Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

primeiro, segundo, primeiro e segundo, 1º e 2º xuntos

(2019-20) ALGUNHAS COUSAS DA NOSA CLASE

 Estas son algunhas cousas que fixemos na clase:

O primeiro, o resultado do experimento. O experimento consistía en meter un óso de polo en auga e outro en vinagre, deixalos uns días e ver que ocorría. Os nenos cubriron unha ficha onde explicaban o proceso, o que eles crían que ocorrería... e logo anotaban o resultado. Neste caso, ningún neno acertou co que ía pasar, xa que o óso metido en vinagre volveuse brando e podía dobrarse facilmente. Falamos de que esto era debido a que o vinagre eliminaba o calcio, falamos da importancia do calcio para os nosos ósos e dentes e de que alimentos o conteñen e a necesidade de alimentarnos ben.

Aproveitando o seu interese pola alimentación, fixemos uns paneis de "frutipuntos" para ir poñendo unha pegatina cada día que traian froita de merenda ao cole. Quen consiga todos os "frutipuntos" levará un "frutipremio".

Por outro lado, para traballar aspectos como a diferenciación de dereita e esquerda, algo necesario para orientarse e tamén para a lectoescritura, fixemos dous xogos. O primeiro consistíu en aparcar uns coches que trouxeron da casa á dereita ou á esquerda segundo se lles fora indicando.

 

O segundo xogo é un "memory" de caracois que miran á dereita ou á esquerda, feito con pratos de cartón.

Por outra banda, traballamos o cálculo, sumas e restas, de moitas maneiras; unha delas foi con este traballo en equipo onde tiñan que facer sumas e logo comprobalas coa calculadora. 

Ao acabar avalían o seu funcionamento como equipo e falamos do que é necesario mellorar para a próxima vez.

E, por suposto, nunca deixamos de traballar a lectura e escritura. Neste caso, a actividade consistía en atopar a palabra segreda antes que os demais equipos.

Estas e moitas cousas máis pasaron na nosa clase. Iremos dando conta de máis actividades en vindeiras entradas.

 

(2019-2020) APRENDENDO XUNTOS

Estivemos aprendendo cousas sobre o corpo humano, algúns dos seus órganos e como traballan xuntos para conseguir que o noso corpo funcione.

Creamos na aula un recanto con fichas informativas, carteis, libros...sobre o tema. Tamén fixemos un experimento do que daremos conta cando pasen os días necesarios para ver o resultado.

Usamos a pizarra dixital interactiva para escribir os nomes dalgunhas partes do corpo que iamos aprendendo.

E tamén para bailar a canción "cabeza, tronco, extremidades" que está nunha entrada anterior.

1º e 2º xuntos tamén estamos a elaborar un libro con palabras recortadas de revistas, folletos...que nos fan ler alá por onde imos na procura de palabras que nos valgan para o noso libro. Cando estea rematado, pasará a formar parte da nosa biblioteca de aula.

Ademais cada luns aparece no recanto de " a pensar" un novo reto que nos fai pensar, buscar solucións diferentes, ser creativos ou atopar un dato concreto. Así, ás veces hai que completar un debuxo, ou facer a palabra máis longa que poidamos cunhas letras dadas ou adiviñar o número correcto coas pistas que se dan. Durante toda a semana anotamos nun papel a solución ou posibles solucións e metémolos nunha caixa que se abre os venres. 

 

(2019-2020) SAMAÍN

 Aproveitando a motivación dos nenos a causa de Samaín, fixemos varias actividades para escribir, ler e traballar a atención. Así fixemos actividades de buscar diferenzas, sopas de letras con vocabulario de Samaín, debuxos de medo...

Falamos dos medos que todos temos, de que o medo é necesario para protexernos dos perigos, pero ás veces temos medo a cousas que non son perigosas e é importante intentar superalos. Cada neno fixo un traballo no que escribiu o seu medo e logo se debuxou a el mesmo sorrinte e sentíndose ben entre aquelo que lle produce medo. 

Contamos pequenas historias de medo que máis ben daban risa utilizando unhas figuras:

 

 

E aprendemos un tipo de texto discontinuo, o menú ou carta dun restaurante. Os nenos divididos en equipos elaboraron un menú apetecible so para os monstros, porque esforzáronse en que fora o máis "asqueroso" posible. Con eso decoramos o corredor cun "restaurante para monstros" e aprendemos a poñer unha mesa de maneira correcta e, de paso, falamos da importancia de colaborar nas tarefas da casa.

Por último o día 30 participamos nos Obradoiros de Samaín con todo o colexio: fixemos pantasma con Zaira no obradoiro de manualidades; Susana ensinounos un feitizo para desfacer pesadelos, con Paulo e Gonzalo fixeron uns sandwiches monstruosos, Loli pintounos as caras no Obradoiro de maquillaxe e tamén votamos á cabaza favorita para o concurso de cabazas. Fixemos tamén un montón de fotos no fotomatón. Esta é a foto de grupo pero hai moitas máis na galería. 

(2019-2020) APRENDENDO LETRAS EN 1º

En 1º imos aprendendo as letras pouco a pouco. Tamén traballamos a grafomotricidade, tan necesaria para facer ben as letras, porque están cheas de liñas: rectas, zig-zag, ondas... Usamos dous dados, un indicábanos a cor e outro o tipo de liña a facer.

Fixemos letras de plastilina, letras no aire, letras con cordas, letras nas costas dun compañeiro para que as adiviñara...e ata usamos limpapipas para facer letras.

Para ler temos axuda dunha culler que se vai colocando antes ou despois da vogal para formar sons.

E para escribir as letras ben na pauta contamos coa axuda de Xafi, Tortu e Monito. Eles son os guardiáns das letras e cada un encárgase de presentarnos as súas letras: Xafi encárgase das letras que son altas coma ela e saen das liñas por arriba; Tortu das letras que non saen das liñas, nin por arriba nin por abaixo; e Monito preséntanos as letras ás que lles gusta colgarse nas pólas das árbores como fai el, cara abaixo.

Para darnos conta de que vivimos rodeados de letras e palabras e estar ben atentos a atopalas, entre todos,primeiro e segundo, estamos a facer un libro para a nosa biblioteca de aula. Seguimos a completalo,logo encadernarémolo e veremos o resultado.

Así imos aprendendo a ler e escribir pasiño a pasiño. Desde casa, pódese axudar utilizando as situacións reais da vida cotiá para que os nenos lean e escriban: que apunten algo na lista da compra, que deixen unha nota a alguén, que fagan listas do que queiran, que teñan libros e revistas á súa disposición,etc.

(2018-2019) Xogando cos ozobots e escribindo moito...

 Nunha das nosas sesións de robótica, os nenos deseñaron labirintos utilizando bastonciños de algodón e logo intentaron que os ozobots recorresen o labirinto e saíran del. 

Ademais, para favorecer a escritura temos dúas actividades na aula. Unha é o noso "tendal de poesía" no que se van colgando poemas copiados dalgún libro e intercambiándoos por outros que os compañeiros deixaran alí. 

Tamén con esta idea de que os nenos escriban divertíndose empezamos o libro viaxeiro de receitas. Cada neno leva para casa o libro e escribe unha receita, debuxa, pon fotos...en fin, colabora para facer entre todos un libro conxunto.

(2018-2019) Algúns traballos de Ciencias Naturais

No que vai de trimestre estamos aprendendo cousas sobre os animais e as plantas. O tema do Salón do Libro será a Revolución, e o noso cole referiráse á Revolución Ecolóxica. Así, todo o cole presentará un traballo sobre problemas medioambientais e , como parte deste traballo conxunto a nosa clase realizou un libro de fichas informativas sobre o oso polar, que está en perigo de extinción. Tamén fixemos un vídeo no que os nenos explicaron á súa maneira o problema do oso polar e propuxeron algunhas solucións.

Ademais estivemos aprendendo como son as plantas, como se alimentan, que necesitan para vivir... e para observalas desde o principio plantamos as nosas propias sementes. Os nenos elixiron entre sementes de lentellas, tomate, guisante ou xirasol anano. 

 

Isla de plástico

 

 

                              

 

  
  
Distribuir contido

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 0 invitados conectados.