(2021-2022) Investigamos sobre o corpo humano
Ao longo do mes de outubro e novembro, os nenos/as de 1º e 2º estiveron a investigar sobre o marabilloso e fascinante mundo do corpo humano.
Por grupos, debían buscar información en diferentes fontes (internet, vídeos, libros, revistas...) e crear un mural/corpo humano onde se explicara o sistema corporal que escolleran previamente.
Despois de buscar, analizar e resumir a información atopada era o momento de poñerse a debuxar o corpo humano, que neste caso consistía en facer a silueta dun compañeiro/a.
Tampouco nos esquecemos de poñerlle unha cara, para que nos resultara máis familiar á hora de traballar.
As seguintes clases dedicámonos a escribir, debuxar e decorar o noso corpo humano. Así, un grupo encargouse do sistema esquelético; outro, dos órganos; e o último, do sistema muscular.
Unha vez rematado o traballo, só quedaba preparar a exposición para expoñerlla a outro grupo.
E chegou o día! Tocaba expoñer todo o noso traballo aos compañeiros/as de outra clase. Fixérono xenial! Ata se animaron a responder a preguntas e curiosidades que xurdiron aos oíntes. Uns auténticos expertos/as na materia!