A MAXIA DO RURAL NO MUSEO DE BELLAS ARTES NO 3º NIVEL B

Como inicio deste novo curso e nova colaboración co Museo de Bellas Artes de A Coruña, nace este novo proxecto anual titulado A MAXIA DO RURAL NO MBA. Este ano traballaremos con Lucía, a nova educadora, quen nos achegou un fermoso vídeo presentación e nel contounos unha lenda da terra onde naceu, Monterroso.

INTRODUCIÓN Á MITOLOXÍA

Entendemos por mitoloxía o conxunto de lendas e mitos que pertencen á tradición dun pobo, dunha civilización ou dunha relixión. Esas lendas ou mitos son narracións fantásticas sobre acontecementos históricos ou naturais, fazañas de diferentes personaxes (heroes, deuses ou deusas, animais mitolóxicos…), símbolos de protección… Moitas veces xurdían para darlle sentido a cousas que aínda non tiñan unha explicación científica.

Ao longo da Historia, a mitoloxía supuxo unha fonte de inspiración para os/as artistas, dando lugar a un xénero propio no que representar personaxes, historias e feitos extraordinarios transmitidos a través de obras literarias e da tradición oral.

Unha mitoloxía moi famosa que chegou ao nosos días é a clásica, de Grecia e Roma, resultándonos moi familiar pola súa abundante representación a través da literatura como a Ilíada, a Odisea ou as Metamorfosis, así como a representación escultórica e pictórica dos seus personaxes.

Este xénero foi especialmente valorado pola realeza e a nobreza de diferentes épocas, que viron nas súas historias a posibilidade de demostrar o seu poder mediante a identificación con diferentes deuses, coma a asociación da monarquía española ca figura de Hércules.

Por todo iso, encargáronlle aos grandes artistas da súa época cadros e esculturas sobre mitoloxía clásica cos que decorar os seus pazos e xardíns, e que hoxe, en moitos casos, podemos observar en museos arredor de todo o mundo.

Vinculación da mitoloxía clásica con Galicia

Aínda que nos imos centrar na mitoloxía galega, especialmente vinculada ao rural, gustaríame presentarvos dúas obras que forman parte da colección do museo. Ambas teñen por temática a mitoloxía clásica, sen embargo, os personaxes mitolóxicos representados presentan un gran vínculo con Galicia.

 

Theodoor Van Thulden, O descubrimento da púrpura (1636-1638)

Este lenzo formaba parte da decoración da Torre da Parada, un pavillón de caza do rei Felipe IV. O pintor tomou como modelo o bosquexo realizado por Rubens, inspirado no relato mitolóxico recollido polo escritor grego Pólux: cóntase que durante un paseo de Hércules co seu can pola praia de Tiro, o animal mordeu un caracol mariño e a súa boca tinguiuse de cor púrpura, descubrindo un dos pigmentos máis apreciados na antigüidade que se converteu durante séculos en símbolo de prestixio e da realeza.

Que un museo coruñés teña unha obra na que apareza Hércules resulta significativo polo vínculo deste heroe coa cidade, ata o punto de darlle nome ao monumento máis representativo da mesma: A torre de Hércules.

Conta a lenda que Hércules tivo que realizar doce difíciles traballos que lle foron encomendados polo oráculo de Delfos. Un deles consistía en roubar o gando dun malvado rei, con apariencia de xigante, chamado Xerión, co cal remata loitando a través de terra e mar ata chegar a Coruña, onde o vence decapitándoo e enterrando a súa cabeza no lugar onde despois se levantou a torre por orde do mesmo heroe, para conmemorar e lembrar a súa vitoria.

Na seguinte obra observamos un espido feminino en primeiro plano. Á súa dereita atópanse dúas figuras infantís, unha delas suxeitando unha cunca de froita e outra sostendo un acio de uvas. Á esquerda, moi esbozada, unha figura infantil parece tensar un arco. A figura feminina representa á deusa grega Démeter, Ceres na mitoloxía romana, deidade da terra e a agricultura, asociada á idea de fertilidade e abundancia.

      Ceres, a última obra mitolóxica do pintor Sotomayor. Fernando Álvarez. 

 Aínda que Ceres non forma parte da mitoloxía galega, poderiamos establecer un forte vínculo da súa figura con Galicia. Por un banda é a deusa da agricultura, do crecemento das plantas e das boas colleitas; neste sentido, a agricultura en Galicia foi un dos piares da nosa sociedade no pasado e a súa importancia e protagonismo, sobre todo nas zonas rurais, segue moi vixente. O pasado agrícola contaba con numerosas lendas, personaxes mitolóxicos, refráns e crenzas, relacionadas cos traballos, as boas e as malas colleitas, as épocas do ano para realizar as diferentes tarefas no campo… Así mesmo, agricultura, terra, fecundidade e bonanza son substantivos que poderiamos empregar para referirnos á muller galega, especialmente do rural, de feito así o fixeron numerosos artistas como os Renovadores, que a representaron incansablemente como matriarcas da familia, mulleres encargadas do traballo dentro e fóra da casa.

 LUIS SEOANE E A MITOLOXÍA GALEGA NA COLECCIÓN DO MUSEO

Se ben é certo que existen numerosas obras mitolóxicas na colección do museo, son case na súa totalidade pertencentes á mitoloxía clásica. Centrándonos na galega  atoparemos que os poucos exemplos cos que contamos son dun mesmo autor: Luis Seoane.

Seoane foi un artista polifacético: debuxante, gravador, muralista, poeta, periodista, editor e promotor dun senfín de iniciativas culturais. Naceu en Bos Aires en 1910 no seo dunha familia de emigrantes galegos pero regresou a Galicia sendo neno. Durante a Guerra Civil viuse obrigado a fuxir, exiliándose de novo en Bos Aires. A pesar das súas estadías lonxe dela, Seoane foi un artista enormemente comprometido coa nosa terra, converténdoa en protagonista da súa obra, destacando especialmente a figura da muller, entendida como un emblema do ser de Galicia, como vimos anteriormente.

 

 Luís Seoane, Mater Gallaeciae (1961)

Ademais de temas como a muller, a natureza, os bodegóns, a emigración, a guerra e a denuncia social, Seoane tamén quixo representar nas súas pinturas mitos, tradicións e lendas galegas. Nesas obras quixo deixar constancia dun pasado atemporal de Galicia, creando un sentimento de orgullo e identidade diferenciada; para iso representou certos mitos e lendas da cultura oral, outorgándolles unha estética celta e medievalista.

Dentro da temática mitolóxica, gustábanlle especialmente as lendas relacionadas coa astroloxía, plasmando tanto en lenzos como gravados numerosos astros (lúas, estrelas, soles…). Os mitos galegos de temática astrolóxica que lle gustaban estaban moi vinculados á cultura castrexa.

Na obra Tres soles en Galicia Seoane ilustra co seu característico estilo unha lenda medieval que conta como apareceron no ceo galego tres soles que fixeron crer aos campesiños e campesiñas que anunciaban o fin do mundo.

Luis Seoane, Tres soles en Galicia (1967)

Conservamos unha carta de Seoane ao seu querido amigo William Whitelow na que lle conta algunhas das pezas que fixo, entre elas a dos Tres Soles en Galicia, explicándolle con ela diferentes teorías que existiron arredor do fin do mundo.

Aínda que isto é unha lenda, existe a posiblidade de que no ceo galego aparecesen tres soles. Algúns fenómenos atmosféricos resultan difíciles de crer se non coñecemos a súa explicación científica, por exemplo as Auroras Boreais. Hai outra efecto óptico moi especial coñecido como parhelio ou parahelio, trátase dun fenómeno natural luminoso pouco común que consiste na aparición simultánea de varias imaxes do sol, concretamente tres, reflexadas nas nubes con gran cantidade de partículas de xeo. Polo tanto, en días de moito frío e xeada, o sol podería terse reflexado tres veces no ceo.

No seguinte enlace tedes acceso a transcrición da carta de Seoane:

https://consellodacultura.gal/fondos_documentais/epistolarios/epistola.php?id=2184&epistolario=1651. 

Ana Manana, unha moura das fontes

Ademais de pintar unha gran colección de lenzos, Seoane editou álbums de debuxos e gravados en Arxentina, Alemaña e Galicia. Moitos dos seus gravados empregáronse para ilustrar libros, textos ou poemarios de personalidades próximas ao artista. No Museo de Belas Artes da Coruña consérvanse nove álbums completos, así como estampas soltas pertencentes a outras compilacións, son gravados que reflicten a denuncia social, a arte medieval, a paisaxe, os astros ou a figuración humana, con retratos de personaxes históricos e pero tamén mitolóxicos. Contamos con dous gravados titulados Ana Manana, o nome do personaxe que representa. Tratáse dunha figura lendaria ligada á tradición galaica, un ser encantado, unha moura ou fada que vive nunha fonte que leva o seu nome, nunhas rochas situadas no río Miño, próximas á cidade de Ourense.

 

Ana Manana I e II, Luís Seoane.

Conta a lenda que un home volvendo da sega en Zamora, atopou no seu camiño a un home rico que lle encargou un traballo: levarlle un paquete á moura Ana Manana sen coñecer baixo ningún concepto o seu contido. Unha vez que chegase á fonte na que vivía, só tiña que chamala tres veces polo nome e Ana Manana aparecería e faríao rico por cumprir con esa tarefa. O home, que chegou de noite e cansado a Galicia, decidiu durmir na súa casa e realizar a entrega ao día seguinte. A súa muller, curiosa porque non lle contaba que había no paquete co que chegara á casa, esperou a que o seu marido durmise e decidiu abrilo. No envoltorio había un pan de catro picos con tan boa pinta que a muller no se puido resistir a comer un e logo volver empaquetalo.

Ao día seguinte, cando o home chamou por Ana Manana tres veces onda a súa fonte, esta apareceu, colleu o envoltorio e ao comprobar que alguén o abrira confésalle que non poderá ser desencantada pola súa culpa e moi enfadada négalle a riqueza que se lle prometera. Aínda así dalle de volta ao home unha faixa para a súa muller, que está a piques de dar a luz a un meniño. O home, de volta á casa, decide probarlle a faixa nun tronco dunha árbore a cal comeza a arder de repente, resultando unha maldición da moura como castigo por incumprir a súa promesa.

  • ACTIVIDADE 1:OS TRES SOLES DE ARZÚA

Luis Seoane quedou fascinado coa lenda dos tres soles en Galicia por iso decidiu deixala recollida nunha das súas pinturas. Para el, o fenómeno anunciaba a fin do mundo, xa que esa foi a versión que se difundiu dende a Idade Media. Inspirándonos nesta obra e neste fenómeno atmosférico imos crear a nosa propia lenda e a versión pictórica da mesma.  

Imaxinaremos que chega un temporal de neve a Arzúa que fai que se cancelen as clases. Cando por fin para de nevar, decides aproveitar a mañá sen escola para xogar coa neve; poñeremos a roupa máis abrigosa que tedes, unhas boas botas, luvas e bufanda e iremos ata o prado máis próximo, onde o campo ten unha espesa capa branca que aínda non foi pisada por ninguén. Unha vez alí, de repente, o ceo que ata ese momento era gris vóltase máis claro, e o sol comeza a aparecer. Primeiro un, logo outro e por último un terceiro! Hai tres soles no ceo de Arzúa!

Ao igual que Luis Seoane, facede unha obra na que se represente a escena descrita, é de creación libre, podedes empregar os materiais que prefiramos. Ademais dunha representación pictórica, faremos unha breve redacción na que expliquemos que é o que acabamos de ver, a que se deben os tres soles, por que apareceron, que signficado teñen… A nosa redacción convertirase nunha nova lenda deste fénomeno acontencido na vila de Arzúa.

  • ACTIVIDADE 2:SERES ESTAMPADOS

Seoane deixou constancia a través da súa arte de Ana Manana, un dos seres mitolóxicos de Galicia. Neste caso, deicidiu representala en dous gravados, tamén coñecidos como estampas para os cales empregou a técnica da xilografía, a arte de reproducir debuxos gravados previamente sobre unha prancha de madeira, a cal se enche de tinta e se estampa contra outra superficie.

Seoane representou á moura seguindo o seu característico estilo. Ana Manana adivíñase ao ir xuntando diferentes figuras xeométricas nas que descompuxo o seu corpo. En canto ás cores, emprega unha paleta reducida.

Nesta actividade propoñémosvos crear as vosas propias estampas dos seres mitolóxicos que xa traballastes na aula seguindo o estilo de Seoane. Para iso teredes que descompoñer as figuras dos personaxes nas formas xeométricas que máis os

representen e logo estampalas sobre unha superifice (papel, cartoliña…) Como a técnica da xilografía resulta moi complexa, podedes realizalos dun xeito máis libre e creativo, por exemplo, plasmando esas formas sobre unha superficie que sexa

sinxela de recortar (unha esponxa, unha pataca, etc.). A continuación debedes impregnar as formas con pintura líquida (témpera, acrílica…) e logo estampalas sobre un papel. Podedes combinar a estampa con algún debuxo feito a man de elementos

que axuden a caracterizar ao personaxe, por exemplo, se o seu hábitat é acuático, unhas pingas de agua; se aparece de noite, lúas e estrelas… Sempre formas sinxelas e esequemáticas.

Para que nos sirva de exemplo: FAMARIMÁN

Powered by Drupal - Design by artinet