Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

infantil 2

(2020-2021) E ademais, no mes de novembro, tamén sucedeu todo isto en Infantil 2

Ademais de iniciar a nosa investigación sobre os Ponis, levar a cabo o noso primeiro experimento, celebrar os aniversarios do mes, descubrir novos robots e iniciar a plantación no invernadoiro; tamén sucedeu todo isto no mes de novembro. Podedes descubrilo todo nas respectivas entradas, publicadas neste mesmo blogue.

Cando comezou o mes de novembro, anotamos no calendario oline da nosa aula, que podedes atopar no recanto de infantil, todas as datas sinaladas como os aniversarios que terían lugar.

  

O encargado de cada día foi levando a cabo as súas tarefas, entre elas darlle a súa comida ás nosas tartarugas Rayo e Evan.

  

Continuamos a completar o noso dicionario xigante, coas nosas palabras favoritas, que comezan cunha letra cada semana. Os nosos diccionarios individuais tamén continuaron a medrar con estas novas palabras.

 

Os venres levamos libros da biblioteca de aula para as nosas casas, rexistrándoos na aplicación online para imprimir a portada e completar o libro "dos préstamos" en papel. Respectando sempre as medidas de hixiene marcadas (limpando o teclado e rato entre cada uso)

  

Continuamos a desenvolver os nosos pilares de pensamento, usando diálogos, "xogando a pensar" con vídeos, imaxes ocultas, etc.

   

Participamos na creación do mural, feito por todo o centro, no "Día internacional para  a eliminación da violencia contra as mulleres", poñendo o noso gran de area. O deseño era obra de Héctor, imán da nosa compañeira Valeria.

 

  

Podes ver o traballo levado a cabo por todo o centro, na seguinte entrada da biblioteca (2020-2021) Pintamos un mural para celebrar o "Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres", onde poderedes atopar tamén o vídeo da creación do mesmo.

 

Marc Taeger, o ilustrador que nos axudou a crear o mural, asinounos un dos seus libros que temos na aula: "Un maís" 

 

  

Creamos o noso vídeo para o programa da TVG "Os Bolechas no cole", do que xa vos contaremos, máis chegado o seu momento ;)

Continuamos a reinterpretar cadros de diferentes pintores e pintoras, usando diversas técnicas plásticas, para desenvolver a nosa creatividade.

"Dos Mujeres" de Frida Kahlo:

  

"Elefantes" de Salvador Dalí:

 

"Inverno" de Goya:

 

"Outono" de Van Gogh:

  

"Upward" de Kandinsky:

 

Cada semana as nosas creacións quedan expostas na nosa exposición.

Segue a coñecer todo o que sucede na nosa aula, nas diferentes entradas que publicamos neste blogue.

(2020-2021) Descubrimos novos robots na aula: o Probot e os Ozobots “únense á festa"

Nas últimas semanas seguimos a traballar na nosa aula con robots educativos, incorporando dous novos "compañeiros": Os Ozobots e e Probot.

Xogamos a localizar as letras dos nosos nomes programando o Beebot.

  

Coa axuda dunha "ruleta", programamos o Beebot para que chegase ata a cor que saíra elixida.

 

 

Descubrimos como programar o PROBOT para que percorrera camiños, debuxando unha liña ó seu paso. Con este robot temos que introducir o "numero" (en cm) da distancia que queremos que se desprace. 

 

  

Para facelo, medimos primeiro cun metro e logo introducimos os números, para que se detivese xusto na zona marcada.

 

Nos últimos días coñecimos a uns "pequeno amigos", os OZOBOTS, que camiñan sobre as liñas que debuxamos. 

 

 

Os Ozobots cambian de cor, segundo a cor da liña pola que se despraza.

+

 

Nas vindeiras semanas continuaremos a explorar todo o que poden facer estes robots. Contarémolo neste mesmo blogue.

(2020-2021) Seguimos coa nosa investigación sobre os “ponis”. Xa temos as primeiras respostas.

Durante as últimas semanas continuamos coa nosa investigación sobre os ponis para atopar novas respostas ás nosas preguntas.

Podes ver os pasos previos desta investigación nas seguintes entradas publicadas neste blogue:

14/11/20: (2020-2021) Decidimos investigar sobre os PONIS para crear un documental. Tes algunha información?

Despois de xuntar toda a información que precisabamos, chegou o momento de comezar a buscar as respostas ás preguntas, que tiñamos plantexadas no noso mural da investigación.

 

  

 

CANTO MIDEN OS PONIS?:

Para atopar a resposta a esta pregunta, visionamos varios dos vídeos que tiñamos no noso recanto online da investigación

Despois de discriminar toda a información que nos interesaba da que non respostaba á pregunta, descubrimos que podían medir ata 1 metro 40 cm. 

Para calcular canto era iso, usamos un metro para medirnos e ver se éramos máis grandes que un poni ou non.

 

  

Para que todos os compañeiros e compañeiras do colexio, puidesen "medirse" e ver se eran máis altos que un poni, decidimos debuxar a silueta dun poni en "tamaño real". É dicir que medise 140 cm.

  

 

Tivemos que recortalo entre todos e todas. Era enorme!

 

 

Tamén escribimos a palabra "PONI", para que todos soubesen que non se trataba dun cabalo, nin dun potro, como logo comentaremos.

  

Xa no corredor da nosa aula, colgámolo para ir medíndonos, e escribir o noso nome na altura que lle corespondía a cada un. 

 

 

Finalmente tamén anotamos a resposta no noso mural da investigación. 

 

Agora quen queira pode pasar a "medirse", para saber se é máis ou menos alto que un poni.

  

   

OS PONIS SON CABALOS?   SON POTROS?:

Outra das preguntas que tiñamos plantexadas era se os ponis eran cabalos, ou crías de cabalo: "potros".

Entre os vídeos que tiñamos no noso recanto da información, e investigando todos xuntos, puidemos descubrir que os ponis cando rematan de medrar sempre "quedan pequenos". Así pois, non eran potros que se fosen a convertir en cabalos cando medrasen. Son diferentes.

 

Anotamos todas estas respostas no noso mural da investigación.

 

 

E así quedou plasmada a resposta no mural. Decidimos pegar tamén unhas fotografías para que "aqueles que non saben ler" entendan o que dicía ;)

 

 

Tamén incluímos un código QR co que ver o vídeo onde atopamos a resposta a esta pregunta, para que todos e todas poidades comprobalo.

 

Así está agora o noso mural, agardando a incluír novas respostas a tódalas preguntas que aínda temos pendentes.

  

Continuaremos a investigar as preguntas que nos restan, pero xa o contaremos en futuras entradas.

(2020-2021) Queres saber como facer que fuxa a pementa do xabón? Mira o vídeo do noso experimento.

Por fin chegou o día de facer o noso primeiro experimento na clase, esta vez a nosa aula sería a encargada de crear o vídeo do experimento.

Nesta ocasión empregaríamos este material, co que cada quen foi plantexando as súas hipóteses do que pensaba que sucedería, como se faría o experimento e cal sería o resultado final.

Seguindo os pasos demos feito o experimento todos xuntos: cando metías un dedo con xabón na pementa, nun prato con auga, esta escapaba. Xusto como faís o coronavirus co xabón ;). (O xabón rompe a membrada do virus).

 

Cada un dos equipos tivo falar para acodar como repartirse as funcións, para repetir o experimento. Unha vez chegado a un acordo puxéronse mans á obra.

Todos os equipos deron conseguido a que pementa fuxira. Cada equipo empregou o seu propio material e desinfectouse aquel que se compartía entre cada uso.

 

Co reto superado, cada equipo levou a cabao a sú auto-avaliación figuro-analóxica. Indicando se todos traballaron, se falaron para chegar a acordos, se remataron a tempo e se recolleron o material ó rematar.

 

Todos consideraron que os seus equipos cumpliran as normas de funcionamento antes indicadas.

 

Nesta ocasión sería o EQUIPO PERIQUITOS, o encargado de explicar nun vídeo como facer este experimento.

Escribiron o panel do material.

 

E comezaron a gravar as diferentes escenas, despois de acordar que diría cada un, en que orde e como se repartirían o traballo.

Así de fantástico quedou o vídeo unha vez rematado. Queres velo?

 

Tan só nos quedaba anotar as nosas observacións no "caderno de campo" individual.

O vindeiro mes levaremos a cabo un novo experimento, pero serán os compañeiros/as de infantil 1 quenes terán que gravar o vídeo.

Como sempre poderedes coñecer como o faremos neste mesmo blogue.

(2020-2021) Decidimos investigar sobre os PONIS para crear un documental. Tes algunha información?

Por fin chegou o momento que tanto estabamos agardando. Iamos comezar o noso primeiro proxecto de investigación deste curso.

Neste ocasión acordamos decidir o tema a investigar entre todos e todas, polo que cada quen foi propoñendo un tema e explicando que quería descubrir do mesmo.

Chegamos a dicir "todos estes",  que foi anotando o profe no encerado.

 

Despois de varias votacións "a man alzada" ;) quedámonos con 7 finalistas:

  • ROBOTS
  • RATOS
  • TOALLITAS
  • PONIS
  • CEBRAS
  • CISNES
  • CANS 

Cada quen anotou o seu voto, rodeando o debuxo do que prefería, na última votación secreta para decidir cal sería finalmente o tema da nosa investigación.

  

Despois de que cada un de nos metese o seu "voto" nunha caixa moi grande, estaba todo listo para comezar o reconto.

  

Por mor da COVID, nesta ocasión tivo que ser o profe quen foi collendo as papeletas para ver que votara cada un.

 

Con cada voto fomos contando quen ía gañando é, finalmente, no reconto definitivo os PONIS foron os vencedores por un voto de diferencia cos ROBOTS.

  

    

PREPARAMOS O MURAL PARA A INVESTIGACIÓN:

Co tema xa decidido, chegou o momento de preparar o mural onde anotaríamos tódolos descubrimentos desta investigación.

O primeiro, como sempre, foi escribir o título e buscar en internet unha imaxe, neste caso de PONIS, para acompañalo.

 

O seguinte paso foi anotar cal sería o noso "producto final socialmente relevante". Nesta ocasión acordamos que queríamos gravar un documental, contando todo o que descubrísemos dos PONIS. Así non "teríamos que contarllo (falando) cada vez que nos preguntaran" ;)

 

Anotamos os nosos coñementos previos. Cada quen foi comentando "cousas" que xa sabía, e moitas veces había debate sobre se era certo ou non. Anotamos tódalas ideas previas, para solucionalas unha vez rematase a investigación, e cando había discrepancias xurdía unha nova pregunta para investigar.

 

 

Entre todos e todas fomos tamén acordando, todo o que queríamos descubrir, e que non sabíamos dos PONIS.

 

  

Fomos dicindo tamén onde poderíamos atopar as respostas á nosa investigación.

 

 

E así quedou o mural da investigación, listo para comezar o traballo de búsqueda de respostas. 

 

FONTES DE INFORMACIÓN: 

Antes de comezar a investigar era preciso xuntar toda a información que puidésemos, para poder buscar nela as respostas ás preguntas.

Como unha das fontes que dixeramos era "PREGUNTAR NA CASA". Escribimos nunha nota pedindo axuda ás nosas familias, para que nos fixeran chegar información sobre os PONIS. (Podes descargar esta nota aquí)

 

 

Ós poucos días comezamos a recibir información, tanto en papel como en formato dixital no noso correo electrónico infantilcampolameiro@gmail.com

 

A información foi recibida por e-mail e imprimida no propio centro, por mor do protocolo COVID-19. Grazas ás familias pola súa colaboración.

Con cada correo recibido escribimos unha resposta agradecendo a colaboración do remitente.

Toda a información en papel (follas, libros, debuxos...) fómola colgando no noso recanto da investigación, para poder consultala cando a precisemos. 

E toda a información "dixital" como vídeos, ligazóns, etc... pode atoparse no "apartado de vídeos" do recanto de infantil desta web.

Xa estamos listos para comezar a investigar!!!

En próximas entradas xa vos iremos comentando como transcurre esta investación, e todo o que imos descubrindo.

Se queres enviarnos algunha información sobre este tema podes facelo escribíndonos un correo a infantilcampolameiro@gmail.com

   

NOTA: Podes descargar a UDI (Unidade Didáctica Integrada) deste proxecto de investigación desde AQUÍ, ou buscala como pública en "prográmame-UDIS".

(2020-2021) E ademais, no mes de outubro, sucedeu todo isto en Infantil 2

Cando comezou o mes de outubro, anotamos no calendario oline da nosa aula, que podedes atopar no recanto de infantil, unha data moi importante, a celebración do Samaín que todos e todas estabamos agardando.

Ademais nese calendario o encargado de cada día, foi rexistrando o tempo que facía, podendo contar nunhas gráficas que vai gañando na "carreira do tempo" (segundo o número que se indica); quen falta cada xornada, saber que mestre/as veñen ese día,  ordenar (para despois contar) as letras dos nosos nomes...

Vamos unha chea de traballo e moita responsabilidade ;)

Mais adiante, nesta entrada, xa vos contaremos todo o que tamén sucedeu ó longo deste mes, pero antes ímosvos contar como preparamos a celebración do Samaín.


Como este curso, por mor da COVID-19 non poderíamos traer as nosas cabazas da casa, e teríamos que crealas nos (como xa vos comentarmos noutra entrada que indicaremos de seguido). Creamos e decoramos entre todos e todas unha "cabaza de verdade"; pero tivemos antes que deseñala e acordar como a faríamos "moi terrorífica"

 

E tamén moi terroríficos viñemos disfrazaos ó colexio ó dia 30, cando celebramos o Samaín.

O mellor aínda estaba por chegar ;)

Podes ver o ben que o pasamos nos obradoiros organizado no centro, durante o día da celebración do Samaín, na seguinte ligazón:

(2020-2021) Creamos unhas cabazas terroríficas, participamos nos obradoiros do Samaín... e ata bailamos nun vídeo. Queres velo?

  

Pero antes de que chegase a celebración do Samaín, sucederon todas estas cousas, ó longo do mes de outubro, na nosa aula.

  

Continuamos respectando, e lembrando cada día, as normas COVID-19 da aula: o recanto de cuarentena do xoguetes e material usuado...

  ... e o lavado de mans, alomenos 5 veces ó día, que anotamos nun rexistro semanal. Descrubrimos novos "cheiros" usando diferentes xabóns de cada vez.

   

Cando por fin estivemos todos e todas na aula, puidemos facer o cartel para poñer a nosa foto de grupo na porta.

 

E crear unha tarxeta, coa mesma foto, para poder levala para as nosas casas e que así puidesen coñecernos nas nosas familias.

  

Coa chegada do outono, saimos ó patio a observar o que lles sucedera ás árbores, que comezaban a perder as súas follas. Trouxemos algunhas, deixámolas en corentena uns días, e con elas "convertimos a nosa árbore da aula", nuha "árbore do outno". Nela, as follas tamén van secando como nas do patio.

 

  

 

Elaboramos o noso horario semanal con "fotografías" dos profes que veñen á nosa aula cada día. Como nos lles chamamos nós: as fotos de "mini-Óscar", "mini-Paulo"... ;). Así na casa xa podemos saber quen virá a aula cada xornada.

 

 

Continuamos a "xogar a pensar" descubrindo imaxes oculas, e usando o diálogo para desenvoler os nosos "pilares de pensamento".

 

 

Por suposto, o encargado de cada xornada, nunca se esquece de darlle a súa comida ás nosas tartarugas: "Rayo e Evan". Xa vos comentamos antes que ten unha chea de responsabilidades ;)

 

 

Comezamos a completar o noso dicionario xigante, coas palabras favoritas que comezan por unha letra diferente cada semana. 

  

Para facelo, imos dicindo palabras que comezen por esa letra para que as vaian anotando os profes. Logo temos que buscalas no ordenador na aplicación online, que podedes atopar o recanto de infantil. Así podemos imprimir unha foto grande e tantas fotos pequenas como acordemos. Desinfectando o teclado e material antes de despois de cada uso.

Despois de deixar o material impreso en corentena, días despois, coa imaxe grande completamos o dicionario xigante, e coas pequenas o noso dicionario individual.

 

Tamén nos covertimos en pintores, usando pincel, témpera e diferentes técnicas e materiais cada semana. Así por exemplo, nunha ocasión re-creamos a obra de "Miró": Amencer.

 

Iniciamos o préstamos de libros de biblioteca de aula, que cada venres podemos levar para as nosas casas. Desinfectando o ordenador e material entre uso e uso.  Empregando o noso carnet QR fomos anotando cada semana o libro que queríamos levar.

 

 

Para facelo temos que anotar na aplicación online da biblioteca, que podes atopar no recanto de infantil, o número do libro, pasar o noso carnet QR e, deste xeito, obter pola impresora unha imaxe da portada para pegar no noso rexistro en papel.

Nel, segundo a idade e etapa evolutiva na que se atope do proceso lecto-escritor; escribimos ademais o noso nome,  o título do libro, o número e/ou a data.

 

Cando os libros voltan da casa, teñen que quedar uns días en corentena, antes de poder voltar a poñelos novamente cos outros nas estanterías.

Refixemos as nosas caixas de reciclaxe, para poder explicarlles ós novos compañeiros e compañeiras, en que cor ía cada dun dos "residuos" que xeramos cada día na aula.

Xa no vindeiro mes de novembro inciaremos un proxecto de investigación, comezaremos  facer experimentos e outras moitas cousas, das que vos daremos cumprida conta en sucesivas entradas deste blogue.

(2020-2021) Continuamos a xogar e aprender co Beebot, un dos nosos robots.

En tódolas propostas levadas a cabo desinfectouse o Beebot e todo o material empregado entre uso e uso. Por outra banda ó ser un grupo estable de convencia e ter menos de 10 alumnos/as (sendo ún unico equipo colaborativo), e posible (segundo o indicado no protocolo COVID-19) non manter a distancia de seguridade.

Durante as últimas semanas continuamos a "descubrir" todo o que podía facer un dos nosos "robots": O Beebot. 

Pouco a pouco fomos aprendendo como temos que programalo para que sigas as nosas instrucións (programación), e se mova polo espazo ata o destino que acordamos previamente.

Fixémolo camiñar por un "longo camiño", tendo que calcular por aproximación (tanteo), cantas veces queriamos que avanzase, de forma sucesiva, ata chegar ó destino final. Despois de varios intentos demos coa cantidade correcta e logrou chegar ó final do longo camiño.

 

Tivemos que ensinarlle ó Beebot como xirar cando se atopaba cunha curva. Non era tan doado como parecía, saber para que lado tería que xirar, cando xa se movera polo espazo.

 

Finalmente deu chegado ó destino que cada quen escollera.

 

 

Noutra ocasión un dado foinos indicando "canto tiña que avanzar ó Beebot", deste xeito comezamos a asociar a cantidade numérica co valor gráfico do mesmo.

Nos últimos días, o Beebot tivo que tomar decisións: xirar á esquerda ou á dereita. Segundo nós escolleramos, tivemos que programalo para que seguise un ou outro camiño. Sen chocar on el parando xusto antes.

 

Nas vindeiras semanas continuaremos a traballar con este e outros dos robots que temos na aula, xa o iremos contando neste blogue.

(2020-2021) Tiburón, gato e periquito. Así se chaman os nosos equipos colaborativos. Queres coñecelos?

Despois de varios días traballando xuntos nos nosos equipos colaborativos, chegou o momento de poñer un nome que identificase a cada un deles.

O primeiro que fixo cada equipo foi chegar a un acordo. Tiñan que buscar un nome que lles gustase a todos e todas.

 

Presentamos oficialmente os tres equipos da nosa aula:

EQUIPO PERIQUITO:

EQUIPO TIBURÓN:

EQUIPO GATO:

Unha vez chegado ó acrodo, non sen antes debatir durante bastante tempo, e co nome xa decidido; cada un dos equipos pintou a cartolona da cor que lle correspondía. 

 

Empregaron cadanseu pincel, en lugar de compartir o mesmo para "acordar omo usalo", por mor da COVID-19, xa que non podemos compartir material.

 

Para crear o panel de cada un dos equipos, tiveron tamén que acordar que imaxe das que atopamos en internet querían usar. Eso si respectando as normas de hixiene limpando a pantalla entre cada uso. 

 

Unha vez imprimida a imaxe tan só quedaba acordar como pegala, xunto coa foto do equipo no panel. Novamente usando cada quen ou seu propio meterial, tal como sucedera anteriormente.

Tiveron tamén que organizar o espazo que tiñan no panel para pegar o nome do equipo, e escribir os nomes dos seus integrantes.

Así de xeniais quedaron os paneis dos respectivos equipos. 

 

Xa temos todo listo para usalos cando traballemos en equipo na aula, e poidamos facer tamén a auto avaliación do traballo no equipo.

(2020-2021) Por fin estamos xa estamos todos e todas en infantil 2.

Finalmente xa estamos todos os compañeiros e compañeiras en Educación Infantil 2.

Damóslle a benvida á GERMÁN, que se une ó noso grupo de aventureiros/as.

(2020-2021) Decidimos, dramatizamos e creamos as normas da aula. Este curso case todas son “normas COVID"

Despois de varios días entendendo como funciona agora a aula con todo o tema da COVID-19, chegou o momento de acordar e decidir as normas da nosa aula.

O primeiro foi preparar o panel onde as aiamos a plasmar, pintando con témpera diferentes cadrados de cores, de entre os que escolleu e acordou cada un dos equipos.

 

 

Como xa vos contamos, este curso (mentras dure a COVID) non podemos compartir material, así que cada quen tivo que empregar o seu pincel, e non "tocar" a zona na qu pintaban os seus compañeiros e compañeiras de equipo. Con un pouco de esforzo demos feito o traballo.

Co noso panel xa preprado tivemos que acordar, entre todos e todas, que normas iamos incluír no mesmo. Coa axuda das do curso pasado algunhas foron moi doadas de escoller.

O profe foi escribíndoas a medida que íamos propoñendo ideas.

 

 

Para plasmar as normas, cada un de nos foi "dramatizándoas", para ir tomando fotografías de todas elas. Unha vez impresas tan só quedaba pegalas nos diferentes espazos que tiñamos preparados no noso panel.

Tiñamos 10 normas, tal como descubrimos cando contamos os cadrados que había pintados. 

 

Así quedou unha vez rematado o panel con tódalas fotos das normas.

 

Un a un, con axuda do mestre, fomos escribindo cada unha das normas que acordáramos (unha palabra significativa de cada unha) 

 

 

Para logo pegalas debaixo da foto que lle correspondía. Ás veces non era doado atopar a foto, sobre todo ó principio, porque eran moitas.

Se queres coñecer tódalas normas que acodamos, aquí as podes ver (fai click na imaxe para amplíar se queres velas mellor):

 

Por fin xa temos o novo panel de normas, listas para consultalas sempre que o precisemos.

 

 

O día seguinte, creamos un "mini-panel" de normas para levar para as nosas casas. Alí tivemos que ir pegando as fotografías de cada norma, na mesma cor que tiñan no panel. Había que facelo con moita atención para non equivocarse.

Xa vos contaremos nas seguintes entradas que vaiamos publicando, como nos foi con estas normas e tódalas demais cousas que vaian sucedendo na nosa aula.

Distribuir contido

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 3 invitados conectados.