O proxecto “Cada Pinga Conta”, no que participamos, foi aprobado polo Ministerio de Educación coa segunda mellor valoración a nivel nacional, dentro do programa "Agrupacións Escolares". Esta iniciativa conta coa colaboración doutros centros educativos de distintas comunidades: o CRA Lena (Asturias), o CEIP Tagoror (Gran Canaria), o CEIP Pintor Sorolla (Elda) e o CEP Antonio de Ulloa (Cartaxena).
Baixo ese título, o proxecto busca concienciar sobre a importancia do uso responsable da auga, un dos grandes desafíos do século XXI. A súa relevancia vai máis aló da temática, xa que tamén se integra como parte do Proxecto Documental Integrado (PDI) do centro durante este curso. Ademais o título do proxecto encerra unha metáfora, xa que “Cada pinga conta” fai referencia directa á inclusión de todos os membros das comunidades educativas que forman a agrupación, cun enfoque especial cara ao alumnado máis vulnerable.
O proxecto persegue obxectivos ambiciosos como o fortalecemento de competencias do alumnado, especialmente en áreas clave como a competencia lingüística, a competencia dixital e a competencia social e cidadá.
Desde unha perspectiva integradora, fomentaranse aprendizaxes STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) con metodoloxías activas que garanten a equidade e a inclusión, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030.
A participación en “Cada Pinga Conta” enriquecerá tanto o proceso de aprendizaxe do alumnado como a formación do profesorado, ampliando a contorna educativa e promovendo unha cooperación territorial que reforza a integración entre as comunidades educativas, que culminará en xuño de 2026 cunha mobilidade conxunta do alumnado de sexto curso aos Pirineos.
Desde o CEIP de Cervo, celebramos a oportunidade de participar nun proxecto tan relevante e con impacto directo no desenvolvemento competencial e social do noso alumnado. ¡Cada pinga conta, e xuntos faremos que este proxecto sexa un éxito!
** Podedes seguir todas as novidades deste proxecto clicando no logo que aparece na barra lateral dereita desta páxina
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Decoración proxecto cada pinga conta.jpeg | 36.07 KB |
Logo proxecto vertical.jpeg | 28.52 KB |