Skip to Content

FONDO SOLIDARIO DE LIBROS DE TEXTO, AXUDAS PARA LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

ORDE do 12 de maio de 2020 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2020/21 (código de procedemento ED330B).

 

O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e remata o vindeiro 19 de xuño.

A solicitude será única para tod@s @s fill@s matriculados no centro.

 

A solicitude é a mesma para as tres modalidades (fondo, libros, e material) pero as axudas se reparten desta maneira:

FONDO SOLIDARIO: 3º e 4º de primaria

AXUDAS LIBROS: 1º e 2º de primaria

MATERIAL ESCOLAR: todo o alumnado de primaria, ESO e ed. especial.

Presentación de solicitudes:

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica no formulario normalizado (anexo I) dispoñible na aplicación informática Fondolibros (https://www.edu.xunta.es/fondolibros), a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

 

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). 

 O formulario de solicitude (anexo I) tamén estará dispoñible: 

a) No portal educativo, no enderezo http://www.edu.xunta.gal 

b) Nas dependencias das xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación.

c) Na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

 

 As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo II (comprobación de datos dos membros computables da unidade familiar).

b) Copia do libro de familia ou documento equivalente, onde figure o alumno e os demais membros computables da unidade familiar.

En caso de separación ou divorcio, deberán achegar ademais a sentenza xudicial e/ou convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.

Excepcionalmente, poderase acreditar o número de membros computables utilizando algún dos seguintes medios: 

1º. Certificado ou volante de convivencia. 

2º. Informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia. 

Nos casos especiais, en que a composición da unidade familiar non se axuste ao sinalado no artigo 4.1 desta orde, achegarase un certificado ou volante de convivencia onde deberán figurar o/a alumno/a e todos os familiares que convivan con el/ela, ou un certificado dos servizos sociais do concello que acredite a situación familiar. 

c) Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou de calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza á Xunta de Galicia.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. 

e) Resolución xudicial de incapacitación con patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou do certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.

 

A documentación complementaria (que se xunte coa solicitude) presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente no centro docente, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Neste caso presentaranse os documentos orixinais e copias.

PARA PRESENTAR A SOLICITUDE PRESENCIALMENTE SERÁ NECESARIO CUMPLIR AS RECOMENDACIÓNS SANITARIAS EN REFERENCIA Á COVID19 

 



book | by Dr. Radut