(2013-2014) Rematámo-la nosa investigación sobre os petroglifos e preparámo-lo noso museo e exposición
Podes ver os pasos anteriores no desenvolvemento deste proxecto de investigación sobre os petroglifos nas seguintes entradas previas:
(2013-2014) Iniciamos o noso proxecto de investigación sobre os Petroglifos
(2013-2014) Investigamos sobre os petroglifos: visita ó Parque Arqueolóxico
(2013-2014) Continuamos a investigar sobre os petroglifos e comezamos a preparar o noso museo
Como xa sabedes a nosa investigación estaba a punto de rematar, tan só nos quedaban por respostar algunhas preguntas e rematar, en cada equipo cooperativo, os paneis para a exposición de petroglifos.
Aquí podes ver un exemplo de como quedaron os nosos paneis informativos, con toda a información que acordaramos poñer neles:
- FOTOGRAFÍA DO PETROGLIFO REPRESENTADO
- NOME DO PETROGLIFO
- LUGAR E MAPA PARA INDICAR ONDE SE ATOPA O PETROGLIFO NO MUNDO.
- A INTERPRETACIÓN DO QUE CRIAMOS QUE SIGNIFICABA.
Colocamos no corredor os petroglifos feitos de masa branca, cos respectivos paneis informativos de cada un. Ademáis na parte superior colocamos os murais das investigacións levadas a cabo na nosa aula e na dos nosos compañeiros de infantil 1. Quedou fantástico!
CANDO E COMO SE FACÍAN OS PETROGLIFOS?
Outras das preguntas que nos faltaban por respostar era saber como e cando se fixeron os petroglifos. Despois de pedirlle ó profe que nos lese algúns textos que nos parecían axeitados descubrimos a resposta. Fai 10.000 anos empregando pedras afiadas, que rascaban unhas contra as outras.
Plasmamos esta información tanto no noso mural como no dossier persoal.
CREANDO PETROGLIFOS NA NATUREZA: LAND-ART
Tan só nos quedaba por dar resposta a unha pregunta na nosa investigación: COMO PODEMOS NÓS FACER PETROGLIFOS?.
Xa sabíamos que con masa branca era posible (como xa vos contamos), pero tamén descubrimos que podíamos facelos na natureza con diferentes obxectos. E así o puxemos en práctica nas dúas aulas de infantil.
Cada un dos equipos cooperativos debuxou o seu deseño de petroglifo, escribindo que materiais ían empregar en cada unha das partes do mesmo. Este sería o modelo que empregarían para convertilo en realidade na natureza.
Cada equipo escolleu o lugar do patio do colexio que lle pareceu máis axeitado para facer o seu petroglifo con "land-art", e púxose mans á obra.
No equipo RENO deron feito o seu deseño titulado "A PEGADA DUN PE"
O equipo LEÓN escolleu outro lugar distinto para traballar co seu deseño, preto das árbores do patio traseiro.
Así de ben quedou a súa creación "A ESPIRAL CUNHA CARA DENTRO"
Os integrantes do equipo SUAPIER, despois dalgúns intentos, deron convertido en realidade o seu deseño de petroglifo.
A "SERPE DA BOCA ABERTA" por fin se covertiu en realidade... casi parecía de verdade ;)
O equipo GATO tivo moito traballo para facer ou seu petroglifo con pedras tan pequenas, tal como indicaba o deseño que debuxaran.
Pero tamén deron creado o seu petroglifo "A SERPE DE PAUS", e así de chula lles quedou.
Para evitar que os destruiran "por accidente", delimitamos a zona onde estaban feitos pendurando un cartel no que escribimos "NON TOCAR".
Deste xeito por uns días puidemos ir ver os nosos petroglifos por todo o colexio.
E por suposto, tamén puideron velos as nosas familias e os compañeiros e compañeiras de todo o colexio, cando menos ata que os tivemos que recoller, non sen antes facerlles unhas fotografías para amosalos na nosa exposición.
REMATANDO O NOSO MUSEO-EXPOSICIÓN:
Coa investigación rematada tan só nos restaba rematar o noso museo-exposición. Anotamos nun listado aquelas partes que acordamos quedaban por facer:
- UN CARTEL COA PALABRA MUSEO
- UN CARTEL COA PALABRA PETROGLIFOS
- REMATAR O MAPA DO MUNDO COS PETROGLIFOS QUE FALTABAN
- FACER UNHA EXPOSICIÓN DOS PETROGLIFOS EN LAND-ART
Repartímonos o traballo nos equipos cooperativos, deste xeito acabaríamos axiña.
O equipo RENO encargouse de facer un cartel que puxera MUSEO, escribindo cada letra nunha cartolina. Tiveron que acordar as cores, que letras e quen ía escribilas.
Ó equipo SUAPIER correspondeulle completar o mapa do mundo que había na exposición, cos petroglifos da exposición que aínda non estaban pegados nel. Organizáronse para ir escribindo os nomes dos petroglifos que non aparecían aínda no mapa, non era díficil comparando o contido do mapa cos petroglifos que había na exposición.
Xa cos nomes dos que faltaban anotados, buscaron e imprimiron os petroglifos que precisaban pegar no mapa.
O equipo GATO encargouse de facer o mural que puxera petroglifos, reordenando as letras que xa tiñamos no noso recanto da investigación e que o profe despegou... pero que gardou todas mesturadas ;)
Por último o equipo LEÓN completou o mural coas fotos dos noso petroglifos en land-art, que xa comezaran os compañeiros e compañeiras da outra aula. Recortaron as fotografías, os deseños feitos inicialmente e escribiron o nome de cada un deles, para o que tiveron que preguntarlle os restantes equipos como se titulaba a súa creación.
Xa todos xuntos, cos compañeiros e compañeiras da outra aula de infantil, decoramos con petroglifos de "cervos", "espirais" e "caras" o cartel anunciador do noso museo.
E por suposto tamén a nosa enorme mesa expositor de petroglifos.
Tan só nos quedaba por rematar o noso dossier persoal, para levalo para casa xunto ós restantes traballos, e agardar a que chegase o día da xornada de portas abertas.
PREPARANDO O VÍDEO DO QUE XA SABEMOS DOS PETROGLIFOS:
Tivemos tamén que facer unha serie de grabacións do que sabíamos agora sobre os petroglifos, porque sería parte da nosa exposición o día da "xornada de portas" abertas no centro.... pero iso xa é outra historia.
Se queres ver como quedou a nosa exposición e como llo contamos ás famlias na xornada de portas abertas, xunto ó resto dos compañeiros e compañeiras do colexio, non te perdas a entrada que publicaremos en breve.
Actualización: Podes ver como participamos na xornada de portas abertas "Descubrindo a prehistoria" do centro aquí.