Unha semana máis un saúdo e saúde para todo o alumnado do colexio e as súas familias de parte da mestra de Relixión. Espero e desexo que vos atopedes ben. Moito ánimo e confianza nunha progresiva mellora desta difícil situación. Xa falta menos para que os nosos nenos e nenas poidan saír outra vez aínda que só sexa un anaquiño para dar un paseo pola contorna.
Precisamente o traballo que vos suxiro esta semana fala de paisaxe e de observar principalmente as árbores que nos rodean, tan importantes para a nosa saúde e para a nosa vida. Lembrade que é unha tarefa opcional e que para nada pretendo que vos agobiedes con ela, facédea só se podedes. O correo para enviala é como sempre:relixion@arzua.net
Grazas polo voso interese e esforzo.
Para o alumnado de Relixión de 5º e 6º esta semana propóñovos unha actividade que se vai a incorporar ao Proxecto de Paisaxe, que estamos a traballar no colexio, e que poderiamos titular"Coñecendo as nosas árbores". Trátase de identificar árbores da nosa contorna a partir das súas follas e os seus froitos, se os teñen. Xa sabedes que existen moitas especies diferentes, segundo as zonas. Vouvos a facilitar unhas láminas con ata 8 árbores diferentes e vos podedes, ben facer unha presentación en Power Point na que figuren as árbores, as follas e os seus froitos , se os teñen; ou ben facer un debuxo nun folio por cada árbore co seu nome e no que figure tamén a súa folla e o seu froito(se o ten); ou ben imprimir e colorear as láminas que eu vos paso. Lembrade buscar previamente información daquelas especies que non coñezades antes de debuxalas ou colorealas, para asegurarvos que o facedes correctamente e que se corresponden coa realidade. Tamén podedes engadir algunha árbore máis que coñezades ben. Xa chegará o momento de calzar cómodo e saír pola natureza, observar de preto as árbores, recoller as súas follas examinando a súa forma, tamaño, cor, morfoloxía dos nervios que a conforman... para identificar así a que variedade pertence. Convertirédevos en auténticos expertos na flora da vosa contorna. E o que é máis importante, aprenderedes a amar e respectar as especies naturáis así como a coidar das mesmas.