Skip to Content

ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA

NO DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA

Hoxe, 30 de xaneiro, celebraremos o DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA no noso colexio. A semana pasada estivemos preparando varias actividades:

  • Realización de pequenos agasallos para intercambialos entre todas as nenas e nenos do cole. Na nosa conta de Instagram  podemos ver o que realizou cada aula de Infantil e Primaria.
  • O alumnado de 5º de Primaria realizou un programa de RADIO NA BIBLIO con esta temática.
  • Nas aulas de Educación Física, Inglés e Educación Musical  preparamos unhas cancións para cantalas todos xuntos: "Que vivan a Paz e o Amor", SIMAMAKA, "Bo día a toda a xente do lugar"
  • A través da Biblioteca comezamos un proxecto co libro "CALENDARIO POÉTICO" de Xoán Neira. Cada mes ten a súa poesía e por cursos imos a recitar e poñerlle debuxos. Comezaron as nenas e nenos de 1º curso co mes de xaneiro e no seguinte vídeo podemos ver o resultado.

PREME NA IMAXE

 

 

 

ACTIVIDADES NA BIBLIOTECA

A pasada semana a biblioteca tivo moita actividade:

O alumnado de 5º e 6º de Primaria tiveron unhas charlas sobre Educación Sexual impartidas por un médico e sexólogo do gabinete Otero Piñán.

Estes talleres enmárcanse dentro dos Contratos Programa, concretamente no EMOCIÓNA-T

Outra das actividades foi a plantación de bulbos no patio exterior da biblioteca que levou a cabo o alumnado de 1º e 2º de Primaria. Para a primavera teremos tulipáns...

No expositor exterior da biblioteca xa están os libros recomendados para traballar o Día da Paz

NOVO RECUNCHO PARA A BIBLIOTECA

Estreamos un novo recuncho a carón da biblioteca

para que no tempo de lecer podades xogar ou ler.

 

LIBROS NOVOS NA BIBLIOTECA

Lembramos que, na celebración do Día da Biblioteca, fixemos a actividade "Sorbos de Lectura" onde vos pediamos que nos deixárades as vosas suxestión de novos libros para a biblioteca.

E aquí, nesta pequena exposición,  deixamos os libros mercados.

 

Un día de reciclaxe

Na mañá do xoves, 24 de novembro, as nenas e nenos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria tiveron un día moi ameno e vinculado ao medioambiente e a  reciclaxe.

Primeiramente clasificaron todo o lixo recollido fai unhas semanas no lavodoiro e na fonte de Celeiro, para máis adiante facer unha obra artística con todo o seleccionado e reciclar o resto nos contedores correspondentes.

Despois asistiron a unha charla organizada por SOGAMA para explicarlles o uso dos novos contedores marróns e facer un breve repaso por todos os outros.

CLASES DE PRIMEIROS AUXILIOS

"Aprendemos Primeiros Auxilios"
O mércores, 16 de novembro, todo o alumnado de Primaria recibiu unha interesante charla sobre primeiros auxilios organizada pola ANPA .
Rocío, enfermeira da Cruz Vermella, explicounos de xeito moi axeitado e divertido as principais medidas a tomar ante hemorraxias, feridas, golpes...incluso como actuar ante un esvaecemento.
Tamén coñecimos cómo se realiza a famosa RCP ( Reanimación Cardiopulmonar Básica).
Pareceunos unha actividade moi útil xa que en calquera momento podemos necesitar coidados deste tipo para axudar a un amigo ou familiar...tomamos boa nota!!

Moitas grazas á ANPA e a Rocío.

 

CELEBRAMOS O SAMAÍN 2022

Durante a mañá do venres, 28 de outubro, poidemos  participar das actividades que preparamos durante a semana para esta celebración.

Ler máis

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA

O luns, 24 de outubro, celebramos o Día da Biblioteca con moitas actividades:

  • Exposición de libros novos
  • Exposición de marcapáxinas
  • Nas caixas de "sorbos de lectura" deixamos as nosas suxestións para mercar novos libros
  • As Mochilas Viaxeiras foron repartidas entre todos os cursos de primaria.
  • O alumnado de sexto fixo a representación do conto "Corre, corre, cabaciña. Unha interpretación libre  moi orixinal e divertida.
  • Por último, tivemos a oportunidade de contar co exprofesor do colexio, Vicente Míguez, que acaba de publicar o libro "Mar gremial das rías de Viveiro e do Barqueiro". Vicente fixo unha presentación sobre o Celeiro Antigo amosando as diferenzas coa actualidade, motivando ao noso alumnado da necesidade de preservar a natureza e recordando o traballo realizado polo nosos antepasados.

Felicitamos a todos os participantes nestas actividades polo seu gran traballo realizado.

Nos seguintes vídeos podemos ver un resumo da celebración.

Ler máis

ABRIMOS A BIBLIOTECA POLAS TARDES

A partir do luns 24 de outubro a biblioteca estará aberta de 4 a 6 da tarde os martes, mércores e xoves para uso de nenos, nenas e familias.

Non estará dispoñible a posibilidade de préstamos, xa que estes realízanse en horario lectivo.

Recordamos que os nenos e nenas de Educación Infantil terán que acudir acompañados dun adulto.

Esperámosvos!

 

4ª EDICIÓN DE SUPERARTE

Durante a semana do 17 ao 23 de outubro celébrase a IV Edición de SUPERARTE cun amplo programa de actividades para dar visibilidade ás persoas con diversidade funcional.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do noso colexio recibiu unha "charla informativa" sobre as enfermidades raras, escoitaron un conto moi emocionante e puideron facer moitas preguntas para resolver moitas dúbidas.

Estas actividades serven para plantar a semente da inclusión tan necesaria desde pequenos.

Agradecemos ao Concello de Viveiro esta aportación e desexamos que sexa moi exitosa esta nova Edición de SUPERARTE.

 

 

Distribuir contido


by Dr. Radut