(2015-2016) Escribimos cartas a colexios de todo o mundo
Para poder coñecer a novos compañeiros e compañeiras de diferentes culturas, e descubrir como é a súa vida e o seu colexio, desde Infantil (todos xuntos) decidimos escribir cartas a colexios de todo o mundo.
O primeiro foi dialogar e comentar a que países iamos enviar as nosas cartas, e onde se atopaba cada un deles nun mapa do mundo.
Creamos o noso propio mapa do mundo para poder ir sinalando nel a que países enviaríamos as nosas cartas.
Xa co mapa rematado, puxémolo no corredor de infantil, para todos os compañeiros e compañeiras do colexio puidesen estar ó tanto de como ía a nosa correspondencia.
Localizamos os diferentes países nos que se atopaban os colexios ós que enviaríamos cartas, escribindo tamén o nome dos mesmos e xunto coa súa bandeira.
Velaquí tes, no noso mapa interactivo, os colexios ós que enviamos as nosas cartas (tamén dispoñible directamente desde o recanto de infantil.
Empregando este mapa interactivo fomos "voando" e recorrendo todo o mundo de forma virtual para descubrir, gracias a street-view, como son os colexios ós que imos enviarlles as nosas cartas. Ti tamén podes facelo, se queres, no mapa anterior (abríndoo en google maps)
Cos nosos destinatarios xa localizados, chegou o momento de acordar entre todos que lles iamos contar na nosa carta así como que lle queríamos preguntar sobre o seu colexio. Fomos anotando as nosas ideas no ordenador. Repartíndonos o traballo entre os equipos cooperativos as dúas aulas, tan só quedaba poñerse mans á obra
Como unha das cousas que queríamos contarlles era como se chamaban os nosos profes, escribimos unha lista cos nomoes de todos eles...
.. que fomos tachándoos a medida que iamos tomando unha fotografía de cada un deles.
Pouco a pouco cada equipo foi escribindo as diferentes partes da nosa carta, contando onde estaba o noso colexio, qque clases tiñamos, como nos chamamos cada un de nos, o que facemos na clase... e moito máis.
Por fin tiñamos a nosa carta rematada escrita en galego, se queres podes lela descargándoa aquí.
Entenderían a nosa carta nos outros países do mundo? Para descubrilo estivemos vendo algúns vídeos de xente falando en Arxentina, Xapón, Polonia, Turquía e Reino Unido, os países ós que iamos enviarlles a carta.
No caso de Arxentina descubrimos que falaban castelán, polo que non había problema en traducila, xa que todos e todas sabemos tamén falar castelán. Velaquí tes a nosa carta en castelán.
Do resto dos países non entendíamos nada do que dicían os vídeos, pero despois de falar un anaco sobre o tema pensamos que seguramente neses coles tamén aprenderían inglés, como facemos nos no cole. Así que lle pedimos á profe Loli (a nosa profe de inglés) se podería axudarnos a traducir a nosa carta.
Despois duns días tróuxonos a carta traducida, podes descargala aquí, e xa podíamos poñelas no nos mural, no espazo reservado a onde vivíamos nos, incluíndo por suposto as nosas tres bandeiras.
Despois de enviarlles a carta ós diferentes colexios por e-mail, tan só nos queda agardar a que comecemos a recibir respostas e así poder ir pegándoas no noso panel do corredor, para que todos e todas poidan saber como son os colexios neses países.
Ós poucos días xa recibimos o primeiro correo desde o colexio do Reino Unido. Aínda non era a súa carta, pero si un correo en "inglés", no cal puidemos entender algunhas palabras como "Hello".
Os profes léronnola traducíndoa e descubrimos que nos contaban que, moi pronto nos enviarían a súa resposta, porque agora estaban de vacacións no seu país.
A medida que vaiamos recibindo respostas do diferentes países iremos contándovolo neste recanto de infantil e, por suposto, tamén o podes mirar no corredor de infantil do noso colexio.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
letter_spanish.pdf | 3.05 MB |
letter_galician.pdf | 3.05 MB |
letter_english.pdf | 3.05 MB |