Iniciar sesión: Accede co teu contrasinal
       

infantil 2

(2011-2012) Xa temos tema do noso novo proxecto de investigación: Os avións

Despois de rematar o noso anterior proxecto de investigación sobre o Espacio (que podes ver aquí), chegou o momento de escoller un tema para investigar.

 

ESCOLLEMOS UN TEMA  (primeiro intento):

Esta vez non foi tan doado de elexir o tema... tentámolo un día e entre todos xurdiron diferentes temas:

  • As arañas
  • Exipto
  • Os inventos
  • Animais: Elefantes, leóns, cebras, lobos, dinosaurios...
  • Bob Esponja
  • Os avións
  • Os coches
  • Os barcos
  • Os camións

Pero cando tivemos que poñernos todos e todas de acordo sobre que tema iamos escoller xurdiron os problemas, xa que pensamos que como todos e todas tiñamos que estar de acordo iamos ir borrando aqueles temas que alguén non quixera investigar... ata que o final quedamos sen ningún dos os que escribiramos, porque todo o mundo quería o seu e dicía que non ós outros.

Teriamos que tentalo noutra ocasión e pensar outra forma mellor de escoller o tema entre os candidatos.

 

ESCOLLEMOS UN TEMA (segundo intento):

Días despois tentamos novamente poñernos dacordo no tema a investigar nas vindeiras semanas.

Nesta ocasión cada quen foi escribindo no encerado o tema que se lle ía ocurrindo para investigar, e que ademais argumentara ós seus compañeiros e compañeiras, explicando por que quería investigar ese tema.

 

Cando xa tiñamos no encerado moitos temas, lembramos o que nos sucedera a outra vez e despois de estudiar diferentes formas de decisión, acordamos que o mellor era realizar un votación.

Cada quen escribiría nun papel o nome do tema que lle interesaba investigar (dos que estaban escritos no encerado), e logo recontariamos os votos que recibira cada un deles.

Maís como tivemos un empate de votos fixemos unha segunda votación "pero xa usando a voz" e anotamos tamén eses votos... 

Para ver cal era o gañador tivemos que "sumar" os votos deixados por escritos cos que dixeramos "coa voz" e finalmente o gañador foi OS AVIÓNS.

 

 

ANTES DE COMEZAR: pedimos axuda.

Como xa fixemos moitas investigacións, e coñecemos todo o proceso, a algúns se nos ocurriu ir buscando xa a información, así mentras decidiamos "o que sabiamos" e o "que queriamos saber" xa podiamos ir xuntándoa.

A primeira idea que xurdiu foi escribir unha carta para levar a casa, contando cal era o novo tema de investigación, e pedindo información.

Escribímola no encerado entre todos e todas, e logo copiámola nun papel para levar para as nosas casas...

 

Outra das ideas foi pedirlle tamén axuda a tódolos compañeiros e compañeiras do colexio.

Comezamos pensando se coñeciamos a alguén nos diferentes cursos (1º, 2º... e claro ós nosos compañeiros de Infantil 1)... descubrimos que si coñeciamos a xente en cada un deles.

Redactamos entre todos unha carta para enviarlles, logo por parellas escollemos a que curso queriamos escribilla.

 

Unha vez feita había que metela nun sobre e escribir o seu enderezo, neste caso o curso.  E na parte traseira o reitente, no noso caso INFANTIL 2.

 

Con tódalas cartas escritas e listas, chegou o momento de repartilas por todo o colexio.

Metímos a carta de E.I.2 no seu buzón... e Nico xa nos trouxo información sobre o avións.

 

En primeiro, onde estaban os nosos compañeiros e compañeiras do ano pasado Martin foi o encargado de leela, como eles tamén investigaban con nós o curso pasado de seguro que nos traen información.

 

Coas outras clase tivemos un problema, pois non sabiamos onde quedaban, menos mal que nos demos conta que enriba da porta había escrito un número 2, 3, 4... seguro que era o curso... así que fomos en orde buscando o número 2 dos nosos compañeiros e compañeiras de segundo.

 

Alí atopamos a antigos compañeiros e compañeiras que estiveron na nosa clase cando os de cinco anos tiñan só tres.. Sara leulles a nosa carta a todo o mundo.

 

En terceiro Emilio foi o encargado, aínda que lle custou un pouco de traballo lela porque algunhas letras "estaban escritas do revés"... cando chegamos á aula comentamos o sucedido e chegamos á conclusión de que as letras "teñen que ser sempre iguais" senón os demáis non poden entender o que pon nas nosas cartas.

 

En cuarto leuna Nuria, que é a irmán de Álvaro, e aquí descurimos un gran problema... o equipo de Álvaro esquecera escribir unha parte do texto da carta e non poñía sobre o que iamos investigar. Menos mal que estabamos alí para contarllo. 

Cando chegamos á aula comentamos o tema, descubrimos o importante que era escribir todo o que queriamos contar porque senón non se entendía o que pediamos.

 

En quinto Ismael foi o encargado de lerlles á carta ós seus compañeiros e compañeiras... Contáronnos que tamén axudaran ós nosos compañeiros e compañeiras da outra aula que están a investigar sobre os cabaleiros, princesas e castelos.

 

Só nos quedaba sexto, os maiores do colexio, que nos contaron que tamén estiveran na nosa clase... fai moitísimo tempo co profe Óscar.

Pablo foi o encargado de lerlles á carta ós seus compañeiros e compañeiras.

 

Alí mesmo nos deixaron un libro onde se falaba dos avións que tiñan na súa biblioteca de aula.

 

 

XUNTAMOS INFORMACIÓN SOBRE OS AVIÓNS:

Pouco a pouco fomos traendo informacións das nosas casas:

Revistas, libros e ata fotografías dunha viaxe que fixo Diego a Roma en avión, que viñan dentro dunha tarxeta pequeniña e que copiamos no noso ordenador.

 

Tamén debuxos, información impresa sacada de internet e ata avións de xoguete.

 

Grabiel tamén nos trouxo uns vídeos sobre os avións nun "pen drive" que copiamos no noso ordenador e Nicolás (que recibiu a carta na outra aula de infantil) deixonos un libro sobre os avións.

 

 

Coa axuda dos compañeiros e compañeiras e o que estamos a traer da casa xa imos xuntando moita información sobre os avións no noso recanto da investigación.

 

Xa estamos listos para comezar a pensar no que "xa sabemos", "o que queremos saber", "onde imos buscar" e "como nos imos organizar".

Moi pronto contarémosvos como foi todo na nosa investigación.

(2011-2012) Facemos un regalo para o día do pai

Este ano para o día do pai, que xa tiñamos marcado no noso calendario, iamos facer unhas "almofadas" para o rato, usando siluetas dos obxectos ou animais que cada quen quixera.

En primeiro luga fixemos unha lista na que cada quen anotou a silueta que ía empregar na súa almofada.

 

Estas foron as eleccións de cada quen, nalgunhas palabras necesitamos axuda dos compañeiros e compañeiras para saber "a letra que nos faltaba" para estiveran todas.

 

Xa coa silueta en papel coloreámola facendo o deseño que logo empregariamos nas nosas almofadas.

 

Cando cada quen tivo o seu deseño listo, pegámolo no lugar onde estaba a almofada coa mesma silueta e puxémonos mans á obra.

 

Pintar na goma-eva non era tan sinxelo, pero con ceras brandas demos feito o traballo... "sen enlixarnos demasiado"

 

Cando tivemos rematada a almofada pegámola ó lado do noso deseño inicial para ver se nos quedara "igual ou semellante".

 

Na parte de atrás da almofada escribimos unha mensaxe para o noso pai... poñendo tamén o seu nome.

 

Así quedaron todas as nosas almofadas plastificadas e preparadas.

 

Tan só quedaba probar se funcionaban correctamente co rato, así que aproveitamos que era venres e tiñamos que "escoller no ordenador" un libro para levar para casa, para que cada quen probase a súa almofada... Funcionaban perfectamente!!

 

Tan só quedaba pensar como lla iamos levar ós nosos pais... acordamos entre todos e todas que como era un regalo había que envolvela nun papel de regalo.

 

Esta vez fixemos o noso papel de regalo enchendo un enorme pedazo de papel continuo branco con ESPIRAIS de diferentes tamaños... ó principio no foi doado facelas pero despois de practicar un anaco saíronos moi ben.

Calculamos canto papel iamos necesitar para envolver a almofada e...

 

Usamos o papel para envolvela usando cinta adhesiva... aínda que cortala co dedo non eran demasiado doado, demos feito o traballo.

 

A media que iamos rematando o noso paquete fomos tachando o noso nome da lista para non confundirnos.

 

De seguro que lles encantaron os nosos agasallos.

 

(2011-2012) Participamos nunha sesión de contacontos de Kalandraka

Un día pola mañá, apareceu no noso buzón unha carta que nos enviaban desde "KALANDRAKA", anunciándonos que ían vir ó noso colexio a contarnos e cantarnos unha serie de contos.

Podes ler a carta que nos enviaron AQUÍ

O primeiro que fixemos foi anotalo no calendario, para que non se nos esquecera.

 

Cando chegou o día 13 de marzo asistimos, xunto ós compañeiros de E.I.2, 1º e 2º á sesión de contacontos.

Alí estaban Álex e Patricia (que xa se presentaran na carta) que traían unha chea de contos e instrumentos.

 

Contáronnos os contos do Mago Goma e Pancho... que tamén os tiñamos na nosa biblioteca... entre outros moitos.

 

 

E ata participamos cantandos as cancións de cada conto.

 

O conto de "Pancho", non tiña final... porque aparecía escrito "CASE FIN"... así que entre todos propuxemos diferentes finais para o mesmo:

- Os seus pais foron a rescatalo e voltaron á selva.

- Non puido escapar pero atopou a unha Elefanta e tiveron un fillo pequeno.

- Os pais foron a rescatalos e quedaron alí encerrados tamén.

[...]

Agora só nos queda descubrir que lle sucedeu realmente a Pancho despois de estar no circo, porque segundo parece existe unha segunda parte deste libro... pero iso xa o contaremos noutro momento.

 

(2011-2012) Visitamos e participamos nas actividades do Salón do libro 2012

Como xa vos contamos semanas atrás, participamos na elaboración do traballo do noso colexio (xunto ós compañeiros e compañeiras da outra aula de infantil, primeiro e sexto) para participar no salón do libro 2012, que este ano estaba adicado "á boa e mala sorte".

Podes lembrar como fixemos o noso traballo na seguinte ligazón:

INFANTIL 2: Participamos no Salón do Libro: facemos o libro dos números da sorte 

 

Así quedara o noso traballo:

 

A nosa visita para participar nas actividades do salón do libro no Pazo da cultura de Pontevedra, tería lugar o día 9 de marzo, tal como nos comunicaron nun e-mail. Anotamos a data no calendario par non esquecernos, e contar cada día cantos días faltaban para ir a visitar o lobo ORBIL.

 

Por fin chegou o día de visitar e participar nas actividades do salón do libro 2012, este ano titulado 12+1.

Como sempre fomos en autobús, antes de salir de viaxe lembramos as normas de seguridade: aborchar o cinturóns e non levantarse do asiento.

 

Cando chegamos ó Salón estábanos a esperar o lobo ORBIL para darnos á benvida. Sabías que ORBIL é o mesmo que LIBRO, pero escrito do revés?

 

Acompañados por Julia, a nosa guía acompañante, fomos ata o que parecía a habitación dun castelo, pero cheo de libros... o mellor é que todo estaba feito de cartón.

Alí estábanos a agardar Celso.

 

Celso contounos contos divertidísimos, e ata nos enseñou alguna canción moi "porcalleira".

 

Cando nos despedimos de Celso, fixemos unha visita polo resto do Salón do libro.

Nunha das paredes había unha chea de animais, ou polo menos unha parte deles... e sabéde-lo qué? había unha ruleta que había facer xirar e ver "que caca de animal nos tocaba", porque din que pisar unha caca da boa sorte.

 

Segundo tamaño da caca e do animal, a sorte sería mellor e peor... e ata o profe Óscar fixo xirar a ruleta e conseguiu "unha caca de vaca"... a que daba mellor sorte.

 

Atopámonos de novo con ORBIL quen nos "chocou a man" a cada un...

 

Había tamén unha exposición de amuletos que daban "boa sorte"... ou polo menos é o que a xente cre.

 

Visitamos tamén un bosque cheo de animais asociados á boa e a mala sorte... eran animais feitos de pedra!!

 

E descubrimos unha parede chea de ovelliñas, das que se contan para quedar durmido, e onde unha delas era o lobo Orbil disfrazado delas. Era todo "un lobo con pel de cordeiro".

 

Puidemos mirar os traballos feitos por tódolos colexios partipantes...

 

E claro, tamén o noso co que, segundo nos contaron, xogaban tódolos nenos e nenas que viñan á exposición.

Se ídes ó Salón, atoparédelo axiña, xa que ten o nome do noso colexio cunha etiqueta no chan.

 

Unha flor xigante, tamén pendurada na parede, ía perdendo os seus pétalos de "boa ou mala sorte".

 

Por último, nunha zona que estaba chea de libros, atopamos unha parede chea de "trebos"... Eres quen de atopar o que ten catro pétalos e da boa sorte?... nos atopámolo moi axiña.

Antes de rematar a visita estivemos lendo contos de entre os moitísimos que había alí.

 

Cando chegou a hora de marchar, xuntámonos cos copañeiros e compañeiras de primerio e sexto, que estiveron facendo outras actividades no Salón do libro, para facer unha foto final de despedida "todos xuntos", ó lado do gato negro que facía porta de entrada.

 

Xa fora do Pazo da Cultura, fixemos unha pequeno camiñata andando ata un parque que estaba preto do río, onde tomamos a merenda porque estabamoa "esfameados" de tanto que fixeramos na mañá.

 

E por suposto tamén xogamos, todos xuntos, nun parque de xogos feito de troncos, que parecía o "parque dos indios".

 

Pasámolo de medo, desde os máis pequenos...

 

Ata os maiores, que tamén tiñan a súa zona de xogos...

 

 

Lembra que podes visitar o salón do libro cos teus pais e nais, de forma gratuita, no pazo da cultura de Pontevedra.

Horarios, actividades e máis información na web oficial do salón do libro.

www.salondolibro.org

 

 

(2011-2012) Nenos e nenas do mundo, participamos no libro viaxeiro

Como xa vos contaron os nosos compañeiros e compañeiras de INFANTIL 1, a biblioteca propúxonos a tódolos cursos que participemos nun libro viaxeiro sobre os nenos e nenas do mundo. Podes a súa parte na seguinte ligazón.

INFANTIL 1: A biblioteca proponnos unha actividade cooperativa: o libro viaxeiro.

Nunha das visita ás biblioteca, vimos como no recanto que ten no corredor do andar superior, había unha mesa moi especial, cun mapa, un globo terraqueo e diferentes bonecos enriba del.

Tamén había un libro que falaba das escolas de todo o mundo.

 

Na nosa aula, tamén puxemos un libro sobre "os nenos e nenas do mundo" que trouxo o profe, e inauguramos o recanto do "libro especial" que vai a ir cambiando ó longo do curso.

 

Como lles pareceu un libro moi interesante, pedíronolo prestado e agora está na mesa do recanto da biblioteca, para que todos e todas poidan usalo.

 

Por fin, un día  o libro viaxeiro chegou á nosa aula, miramos o que fixeran os nosos compañeiros e compañeiras da outra aula.

 

Como tiñamos que escoller dous dos nenos e nenas que había no libro, fomos escollendo cadanseu o que máis lle gustaba e fixemos unha votación.

 

Os dous con máis votos foron os nenos de VIETNAM e GROENLANDIA.

 

Comezamos a investigación buscando dous nomes para poñerlles, en internet atopamos varios de cada país pero quedámonos con NANUQ (o neno de Gorenlandia) e XUAN (o neno de Vietnam).

Tamén buscamos como eran as súas bandeiras, para poder pintalas no libro viaxeiro.

 

Ademáis, cadaquen foi facendo a mesma folla do libro viaxeiro, para poder tela como recordo da investigación cando o libro pasara ós compañeiros e compañeiras de segundo.

 

Tamén tiñamos que indicar onde quedaba o paises nun mapa, en que continente estaban e datos curiosos das súa culturas.

Así que na aula de informatica na P.D.I. (Pizarra Dixital Interactiva), estivemos buscando toda a información que puidesemos atopar.

Por exemplo que os inuits (habitantes de Groenlandia) bicábanse frotando o nariz e non empregando os beizos coma nos.

 

Ou que en Vietnam levaban uns gorros feitos de arroz (descubrimos que os facían coa pranta que da o arroz que se pranta en lugares con moita auga)

 

E fixemos os nosos propios gorros de vietnamitas, como Xuan.

 

Con toda a información (fotografías e textos que fomos escribindo entre todos) completamos a nosa parte do libro viaxeiro "sobre os nenos e nenas do mundo".

 

Por turnos fomos completando a información, escollendo entre todo o que descubriramos dos países de XUAN e NANUQ.

 

Tamén coloreamos a ámbolos dous nenos para que estivesen moi guapos.

 

E para completar o noso dosier, pegamos unha foto de cada neno nuna cara dunha folla de cor, e dunha chea de fotografías tivemos que ir recortando e pegando cal se correspondía á vida de Nanuq e cal á de Xuan.

 

Así quedou a nosa parte do libro viaxeiro, fai click na seguinte icona para vela

(2011.2012) Celebrámo-lo día da muller traballadora

O día 8 de marzo celebramos o "Día internacional da muller traballadora", se ben é un asunto que se trata de forma continuada nas aulas de infantil do noso centro, xa que forma parte dun dos eixos fundamentais da nosa práctica educativa. Aproveitamos a efeméride para reflexionar  sobre "o traballo" das nosas nais e outras mulleres que coñeciamos. Traballando aspectos relacionados coa coeducación (educación para a igualdade de xénero)

Un día antes, conxuntamente cos compañeiros e compañeiras da outra aula, estivemos falando dos traballos dos nosos pais e nais, colocándo cada un deles no símbolo que lles correspondía.

Custounos un pouco pero demos descuberto que eses símbolos significaban "muller e home"

 

Fomos anotando tódolos traballos dos nosos pais/nais e outras mulleres que coñeciamos.

 

Tamén miramos o mural que estaba na sala de usos múltiples, onde os maiores do colexio ían a asistir a un coloquio cunha muller de maior e outra máis nova, que ían falar das diferencias entre a vía e condicións laborais de ámbalas dúas.

 

O día 8, miramos todos xuntos o conto "ceniciento" onde todo "era diferente" e outro vídeo "que nos fixo pensar". Podes atopar ambos nesta ligazóns:

Vídeo ceniciento          Vídeo "igualdade de xéneros"

Despois de ver os vídeos reflexionamos sobre o que neles sucedía, especialmente no segundo "onde todos pensaron que a nai e o pai estaban en traballos diferentes ós que amosa o vídeo"

 

Logo cadanseu escolleu unha profesion "das que dixeran para as súas nais e pais" (os nenos as das nais e as nenas as dos pais)

 

Organizámonos por equipos segundo as profesións.

 

E pegamos a nosa cabeza no "debuxo da profesión" elexida.

 

Finalmente debuxamos á nosa nai no seu traballo e pegámola ó lado "da nosa profesión elexida", e na portada puxemos un texto para lembrar que se trataba do día da muller traballadora.

 

Os nosos traballos quedaron así:

(2011-2012) Participamos no Salón do Libro: facemos o libro dos números da sorte

Un curso máis voltaremos a participar no Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra (www.salondolibro.org), que nesta ocasión titúlase "12+1".

 

Nesta ocasión, os cursos que participamos decidimos facer un taboleiro "do xogo do trebo", no que nas diferentes casillas aparecería un elemento relativo á boa ou mala sorte.

Cada un deses elementos estaría recollido, coa súa explicación,  nun libro elaborado por cada curso. A nos correspondeunos facer o "libro dos números do sorte"

Primeiramente dialogamos sobre o que é "ter sorte" ou ter "mala sorte" buscando nos xornais, xunto cos compañeiros e compañeiras da outra aula, novas que consideramos de boa ou mala sorte.

 

Tamén buscamos en diferentes contos e situacións da vida real "onde podiamos atopar a boa ou a mala sorte".

Con estes feitos asociamos a boa ou mala sorte con un número, despois de discutir sobre a súa causa.

Cadanquen escolleu un dos números e elaborou a súa parte do libro.

Podes ver o noso libro "OS NÚMEROS DA SORTE" facendo click na seguinte ligazón:

 

Nota: por un problema técnico non dispoñemos de imaxes do proceso de elaboración do libro "dos números da  sorte".

 

Tamén elaboramos entre todos o taboleiro de xogo.

 

E del penduraba o noso libro dos números da sorte.

 

Se vas a visitar o Salón do libro (do 4 ó 31 de marzo), podes tentar xogar con el.

 

Agora tan só nos queda visitar o Salón para participar nas actividades que nos propoñan e ver os traballos do resto dos compañeiros e compañeiras de outros colexios.

Iso xa o contaremos noutra ocasión.

(2011-2012) Rematamos a nosa investigación sobre o espacio

Máis información sobre este proxecto de traballo nos pasos anteriores:

- Comezamos a investigar sobre o espacio.

- Continuamos a investigar sobre o espacio

Seguimos a descubrir cousas do espacio

- Investigamos sobre o espacio: facemos un cohete e cráteres

Investigamos sobre o espacio: A Lúa e a tarta cohete

- Investigamos o espacio: Visitamos o observatorio astronómico de Forcarei

 

Coa nosa investigación rematada, chegou o momento de facer o dossier individual para lembrar todo que que descubrimos e poder contalo na casa.

 

Pouco a pouco fomoscompletando cada unha das páxinas respondendo ás preguntas que nos plantexaramos, e que xa tiñan solución. De cando en vez tivemos que ir a repasar o murarl do corredor para asegurarnos de que non se nos esquecía nada.

 

Tamén atopamos varios artigos de prensa onde falaban da nosa visita ó observatorio de Forcarei e do noso proxecto de investigación. Podes ler estes artigos aquí.

 

Cando rematamos tódalas páxinas do noso dossier chegou a hora de ordenalas, para elo repasamos as preguntas que escribiramos para poñelas na mesma orde.

 

Logo fomos enumerándoas no encerado para poder usalo de modelo cando ordenáramolas nosas.

 

Escribimos o número da páxina nas do noso dossier.

 

E puxémolas na mesma orde.

 

Así quedou o noso dossier rematado, xa estaba listo para levalo para as nosas casas.

 

Tampouco nos esquecemos de levar para a casa toda a información sobre o espacio que tiñamos, agora teremos ir pensando un novo tema para investigar.

 

E así de chulo quedou o libro xigante, coas follas da investigación que fixemos entre as dúas aulas.

 

 

(2011-2012) Polo Entroido imos de astronautas

Como estivemos investigano sobre o Espacio, decidimos que este ano iriamos difrazados de Astronautas polo entroido.

O primeiro foi buscar "exemplos" en internet e decidir que deseño era o que máis nos gustaba.

 

Así tería que quedar o noso disfraz rematado.

 

Entre todos escribimos unha nota para casa pedindo unha caixa, que necesitariamos para facer a mochila do disfraz.

 

Había que envolver cada caixa con papel branco...

 

Xuntamos unha chea de caixas, que puidemos contar, clasificar, ordenar... pero o máis complicado foi facer que quedasen en equilibrio para que non caesen.

 

Cuns círculos prateados e unha insignia da expedición "PEDRO ANTONIO CERVIÑO", quedou rematada a nosa mochila espacial.

 

Así quedaron nas primeiras probas... tan só faltaba o traxe.

 

Escribimos entre todos e todas o listado de materiais e partes que tería o noso disfraz.

 

Tería uns tirantes negros, bandeiras, insignias e unhas raias nas pernas (tres nun lado e unha na outra) 

 

Fomos axundándonos uns a outros por parellas:

Poñendo o cinto.

 

E os tirantes.

 

Tamén as raias nas pernas, había que ter coidado de non confundirse porque ían tres nunha perna e só unha na outra, tal como tiñamos no modelo.

 

Para facer as bandeiras buscamos no ordenador como eran tódalas bandeiras que existían.

 

Decidimos copiar algunhas e inventar outras. 

 

As bandeiras había que poñelas nos hombreiros, e as insignias no peito.

 

Co tubo que iría desde a mochila ó traxe xa tiñamos rematado o noso disfraz.

 

O día da festa do Entroido, algúns compañeiros e compañeiras trouxeron postres para compartir.

 

Xa estabamos preparados pra o desfile:

 

E os compañeiros e compañeiras da outra aula tamén.

 

Comezamos ó desfile arredor do colexio, alí estaban moitos pais e nais para ver os nosos disfraces.

 

Aquí estamos todos e todas, xunto os compañeiros e compañeiras de outros cursos que ían de cousas relacionadas co espacio.

 

 

Rematamos o desfile no pavillón, onde había música para bailar.

 

Para rematar a festa, xa na aula comimos os postres do entroido que trouxeran os nosos compañeiros e compañeiras.

 

(2011-2012) Recollemos tapóns solidarios e celebrámo-lo día da paz

Non coñeces a "recollida de tapóns solidaria"? Queres colaborar con ela? mira este vídeo:

Reportaxe "tapóns solidarios", no programa Repor (TVE).

http://www.rtve.es/alacarta/videos/repor/repor-tapones-esperanza/1255906

 

RECOLLEMOS TAPÓNS:

Un día puidemos ver, na porta da aula de sexto, un cartel pedindo axuda para recoller tapóns, dentro da campaña "tapóns solidarios".

 

Tamén decidimos colaborar nesta iniciativa, e tódolos tapóns que imos atopándolo xuntámolos nunhas botellas.

 

Cando xa temos a nosa botella chea de tampóns, os compañeiros e compañeiras de sexto veñen a recollelos para enviarllos as familias de nenos con problemas. Por cada tonedad de tapóns que envien a reciclar reciben cartos par costear tratamentos médidos para nenos que os necesitan.

 

Na primeira recollida, xa logramos encher estas dúas bolsas... pero seguimos xuntando tapas e máis tapas.

O pai dun dos compañeiros de sexto será quen se encargue de levalos.

Podes ler máis da proposta dos compañeiros e compañeiras de sexto no seu recanto, ou directamente desde aquí.




CELEBRAMO-LO  DÍA DA PAZ:

Como cada 30 de xaneiro celebramos o Día da Paz, coñecendo quen era Gandhi, e porque se adica este día en memoria da súa persoa.

 

Colaboramos tamén na creación dun globo terraqueo, para enchelo de nenos de tódalas orixes.

Fomos a recoller o papel no que teriamos que pintar o mar, de cor azul, para que logo outros compañeiros e compañeiras fixeran o resto.

 

Con axuda dun cordel debuxamos unha circunferencia que repasamos con rotulador entre todos.

 

E con pintura de mans, comezamos a pintalo de azul, porque como xa sabiamos da nosa investigación sobre o espacio a meirande parte da terra está formada por auga.

 

Remataron o traballo os compañeiros e compañeiras da outra aula de infantil, así quedou rematado o noso círculo, agora tocaríalle a outros cursos debuxar os continentes.

 

Pintamos cada un de nos a silueta dun neno "que viñan de diferentes partes do mundo".

 

Cando rematamos fomos ver como estaba o mural case rematado, xa debuxaran os continentes, cunha pomba da paz, e algúns cursos foran colocando os nenos ó seu arredor.

 

Nos tamén pegamos os nosos nenos collidos da man. 

 

Así quedou rematada a nos "Terra" con nenos e nenas de todo mundo dándose a man.

 

Tamén pegamos nun mapa da terra, fotografías de nenos e nenas de todo mundo, colocando cada unha onde naceron...  aínda que algúns podian estar noutros lugares porque viaxaron ata eles

 

Tamén participamos na celebración feita no colexio, xunto con tódolos compañeiros e compañeiras do centro.

 

Os compañeiros e compañeiras de sexto contáronos, en inglés e galego, a historia de Sadako e as 1000 grulllas da paz.

 

Que tamén puidemos ver nun fermoso vídeo sobre a historia.

 

Se queres voltar a velo, aquí o tes.

 

Como remate cantamos todos xuntos a canción "Celebra la vida"

 

 

 

Distribuir contido

Acceso rápido

Punto Laranxa contra o acoso escolar

Formación do profesorado

Proxectos T.I.C. do centro

Eleccións ó Consello Escolar

Eleccións ó Consello Escolar
Infomación do proceso

Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 6 invitados conectados.