaña “Entre nós, en galego”, para promover e prestixiar a utilización da nosa lingua, e o CEIP de Castrelo, xunto cos de As Covas-Meaño e A Lama, foron os premiados a nivel provincial na categoría de “Actividades e experiencias de normalización nos centros educativos”. Estes centros tamén recibiron un premio a nivel galego nun acto celebrado en Santiago de Compostela o 18 de maio, onde lles foi entregado polo presidente da Xunta.
      Xa a nivel local, o alumno de 4º  Esteban Otero Martínez recibe o primeiro premio de lemas da campaña municipal de “Animación ó emprego do galego”.
      Entre as actividades de fin de curso destacan este ano a excursión de 3º e 4º ao parque de Bracalandia, en Braga (Portugal), a de 5º ás Illas Cíes, e a visita, que despois se repetiría en sucesivos cursos do curso de 6º ao obradoiro do internacional escultor, nacido nesta parroquia de Castrelo, Manolo Paz.
      Pero o acontecemento máis emotivo deste curso foi a celebración do XXV aniversario da creación do colexio. Despois de que, grazas á teimosía daqueles veciños que conseguiron os terreos necesarios, o colexio de Castrelo fose unha realidade a partir do ano 1976, moitos foron os acontecementos que nestes vinte e cinco anos se sucederon, como aquí vimos de sinalar. Todos eles, reflectidos en fotos, recortes de prensa, escritos ou traballos escolares, foron a base dunha exposición que, inaugurada o 1 de xuño, estivo aberta durante quince días, cun grande éxito de asistencia de exalumnos, exalumnas e veciñanza en xeral. Como remate aos actos conmemorativos, un xantar no que o actual profesorado confraternizou con antigos compañeiros e compañeiras de claustro.
      Finaliza o curso coa presentación dun novo libro editado polo Servizo de Normalización Lingüística sobre “Os cruceiros de Castrelo”
     
      Curso 2001-2002
       O Proxecto Sócrates segue a súa marcha encetada o ano pasado e, xa incluso antes do inicio das clases, empezan as actividades, como a xuntanza de coordinación celebrada en Fakse (Dinamarca), á que acoden representantes de Castrelo. No mes de febreiro tamén se participa en Egio (Grecia) na segunda reunión de coordinación. Nos programas de intercambio de profesorado, dous profesores e seis alumnos de secundaria de Fakse permanecerán entre nós dende o 6 ata o 12 de outubro; e  no mes de maio viaxarán a Suecia dous membros do claustro do noso colexio.
      E, por suposto, unha das consecuencias da entrada na Unión Europea foi a de ter unha moeda común, que entraría en vigor a principios de 2002. Para iso, para que o conxunto do alumnado se fose habituando ao uso da nova moeda, o 18 de decembro celebrouse unha charla no colexio, coa colaboración de Caixanova e a ANPA.
      Caixanoxa, no marco da súa obra social, organiza tamén distintas actividades culturais, como foron os concertos de música para escolares de Primaria que celebraba no teatro García Barbón, de Vigo, aos que acudiron os cursos de Educación Infantil o 14 de xaneiro e os de 1º, 2º, 3º e 4º o 11 de abril; ou a charla que deu un conferenciante no mesmo colexio, para os cursos 5º e 6º, sobre “Os cruceiros en Galicia”
      O Día da Paz, que se celebra a finais do mes de xaneiro, tivo este ano un significado especial, pois fíxose conxuntamente con tódolos colexios de Cambados, na praza de Fefiñáns, coa realización dunha cadea humana, lectura de manifestos, canto do “Himno da alegría”, e solta dun globo de papel e de pombas.
      Novamente vólvese participar no programa “Ven ó Camiño”, e o curso de 5º fai un tramo da etapa Ribadeo-Mondoñedo, con estancia pola noite no albergue de Vilanova de Lourenzá, e visita á cidade de Lugo.
      Por segunda vez a Federación de Libreiros de Galicia concédelle ao noso colexio un accésit nos premios “Irmandade do Libro”, nun acto celebrado na Coruña; e tamén por segunda vez a campaña “Entre nós, en galego”, da Consellería de Educación, distingue ao colexio co segundo premio provincial polas actividades e experiencias normalizadoras e, no apartado de carteis e lemas, á alumna Anadía Viñas Fraga (terceiro premio provincial en segundo ciclo) e ao alumno Daniel Couceiro Blanco (segundo premio provincial en terceiro ciclo).
      Seguindo coa campaña de animación á lectura, encetada o ano pasado, este ano, baixo o título “Mergúllate na maxia da lectura”, o eixe central sobre o que xirará a mesma será a maxia e tódalas súas facetas, dende as lendas ata as personaxes relacionadas con ese mundo. Dentro desta campaña dará unha charla o ilustrador Evaristo Pereira.
      Nun concurso de contos organizado pola Fundación Comarcal do Salnés, a alumna de 4º, Iria Torres Prieto, queda finalista co relato “Un conto de medo”.
     
      Curso 2002-03
      O mesmo có ano pasado, antes de comezar as clases, celébrase a xuntanza de coordinación de principio de curso do Proxecto Sócrates en Buggenhoutt (Bélxica).
      A principios de curso preséntase o libro editado no curso pasado polo Servizo de Normalización Lingüística, “Vellas fotos da parroquia de Castrelo”, que é un resumo de 250 fotografías das máis de mil recollidas polos alumnos nas súas casas, e que abarcan distintos aspectos da vida en Castrelo a través dos anos (retratos familiares, festas, oficios, música, folklore, actos relixiosos, diversións…).
      Entre o 8 e o 14 de outubro un grupo de alumnos e alumnas de quinto participarán no programa “Escolas Viaxeiras”, desprazándose a Puente la Reina (Navarra).
      Se houbo algún acontecemento externo á vida do colexio, que impactase fondamente na vida escolar, e na sociedade galega en xeral, ese foi o afundimento do petroleiro “Prestige”, fronte á Costa da Morte o día 13 de novembro. A súa pegada estivo presente en numerosas actividades ao longo do curso, creando un alto grado de concienciación medioambiental no alumnado. Confeccionáronse murais que reflectían a traxedia, participouse nunha manifestacións escolar en Cambados, formouse unha cadea humana no patio con motivo do Día da Paz, e foi tamén motivo de inspiración do belén que se fixo polo Nadal, e de intercambio de traballos cos colexios participantes no Proxecto Sócrates. E o mar, o fondo mariño, a súa riqueza, foi o tema que ambientou a campaña de animación á lectura deste ano co título “Un mar de libros”. Tamén o rexeitamento á guerra de Irak, no mes de abril, coa realización de murais e manifestos, estendeu esa conciencia a un sentimento pacifista.
      Fóra disto, foron numerosas as actividades levadas a cabo neste curso, destacando os desprazamentos de tódolos cursos a Pontevedra para ir a un concerto ou a ver unha obra de teatro en distintas datas de xaneiro, febreiro e abril; do 2º e 3º ciclos á Coruña (Casa das Ciencias, Domus, Acuario); do 1º ciclo en tren de Vilagarcía a Santiago; de 5º e 6º ao Museo de Pontevedra. Pero a experiencia máis interesante foi desde logo a protagonizada por un grupo de 35  alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º que participaron na campaña “A miña primeira viaxe en avión”, que patrocinada por Halcón Viajes, levounos de ida e volta a Madrid o 19 de marzo.
      No programa “Ven á Camiño” este ano participan dous cursos, quinto coa etapa Vilalba-Guitiriz, facendo noite no albergue de Baamonde, e sexto coa etapa Sarria-Portomarín, e estancia no albergue de Portomarín. Ao día seguinte os dous cursos fixeron unha visita ao Museo de Lugo e á cidade.
      Nun acto celebrado en Pontevedra o 15 de marzo, a Federación de Libreiros concédenos outra vez un accésit dos premios “Irmandade do Libro”, na categoría de centros de ensino.
      Unha alumna de segundo, Aldara García Ibáñez, é gañadora do concurso de lemas para o uso do galego, convocado polo concello de Cambados con motivo do Día das Letras Galegas, coa frase “Máis ca nunca, en galego”.
      Como este ano remataba o Proxecto Sócrates iniciado no 2000, entre o 13 e o 16 de xuño terá ligar no noso colexio a reunión de fin de proxecto, co fin de facer un resumo e avaliación de todo o traballo feito. A conclusión á que se chegou foi que o proxecto cumpriu cos obxectivos que se fixaran cando se iniciou, e que resultou unha experiencia moi positiva e enriquecedora, que nos anima a emprender novas iniciativas. Un libro, editado por tódolos colexios participantes, co título do proxecto “Tradición e Cultura”, e que se presentou neste acto, recolleu un resumo dos traballos feitos.
     
      Curso 2003-04
      As denominadas novas TIC (tecnoloxías de información e da comunicación) seguen o seu camiño imparable tamén no campo do ensino. O noso colexio, que xa viña incluíndo a materia de Informática nos seus plans de estudos, este ano vai participar en varias experiencias novas deste campo. Así particípase no programa “Netdays”, con outros colexios de Galicia, que inclúe a elaboración dunha páxina web na que colaboran profesorado e alumnado. Tamén, coa supervisión dunha profesora da Universidade de Santiago, particípase no proxecto “Educación e Internet”, baseado no intercambio de correos electrónicos con outros escolares de Brasil e Portugal.
      Pero o programa que ilusionou máis a todo o mundo, polo seu contido e porque tivo unha continuidade en sucesivos cursos, foi o de “Audiovisual nas aulas”, impulsado pola Consellería de Educación a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, para que os escolares se familiarizasen coa cultura e as imaxes audiovisuais. O programa, que este primeiro ano adoptou o título de “AU 2003”, levouse a cabo dun xeito experimental en só unha ducia de centros de toda Galicia, entre eles o noso, e consistiu nunhas charlas dadas por unha monitora enviada polo Consorcio Audiovisual, que por certo foi unha exalumna do colexio, Sabela Pillado Villaronga; e unha serie de actividades de tipo práctico, como foi a asistencia nunha sala de cine de Vilagarcía á proxección da película “El bosque animado”, a visita aos estudos de TVG, ou a presenza do actor Antonio Durán “Morris” no noso colexio, onde nos explicou a todos algúns segredos da súa profesión. E, dende logo, a satisfacción non puido ser maior, ao ver que a Consellería de Educación nomeaba como coordinador do programa para toda Galicia ao profesor do colexio Miguel Anxo Fernández Fernández.
      Antes de que chegase a primavera, no mes de febreiro, por parte de alumnos e alumnas, incluídos os máis pequenos de Educación Infantil, procederon á plantación dunhas sesenta árbores de especies autóctonas doadas pola Dirección Xeral de Montes da Xunta de Galicia.
      Tamén nesta época, na que aínda vai frío, vinte e dous alumnos e alumnas, dos trinta e oito de 5º e 6º, tiveron a súa primeira experiencia de contacto coa neve o 1º de marzo, cando facían un tramo do Camiño de Santiago, entre O Cebreiro e Triacastela, dentro do programa “Ven ó Camiño”, con durmida no albergue de Triacastela, e visitas a unha granxa de polos, a un obradoiro artesanal de tecer e ao mosteiro de Samos. 
      Despois de levar nos últimos anos varios accésits nos premios “Irmandade do Libro”, neste a Federación de Libreiros de Galicia distínguenos co primeiro premio, nun acto que se celebrou en Ferrol, polo conxunto de traballos feitos no pasado curso na campaña de animación a lectura, co slogan de “Un mar de libros”. E na campaña de animación á lectura deste ano vai haber unha novidade. Á parte de que os alumnos se despracen a Cambados ou Pontevedra para ver teatro, a partir de agora tamén virán grupos de teatro ao colexio para amosarnos os seus traballos. O primeiro será  a compañía de Miro Magariños, que representará “O vendedor de paxaros”, unha orixinal mestura de traballo de actor e sombras chinescas.
      Atendendo á convocatoria do Museo Pedagóxico de Galicia, e na liña do traballo feito o curso anterior coas vellas fotos de Castrelo, organízase unha recolleita de fotos  antigas relacionadas co mundo infantil e escolar da parroquia, coas que se fai unha exposición. Esta exposición será distinguida polo museo co primeiro premio, entregado nun acto que se celebraría no curso seguinte, no mes de decembro.
      Dende a implantación da Educación Primaria e Secundaria en substitución da EXB, e tamén debido ao cambio de hábitos familiares, eran moitas as persoas que viñan demandando a implantación da xornada única escolar. Despois de varios anos de consultas, nunha votación realizada entre pais e nais, aprobouse por unha ampla maioría o establecemento da xornada única, para que entrase en vigor no seguinte curso.
      Para redondear este ano de tantas iniciativas novidosas, o escultor Manolo Paz, co que o colexio mantén dende hai tempo unha cordial relación, prestouse de xeito voluntario e totalmente gratuíto a realizar unha escultura para instalar no patio do colexio. Entusiasmados coa idea dende o colexio ofreceuse toda colaboración e xestionouse a doazón dunha pedra por parte dunha canteira, e o correspondente transporte grazas a unha empresa da parroquia. No proceso de  realización da escultura, que foi seguido con grande interese por tódolos alumnos e alumnas, colaboraron os escultores Moncho Pazos, Rafael Alba e Miguel Fandiño, estes dous últimos exalumnos do colexio. Nunha votación feita entre alumnos e alumnas decidiuse poñerlle o nome de “Pedra da auga”.
      E acaba o curso coa boa noticia de que a Consellería de Educación vai arranxar na súa totalidade o tellado do colexio, moi deteriorado, e que viña sendo demandada a súa reparación dende hai tempo.
     
      Curso 2004-05
      Despois da experiencia do curso pasado no programa de Audiovisual nas Aulas, a Consellería de Familia invita ao colexio de Castrelo a participar nun foro chamado “Os medios de comunicación e a infancia”, celebrado no mes de outubro, onde alumnos e alumnas, guiados por profesionais da TVG ocuparon tódolos postos necesarios para que un programa saia adiante: realización, guión, cámaras, técnicos de son e iluminación, maquillaxe, presentación…
      Este ano a Consellería de Educación elixiu o noso colexio para facer a presentación, presidida polo delegado provincial da Consellería de Educación, ante os medios de comunicación das actividades do programa “Audiovisual nas aulas”, que se vai centrar na animación. Alumnos e alumnas confeccionaron figuras de plastilina para darlle vida a unha pequena curtametraxe elaborada baixo a dirección de monitores especializados.
      O programa “Ven ó Camiño” levounos a facer, en febreiro, un tramo entre Melide e Boente (Arzúa), durmindo no albergue de Melide e visitando a granxa de Castro de Rei, a cidade de Lugo, o mosteiro de Sobrado dos Monxes e unha queixería en Arzúa.
      Pola súa parte, a Consellería de Medio Ambiente inicia neste curso un programa, “Primavera viva”, co obxecto de concienciar á poboación escolar na conservación da natureza. Por encargo da consellería, monitores virán dar charlas ao colexio, acompañarannos en visitas por lugares de especial interese ecolóxico, monte Siradella, Roxique, O Bao, a ribeira de Castrelo… Entre os traballos feitos polos colexios participantes, o noso, que trataba sobre o cardo leiteiro, consigue o segundo premio provincial, consistente nun día de excursión ás Illas Cíes o 16 de xuño.
      Tamén un segundo premio provincial foi o que nos caeu no certame de música da campaña de normalización lingüística “Entre nós, en galego”, que se celebrou no auditorio de Lalín.
      No marco da obra cultural de Caixanova, tódolos alumnos e alumnas tiveron a oportunidade este curso de asistir, en distintas datas, a algunha das obras teatrais que se representaron no Pazo da Cultura de Pontevedra. Así pois, este ano, dentro da campaña de animación á lectura substituíuse o teatro por unha actuación do mago Rafa, ou por unha charla dunha señora xaponesa, que pasaba uns días de vacacións en Castrelo, sobre os costumes daquel país.
      Finalmente, co gallo do Día das Letras Galegas, entre os lemas escollidos no concurso de lemas que organiza o concello de Cambados para a campaña de fomento do galego, figuraba o da alumna Anadía Viñas Fraga, “Quero medrar sabendo falar galego”.

O COLEXIO 2005 - 2008

    
      Curso 2005-06
      Despois da avaliación positiva que se fixera ao remate do programa Sócrates (que agora denominarase “Comenius”) desenvolvido entre o 2000 e o 2003, e tamén despois dun ano de preparativos, neste curso comezamos outra experiencia europea. Baixo o título “A literatura popular, unha historia común”, o colexio de Castrelo vai coordinar durante tres cursos un novo programa no que participarán os centros: Heisenberg – Gymnasium, de Hamburgo (Alemaña); Collêge Laetitia Bonaparte, de Ajaccio (Córcega-Francia); Escola do 1º ciclo do Ensino Básico Pinhal, de Vila do Conde (Portugal); e Scoala cu clasele I – VIII nr. 5 “Ghita Mocanu”, de Onesti (Romanía). A reunión inicial celébrase no noso colexio o 19 de setembro, con asistencia de representantes de tódolos centros participantes, e xa mediado o curso, no mes de febreiro, farase en Ajaccio (Córcega) a primeira xuntanza de seguimento. Aínda que non figuraba entre as actividades programadas, grazas ás boas relacións establecidas, acordouse facer a finais de curso una excursión de intercambio co colexio de Vila do Conde, e así, o 1 de xuño recibimos aquí a visita de 70 alumnos e alumnas portugueses, e una semana despois, foron os cursos de 3º e 4º de Castrelo os que lles devolveron a visita. Durante o curso recolléronse contos e lendas que se plasmaron en murais, cómics, libriños, que se intercambiaron entre os colexios.
      A principios de curso toda a comunidade escolar foi testemuña dun deses fenómenos meteorolóxicos que se repiten de cando en vez, e que poden ser calificados de históricos polas persoas que teñen o privilexio de vivilo, como foi cando a nevada do ano 87. O día 3 de outubro produciuse un eclipse anular de sol, que puido ser contemplado sen problema por todos grazas a  unhas lentes especiais.
      Empeza xa a ser máis habitual que hai anos a concesión de asistencia ás “Escolas Viaxeiras”, e este ano un grupo de alumas e alumnos de 4º e 5º desprázanse a Burgos, onde compartirán experiencias con outros grupos de Arrecife (Lanzarote) e de Cretas (Teruel).
       Polo labor feito  nas sucesivas campañas de animación á lectura e organización da biblioteca, a Asociación de Libreiros de Galicia vólvemos a distinguir este ano con outro premio (1º accésit), nun acto celebrado en Viveiro; e a nivel municipal son seleccionados os relatos de tres alumnas de 6º, Caterina dos Santos, Atenea Prado e Tamara López, para optar ao premio nacional convocado pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil.
      Outro premio acadado foi o primeiro no concurso “Mergullándonos nas Illas Atlánticas”, organizado polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, ao mellor mural representativo dos valores naturais destes espazos, e que consistiu nunha excursión á illa de Ons.
      O programa “Ven ó Camiño” toca ao seu fin este curso, pois a Xunta de Galicia non volvería a convocalo. Nesta última edición fixemos un tramo, no mes de maio, dende O Cebreiro ata Hospital, con durmida no albergue do mosteiro de Samos, e visitas á cidade de Lugo, factoría de Leite Río e Aula de Natureza de O Veral.
      A música tamén tivo o seu protagonismo este curso, con charlas-concertos do grupo Ardentía, o 15 de novembro,  e do gaiteiro Xaquín Xesteira, o 11 de maio.
      O programa “Audiovisual nas Aulas”, amais das charlas e traballos de aula, contou coa presenza dun equipo de TVG  no colexio que gravou un programa feito polos alumnos, que elaboraron o guión baseado en parodias de diferentes programas da televisión; e que foi emitido despois por esta canle. Ao remate do curso os escolares visitaron os estudos de TVG e participaron como público nun dos programas.
      Despediuse o curso coa aprobación pola Consellería de Educación das obras de peche da pista deportiva, converténdoa nun verdadeiro pavillón.
     
      Curso 2006-07
      Proseguindo co programa Sócrates encetado o ano pasado, neste curso celebraranse dúas xuntanzas de seguimento e coordinación. A primeira, na segunda semana de outubro, en Hamburgo; e a segunda, o 5 e 6 de febreiro, en Vila do Conde. Compre destacar o mérito do profesorado do colexio de Onesti (Romanía) que, a pesar de que o goberno do seu país non lle concedeu axuda económica para a prórroga do proxecto, decidiu seguir participando de xeito particular no mesmo.
      As obras de peche da pista cuberta motivou que, por razóns de seguridade, durante unhas semanas, parte do patio de recreo estivese vedado para o lecer infantil, pero o resultado final compensou. O colexio de Castrelo conta xa cun pavillón que vai  permitir que as clases de educación física e a práctica de deportes se poidan levar a cabo en calquera época do ano.
      Foi unha satisfacción para todos que, con motivo da presentación en Santiago, a primeiros de outubro, do programa “Audiovisual nas Aulas” para este curso (AU 2006), se proxectase, como exemplo do traballo feito,o programa de televisión elaborado no noso centro o curso pasado. Este curso a actividade práctica centrouse na filmación de curtametraxes con teléfonos móbiles, e na visita en Santiago á exposición “Galicia dixital” o 25 de abril.
      Para recoller o premio conseguido no concurso “O Parlamento: a túa Casa”, organizado polo Parlamento de Galicia, alumnos e alumnas de 6º e 5º viaxaron o 19 de outubro a Santiago, onde participaron na simulación dunha sesión parlamentaria, visitaron o Museo Pedagóxico de Galicia e fixeron unha curiosa xira polos tellados da catedral.
      A defensa dos animais foi o tema dunha charla dada por representantes da Sociedade Protectora de Animais, de Cambados, o día 28 de novembro, no noso colexio.
      A campaña de animación á lectura deste ano tivo como lema “A lectura, unha ilusión”, baseada no mundo do circo e da maxia, que foi ambientada, como non podía ser menos coa actuación, o 21 de maio, do mago Javier Muro. No mes de novembro xa se fixera tamén a presentación do libro “Que medo!”, que recolleu os traballos, feitos no ámbito do proxecto Sócrates, de plasmar literaria e graficamente aquelas personaxes imaxinarias ( e ás veces reais) creadas pola tradición da zona para asustar aos máis pequenos. A asistencia a representacións teatrais este ano foi destacada, coa viaxe de distintos cursos a Pontevedra, ao Auditorio de Caixanova, en dúas ocasións, novembro e febreiro; e ao Auditorio de Cambados de tódolos cursos, o 5 de marzo.
      Un ano máis, a Federación de Libreiros de Galicia concédenos, en Carballo, un accésit polos traballos de dinamización da lectura e da biblioteca feitos no curso pasado.
      E, aínda que este ano a Xunta de Galicia non levou adiante a actividade de “Ven ó Camiño”, con durmida nun albergue, o programa Xacobeo, dependente da Xunta, si patrocinou saídas dos colexios a puntos do Camiño no mesmo día; e así alumnos e alumnas de 5º e 6º puideron andar un tramo da etapa de Melide a Arzúa.
      O Servizo Preventivo Asistencial de Dogrodependencias, que xa viña desenvolvendo o seu labor dende hai anos na comarca, con charlas e actividades nos centros escolares, promove a finais de curso un concurso de carteis entre os alumnos e alumnas participantes nestas actividades, e dálle o segundo premio ao cartel “Sen alcohol e sen tabaco a túa vida molará mazo” elaborado por Antía Arosa González, Patricia F. Cousido, Aldara García Ibáñez, Paula Gondar Núñez, Iria Gondar Santorum, Sandra Romero Álvarez e Damián Gómez Figueiras, de 6º curso.
     
      Curso 2007-08
      Comeza o curso con importantes novidades. O 1 de outubro, o director, Carlos Rábade Pallares, comunícalle ao claustro do colexio o seu nomeamento como inspector para a provincia de Lugo,cesando xa que logo no seu destino no colexio, despois de vinte e nove anos no mesmo, dos que vinte e oito ocupou o cargo de director. Por este curso farase cargo da dirección o xefe de estudos, Xoán Antonio Pillado Silvoso, xa que ao rematar xubilarase, despois tamén de trinta anos de servizo no centro. O equipo directivo complétase con Soledad Oubiña Millán, como xefa de estudos, e Ángel Ucha Cochón, como secretario, que xa o viña sendo dende o ano 1997.
      Este curso tocaba rematar o proxecto Sócrates iniciado no ano 2005, e despois da última xuntanza de coordinación, feita a principios de curso, en Ajaccio (Córcega), correspondeunos, como centro coordinador, organizar a sesión de clausura, que se fixo entre os días 20 e 24 de xuño. O profesorado dos centros participantes, de Hamburgo, de Ajaccio, de Vila do Conde, de Onesti e de Castrelo, fixo un balance totalmente positivo, xa que o coñecemento das distintas literaturas populares, que, por certo, demostrouse que ás veces non eran tan distintas, permitiunos a todos unha mellor comprensión da sociedade europea. Antes, no mes de decembro, fixérase a presentación do libro “Unha chea de contos”, unha selección de contos populares recollidos polo alumnado nos cursos anteriores, de acordo cos obxectivos do programa. A presentación deste libro reflectiuse dias máis tarde no programa cultural da TVG “Libro aberto”. Como última actividade de intercambio cómpre salientar que o día 6 de xuño recibimos de novo a visita de profesoras e alumnos da Escola Pinhal de Vila do Conde, aos que obsequiamos cunha representación teatral de títeres e unha visita por Cambados en tren turístico.
      A especial relación do mundo do audiovisual co noso colexio plasmouse tamén noutros feitos. O 3 de outubro, alumnos e alumnas de 6º actuaban como figurantes na rodaxe dun episodio da serie “Efectos Secundarios”, que a produtora CTV facía para a  TVG; e esta mesma produtora o 30 de maio realizaba no noso centro un casting para seleccionar rapaces que participarían no programa, tamén da TVG, “O país dos ananos”, no mes de setembro do curso seguinte. Por suposto, seguimos a participar no proxecto “Audiovisual nas Aulas”, que nesta ocasión se centrou na realización de videoclips; e que na súa presentación en Santiago, na sede do MUPEGA, coa presenza da conselleira de Educación, contou coa intervención da alumna do colexio, Andrea Falcón Leal, en representación do alumnado participante no proxecto. 
      Entre os días 6 e 12 de novembro, un grupo de alumnos e alumnas de 6º desprázase a Zaragoza para participar no programa “Escolas Viaxeiras”, convivindo estes días con grupos da Kurtzebarriescola de Aretxabaleta (Guipúzkoa) e do Colegio Rural Agrupado Río Yeltes de Villavieja de Yeltes (Salamanca).
      Coa chegada do Nadal, a asociación de comerciantes de “Cambados Zona Centro” convoca un concurso de postais, que é gañado polo alumno de 6º Manuel González Rodríguez. Outros premios conseguidos foron o de lemas para o fomento do emprego do galego, por Crístofer Martínez, no mes de maio; e o de carteis convocado polo Servizo Preventivo Asistencial de Dogrodependencias, a un traballo presentado por Araceli Fernández, Fátima Chaves, Andrea Castro, Elena Fontenla e Jorge González, de 5º, tamén en maio.
      A asistencia a representacións teatrais este ano tamén foi destacada. Amais da sesión de títeres cando a visita do colexio de Vila do Conde, acudiuse  ao Auditorio de Cambados o 25 de outubro, ou ao de Caixanova en Pontevedra en tres ocasións: febreiro (1º e 2º), marzo (3º e 4º) e abril (5º e 6º). Esta mesma entidade patrocinou unha viaxe en tren dos cursos de Educación Infantil e 1º dende Pontevedra a Vigo.
      E no eido do medio ambiente as actividades tamén foron varias. A primeira foi a asistencia dos cursos 5º e 6º á exposición “Máis que auga”, organizada por Caixa  Galicia no Auditorio de Cambados, o 20 de decembro. “Cambados á beira do mar”,   unha actividade coa colaboración da Federación Galega da Cultura Marítima, a Confraría de Cambados e a asociación Guimatur, permitiu que alumnos e alumnas de 6º puidesen facer unha xira pola ría nun barco de cerco e que recibisen unha explicación práctica no areal do Serrido de cómo se apaña marisco por parte de mariscadoras profesionais. Caixa Galicia organizou tamén a “Operación Carballo”, consistente en repoboar de carballos os montes de Galicia, e o 26 de marzo alá fomos, a Ribeira, ao monte de San Roque, a participar con outros colexios na plantación de carballos. No mes de maio, despois dunha charla preparatoria, alumnos e alumnas de 5º foron á Illa de Ons, convidados polo Padroado do  Parque Nacional das Illas Atlánticas.
      Unha das liñas de actuación do colexio foi a de apoiar iniciativas de exalumnos e exalumnas, como foi, por exemplo, o caso da asociación xuvenil “Xurdir”, ou que tivesen libre acceso ás pistas para a práctica de deportes. Este ano un grupo de amantes da informática organizou unhas xornadas de convivencia, baixo o nome de “Salnés Party”, que se celebraron os días 1 e 2 de maio.
     

Dependencias do CEIP de Castrelo

Para ver as dependencias do noso centro pincha no seguinte enlace.

 

Datos de Contacto

TELÉFONO:

886 151 171

FAX:

886 151 175

ENDEREZO POSTAL:

CEIP DE CASTRELO

A BOUZA 96

36639 CASTRELO

CAMBADOS - PONTEVEDRA

 

ENDEREZO ELECTRÓNICO:

ceip.castrelo@edu.xunta.es

 

Onde estamos

O CEIP de CASTRELO pertence á parroquia de Castrelo, Concello de Cambados. Ten unha poboación aproximada de 3.000 habitantes. É unha parroquia rural na que se atopan os seguintes lugares como son O Facho, Revolta, Serantellos, As Quintáns, Bouza, Baltar, A Barca, A Xesteira, Couto de Arriba e Couto de Abaixo. 

Foto do cole

Distribuir contido