Hoxe, 30 de xaneiro, celebraremos o DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA no noso colexio. A semana pasada estivemos preparando varias actividades:
Realización de pequenos agasallos para intercambialos entre todas as nenas e nenos do cole. Na nosa conta de Instagram podemos ver o que realizou cada aula de Infantil e Primaria.
O alumnado de 5º de Primaria realizou un programa de RADIO NA BIBLIO con esta temática.
Nas aulas de Educación Física, Inglés e Educación Musical preparamos unhas cancións para cantalas todos xuntos: "Que vivan a Paz e o Amor", SIMAMAKA, "Bo día a toda a xente do lugar"
A través da Biblioteca comezamos un proxecto co libro "CALENDARIO POÉTICO" de Xoán Neira. Cada mes ten a súa poesía e por cursos imos a recitar e poñerlle debuxos. Comezaron as nenas e nenos de 1º curso co mes de xaneiro e no seguinte vídeo podemos ver o resultado.
Na mañá do luns, 28 de novembro, viñeron ao colexio tres persoeiros de RADIO VOZ:
Antía Díaz, xefa de programas e informativos
Sonia Rodríguez, xefa de emisións
Manuel Mantilla, director xerente
As nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria tiveron a oportunidade de escoitalos nunha charla informativa sobre o proceso de elaboración dun programa de radio, realizaron a gravación do programa "Primeiros meses no colexio" e por último entraron en directo no programa VOCES DE LUGO que presenta Félix Jorquera.
Este proxecto foi proposto pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para o programa Radio Voz Escolar.
O Plan Lía (Lectura, Información, Aprendizaxe) 2025 de Bibliotecas Escolares, aprobado este mesmo ano, fixa entre as súas sete liñas principais reforzar os programas de alfabetización mediática e informacional do alumnado, con propostas que promovan o coñecemento e un uso responsable da información en múltiples formatos.
Con este motivo, ponse en marcha Radio Voz Escolar, unha experiencia piloto dirixida ao alumnado de 40 centros integrados no programa Radio na Biblio.
Desenvolverase de acordo coas seguintes características:
a) Darase unha charla sobre a radio aos escolares no espazo que o centro habilite para iso, coordinados con Radio Voz, que abranguerá experiencias e aprendizaxes e dará consellos para a realización da actividade.
b) Gravarase no propio centro un programa para a súa emisión en falso directo a través de Radio Voz. A emisora informará ao propio centro do día de emisión para que o alumnado e as súas familias poidan escoitalo.
c) Os podcast estarán dispoñibles nunha nova sección na web de Radio Voz.
No seguinte vídeo podemos ver o proceso de gravación e a entrada en directo
A partir do minuto 38:35 podemos escoitar o programa de Félix Jorquera
O sábado 12 de novembro celebrouse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a Xornada de Bibliotecas Escolares de Galicia 2022. Déronse cita equipos de biblioteca, docentes, asesores/as dos centros de formación do profesorado e persoas expertas na temática do lema deste curso "Escribir a biblioteca escolar".
Unha xuntanza que falou do poder da escritura e do relato en moi diversos formatos... e do papel facilitador da biblioteca a través dos novas linguaxes e espazos, dos proxectos, do voluntariado, do fomento da lectura e da participación das familias...
Foi, novamente, unha ocasión para o encontro entre o profesorado deste amplo colectivo de docentes que poñen en pé as bibliotecas escolares galegas, o reforzo de vínculos persoais e profesionais e, con toda seguridade, o comezo de novas colaboracións para o presente curso.
PREME NA IMAXE PARA VER O PROGRAMA
O noso colexio participou nesta xornada presentando o programa de Radio na Biblio que coordina a mestra Marta Pérez.
Á xornada tamén acudiron a coordinadora da Biblio, Maricarmen Lázaro e a integrante do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, Bibiana Santos.
A xornada foi moi produtiva e vimos con ilusións renovadas.
Na mañá do venres, 4 de novembro, o alummnado de 5º e 6º de Primaria participou na FORMACIÓN DE RADIO impartida por Damián Alonso, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica PONTE...NAS ONDAS!.
Damían é actor de dobraxe en documentais, series animadas, series para adultos, películas que podemos escoitar en Discovery, Clan TVE...
Este é o quinto curso no que imos participar neste proxecto destinado a centros que formamos parte do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares).
NESTE ENLACE podedes ver todo o que fixemos desde o ano 2018.
Imos solicitar a participación no programa RADIO NA BIBLIO para este curso 22-23, a través da convoctoria que realiza a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.
Xa vimos participando desde o ano 2018 e foron moitas as alumnas e alumnos que pasaron polo estudo da nosa RADIO realizando moitos programas que se poden ver na PÁXINA DA RUFOSOÑOS.