(2020-2021) Decidimos investigar sobre os PONIS para crear un documental. Tes algunha información?
Por fin chegou o momento que tanto estabamos agardando. Iamos comezar o noso primeiro proxecto de investigación deste curso.
Neste ocasión acordamos decidir o tema a investigar entre todos e todas, polo que cada quen foi propoñendo un tema e explicando que quería descubrir do mesmo.
Chegamos a dicir "todos estes", que foi anotando o profe no encerado.
Despois de varias votacións "a man alzada" ;) quedámonos con 7 finalistas:
- ROBOTS
- RATOS
- TOALLITAS
- PONIS
- CEBRAS
- CISNES
- CANS
Cada quen anotou o seu voto, rodeando o debuxo do que prefería, na última votación secreta para decidir cal sería finalmente o tema da nosa investigación.
Despois de que cada un de nos metese o seu "voto" nunha caixa moi grande, estaba todo listo para comezar o reconto.
Por mor da COVID, nesta ocasión tivo que ser o profe quen foi collendo as papeletas para ver que votara cada un.
Con cada voto fomos contando quen ía gañando é, finalmente, no reconto definitivo os PONIS foron os vencedores por un voto de diferencia cos ROBOTS.
PREPARAMOS O MURAL PARA A INVESTIGACIÓN:
Co tema xa decidido, chegou o momento de preparar o mural onde anotaríamos tódolos descubrimentos desta investigación.
O primeiro, como sempre, foi escribir o título e buscar en internet unha imaxe, neste caso de PONIS, para acompañalo.
O seguinte paso foi anotar cal sería o noso "producto final socialmente relevante". Nesta ocasión acordamos que queríamos gravar un documental, contando todo o que descubrísemos dos PONIS. Así non "teríamos que contarllo (falando) cada vez que nos preguntaran" ;)
Anotamos os nosos coñementos previos. Cada quen foi comentando "cousas" que xa sabía, e moitas veces había debate sobre se era certo ou non. Anotamos tódalas ideas previas, para solucionalas unha vez rematase a investigación, e cando había discrepancias xurdía unha nova pregunta para investigar.
Entre todos e todas fomos tamén acordando, todo o que queríamos descubrir, e que non sabíamos dos PONIS.
Fomos dicindo tamén onde poderíamos atopar as respostas á nosa investigación.
E así quedou o mural da investigación, listo para comezar o traballo de búsqueda de respostas.
FONTES DE INFORMACIÓN:
Antes de comezar a investigar era preciso xuntar toda a información que puidésemos, para poder buscar nela as respostas ás preguntas.
Como unha das fontes que dixeramos era "PREGUNTAR NA CASA". Escribimos nunha nota pedindo axuda ás nosas familias, para que nos fixeran chegar información sobre os PONIS. (Podes descargar esta nota aquí)
Ós poucos días comezamos a recibir información, tanto en papel como en formato dixital no noso correo electrónico infantilcampolameiro@gmail.com
A información foi recibida por e-mail e imprimida no propio centro, por mor do protocolo COVID-19. Grazas ás familias pola súa colaboración.
Con cada correo recibido escribimos unha resposta agradecendo a colaboración do remitente.
Toda a información en papel (follas, libros, debuxos...) fómola colgando no noso recanto da investigación, para poder consultala cando a precisemos.
E toda a información "dixital" como vídeos, ligazóns, etc... pode atoparse no "apartado de vídeos" do recanto de infantil desta web.
Xa estamos listos para comezar a investigar!!!
En próximas entradas xa vos iremos comentando como transcurre esta investación, e todo o que imos descubrindo.
Se queres enviarnos algunha información sobre este tema podes facelo escribíndonos un correo a infantilcampolameiro@gmail.com
NOTA: Podes descargar a UDI (Unidade Didáctica Integrada) deste proxecto de investigación desde AQUÍ, ou buscala como pública en "prográmame-UDIS".
Adxunto | Tamaño |
---|---|
nota_proxecto_ponis_familias_covid.pdf | 69.18 KB |