3º Ciclo

CIENCIA EN MOVEMENTO

08/05/2016 22:40
Atlantic/Bermuda

O luns día 2 de maio estivo no colexio a exposición "Ciencia en movemento". Trátase dunha iniciativa privada, que coa colaboración do Concello de Redondela visita os centros escolares. A exposición componse dunha serie de experimentos que chaman moito a atención por diferentes características. Os alumnos de 5º e 6º asistiron e participaron activamente na realización e observación dos diferentes apartados. Punto de equilibrio, movemento  perpetuo, materiais do mais diverso, magnetismo, lámpada de Tesla, motores stirling,... todos eles experimentados de primeira man polos nosos alumnos, e é que o título da exposición : Prohibido non tocar" correspondeu coa realidade.

ODAIKO NAS ESCOLAS

O alumnado do 3º Ciclo de EP asistiu a unha actuación musical levada a cabo polo grupo de percusión ODAIKO.

Nesta ocasión Odaiko adéntrase nunha aula calquera dunha escola para debuxar sons e sensacións cos diferentes materias que nos rodean. A contextualización desta historia acercaranos ao pasado máis lonxano, ese que nos amosa os inicios da humanidade, ata rematar no presente que ata hoxe coñecemos. Un percorrido musical desde o máis ancestral, “home de pedra”, ata o máis actual, “home moderno”.
Acompañados por un narrador en off, Odaiko proponnos una divertida escenificación en directo, chea de ritmos e sonoridades da percusión moderna, onde a imaxinación, a creatividade e a curiosidade polas distintas manifestacións artísticas, son os puntos clave.
“A riqueza dos nosos alumnos está na imaxinación e na comprensión que eles mesmos desenvolven”. Odaiko Percussion Group.

SAÍDA DE FIN DE CURSO Á GRANXA KIRIKO

Como ven sendo tradición, o alumnado do 3º Ciclo estivo pasando uns días na granxa O Kiriko. Fixeron unha chea de cousas divertidas e veñen moi cansos destas "pequenas vacacións" anticipadas. Para ter unha mostra do que fixeron botádelle un ollo ás fotos...

EXPOSICIÓN: O MAR TEN ARTES

Este trimestre o noso proxecto sobre o mar tiña como eixe de actuación o "Aproveitamento do Mar", así que realizamos algunhas actividades relacionadas con este tema.

Aquí tedes unha exposición sobre "artes" de marisqueo e pesca que fixeron os/as alumnos/as de 3º Ciclo, así como diversos traballos de investigación que realizaron e expuxeron na aula.

ENTREVISTA CON SIRA SOBRE O MARISQUEO NO NOSO MAR

Este venres 22 de marzo veu Sira, unha profesional das Ciencias do Mar que traballa na Asistencia Técnica na Confraría de Redondela. Tivo a amabilidade de achegarse ao noso colexio e os alumnos e alumnas de 3º Ciclo fixéronlle unha entrevista para coñecer máis de cerca como se desenvolve o traballo do marisqueo na nosa zona.

As cuestións que lle propuxeron axudaron a coñecer moitas cousas sobre o traballo que desenvolve tanto ela como os homes e mulleres que viven do mar e resultou moi interesante porque acompañou a súa entretida exposición con fotografías dos labores que desenvolven a cotío.

Falounos das distintas especies que se producen por aquí: ameixas (rubia, babosa, xaponesa, cadelucha,fina) croques, navallas, etc. Falounos de que hai que sementalas (cando son coma "lentellas"), hai que coidalas, vixialas, trasladalas cando cómpre, e recollelas(sempre que o seu tamaño sexa adecuado). Tamén non explicou que é a veda, por que hai que respectar as vedas; explicou que é a chamada "marea vermella"; falounos dos distintos tipos de "bicho" para pescar e moitas cousas máis que encheron 90 minutos de entrevista.

Queremos agradecerlle a Trini que nos puxese en contacto con Sira e a esta que viñese ata o colexio para achegarnos ao mundo do marisqueo.

 

DEPORTE ESCOLAR FEBREIRO 2013

Ao longo do mes de febreiro participamos en dúas xornadas de deporte escolar. A primeira delas tivo lugar no Estadio da Xuventude, en Pontevedra. Alí moitos dos rapaces/as tiveron o seu primeiro contacto cunha pista de atletismo.

Na outra xornada, visitamos aos compañeiros/as do CEIP Curros Enríquez de Pazos de Borbén, paracticando varios deportes. A vindeira xornada levaranos no mes de abril ao Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior.

Facendo clic na imaxe podedes ver varias fotografías das dúas xornadas.

NAVEGA CON RUMBO

Rematamos este mes coa segunda actividade sobre navegación segura en internet. A charla de Navega con rumbo para o alumnado de 5º e 6º resultou de gran interese e utilidade práctica.

No vídeo tendes parte do contido da exposición do poñente: as dez claves para usar internet con seguridade.

Tamén é de moito interese a web de pantallas amigas:

A web de NAVEGA CON RUMBO é de gran utilidade para toda a familia, con guías para todos/as.


 

DEPORTE ESCOLAR

O mércores día 18 participamos nunha xornada de deporte escolar cos compañeiros do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén. Practicamos bádminton, voleibol, baloncesto, balonmán e fútbol sala. A vindeira xornada terá lugar no mes de marzo. Podedes ver algunha das fotos que fixemos.

 

DEPORTE ESCOLAR

Este mércores, día 14 de decembro, comezaron para o noso alumnado as actividades do programa XOGADE. Visitamos o Pavillón de Soutomaior para participar nunha xornada de "Xogando co atletismo" xunto con compañeiros dos colexios Santiago Apóstol de Soutomaior, CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén e CEIP Toural de Vilaboa.

Se facedes clic aquí ou na imaxe podedes ver as fotografías que figuran na web do Concello de Soutomaior.

DEPORTE ESCOLAR: VISITA AO CPI DE PAZOS DE BORBÉN

O mércores día 30 de marzo fomos ao CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén a unha nova xornada do Deporte Escolar. Practicamos bádminton, voleibol, baloncesto, balonmán e fútbol sala. O vindeiro 12 de abril desprazarémonos ao concello veciño de Soutomaior, na que será a derradeira xornada na que se disputen os mencionados deportes. No mes de maio haberá un encontro dos catro colexios participantes no pavillón de deportes de Soutomaior.

 

Powered by Drupal - Design by artinet