(2013-2014) Cos capachos na natureza... xogamos, exploramos, descubrimos e creamos
Este ano para a actuación dos compañeiros e compañeiras de catro anos no festival de Nadal, imos empregar uns capachos.
O primeiro foi escribir unha nota ás nosas casas para poñer ó día os nosos pais, e conseguir un capacho para traer á aula.
Pouco a pouco fomos xuntando tódolos capachos que precisabamos na nosa aula, e na aula dos nosos compañeiros e compañeiras da outra aula, para empregalos todos xuntos cando os precisabamos.
Pero antes de celebrar o Nadal, e de facer a nosa actuación cos capachos, durante todas estas semanas empregámolos para facer moitísimas cousas.
Velaquí tedes algunhas delas....
Empregamo-los capachos na vendima (que podes ver nesta ligazón):
Como xa vos contamos nunha entrada anterior, na vendima que fixemos en infantil tivemos que empregar os nosos capachos.
Xogamos con eles nas sesións de psicomotricidade:
Cando baixamos ó pavillón coa profe Merce, tamén empregamos os capachos para xogar con eles.
Foi moi divertido descubrir os movementos do noso corpo, e imaxinar en que se podían convertir, empregando os capachos.
Recollimos elementos da natureza:
Xunto ós compañeiros e compañeiras da outra aula de infantil saímos ó patio, organizados en equipos, para recoller elementos da natureza e metelos dentro do noso capacho.
Explorando o patio recollemos paus, follas, pedras, cortizas, sementes, flores...
Descubrimos lugares do patio nos que nunca nos fixaramos e alí tamén había obxectos da natureza que recoller.
Cada equipo xuntou unha chea de cousas ... que iamos facer con eles?
E xa de volta na aula, identificamos cada capacho cos nomes dos integrantes do equipo... para non confundirnos.
Clasificamos creando categorias e representámolas:
O primeiro que fixemos con todolos obxectos da natureza que tiñamos nos nosos capachos foi "organizalos", clasificándoos creando as categorías que se nos ían ocurrindo.
Había que chegar a un acordo entre os integrantes de cada equipo, para decidir en que "conxuntos" podiamos clasificar todo o material que xuntáramos.
Cando cada equipo tiña a súa clasificación rematada, representábaa nun papel do xeito que consideraba máis axeitado e próximo á realidade, tamén neste caso había que poñerse dacordo e coordinar os movementos para facer a representación entre todos e todas.
As estratexias que empregaron cada equipo foron distintas: algúns optaron por escribir o nome de cada grupo creado e debuxar ó lado un exemplo (paus, follas...)
Outros preferiron facer un plano completo, debuxando varios grupos de elementos (paus, follas, pedras...) organizádoos no plano de forma semellante a como o estaban na realidade. (os paus ó lado das follas e diante das pedras...)
Ó día seguinte cada equipo explicou ós compañeiros e compañeiras como era a súa clasificación, a partir da representación que fixera.
Descubrimos que algunhas das estratexias funcionaban mellor que outras, sobre todo se non lembrabamos como era a clasificación exactamente.
Pero cada equipo deu explicado ós demáis como clasificara todo o seu material, aclarando o que significaban os símbolos que representara no plano.
Creamos "obras de arte" cos elementos da natureza:
Cos elementos da natureza que tiñamos nos capachos, cada equipo tivo que crear "unha obra de arte" sobre un enorme papel de cor branco... había que deixar voar a imaxinación e ser creativos.
Algúns equipos decidiron "explorar" o espazo e ir deseñando a súa creación coordinando os movementos e accións entre eles.
Outros equipos tiveron as ideas claras desde o comezo e crearon unha idea que tiñan antes de comezar.
Noutros casos foi necesario chegar a acordos para dar cunha creación que lles gustase a tódolos membros do equipo.
Cando rematamos puxémoslle un título á nosa creación... veláquí as tedes xunto ós seus orgullosos autores e autoras.
A cara sorrinte:
A ra que nada na auga dun estanque:
O tiranosaurio e un pokemon enriba dunha montaña.
A flor e o paxaro:
Cando rematamos tivemos que recoller tódalas follas e demáis elementos da natureza, xa que non os iamos empregar máis. Colaborando entre todos e todas rematamos axiña.
Escribimo-lo título da nosa creación nunha fotografía de cada "obra de arte", para poder ensinalo na casa cando llevemos os "traballos para casa".
E no Nadal...?
Como vos comentabamos ó comezo, os capachos ían servir para unha actuación no festival de Nadal. Xa vos contaremos noutra entrada todo o que estamos a facer cos capachos de cara a a esa actuación :)... de seguro que quedades sorprendidos ;)