(2021-2022) Acordamos e refacemos as normas da nosa aula
Nos útlimos días adicámonos a refacer as normas da nosa aula, para que os novos compañeiros e compañeiras puidesen tamén participar na súa elaboración.
Entre todos e todas fomos acordando as normas que deberíamos ter na aula, para que o profe as fose anotando no EDI. Finalmente rematamos con 8 propostas.
Fomos dramatizando cada unha das normas, como bos actores e actrices que somos, para logo poder usalas no panel das normas que iamos elaborar.
Tan só quedaba plasmalas nun mural para que todos e todas puidesen consultalas cando o precisasen.
Cada un dos equipos tivo que dialogar para acordar, e decidir, como pintar os catro "cadrados" que formaban a súa parte do panel. Acordando tamén cal das catro partes querían deixar de cor branca.
Despois de varios debates lograron chegar a un acordo entre os integrantes do equipo, e deron conta da súa parte do panel.
Unha vez rematado este traballo en equipo, chegaba o momento de facer unha auto-avaliación "figuroanalóxica", para determinar que tal traballaran xuntos, e en que poderían mellorar.
Co panel de cores xa seco, chegou o momento de completalo coas fotos, das que eramos os protagonistas, e cos textos das normas que representaba cada unha das fotos.
Novamente, cada un dos equipos auto-avaliou o seu traballo, completando o panel do equipo; decidindo se falaron para chegar a acordos, se recolleron o material usado, se remataron a tempo e, sobre todo, se todos e todas participaron na tarefa realizada.
Tan só quedaba poñerlle un "título" ó panel, para que todos e todas soubesen para que servían todas esas fotografías.
Así quedou, unha vez rematado, o panel das normas da nosa aula deste curso. Xa podemos consultalas cando queiramos.
Levaremos para casa estas mesmas normas, nun formato máis pequeno (obviamente), para poder comentalas coas nosas familias, e que elas tamén as coñezan.