Skip to Content

RESUMO DE ACTIVIDADES PROXECTO DE VIDA ACTIVA E DEPORTIVA.1º TRIMESTRE Curso 2021-22. PLAN PROXECTA. "Contra o aburrimento, Caión en movemento"

Recollemos a continuación as actividades que conformaron a nosa proposta, clasificadas por meses de realización.  Somos conscientes de que o noso proxecto foi moi ambicioso, polo que quedaron actividades pendentes de realización, por diferentes causas. Ditas actividades, non serán esquecidas, senón que xa están contempladas no Proxecto para o próximo curso, que dará continuidade á nosa concienciación con estilos de vida que promovan un desenvolvemento saudable e sostible, tendo como base a actividade física e lúdica.

A memoria gráfica das actividades foi recollida en Álbums de fotos, dispoñibles premendo nas diferentes ligazóns de cada actividade.

RESUMO DE ACTIVIDADES. 1º TRIMESTRE

SETEMBRO

#ESSD2021. Día Europeo do Deporte escolar. 23/9/21

Con motivo do Día Europeo do Deporte escolar, celebramos unha Andaina pola contorna costeira da escola, aproveitando a saída para facer paradas nos paneis informativos sobre flora e fauna e avistar especies de flora e fauna autóctonas, as cales serán o obxecto do proxecto trimestral de algunha das aulas.

Salientar a presenza de lixo no roteiro e nas zonas verdes, o cal recollemos e tamén incidimos nas normas de convivencia (non coller flores, pedras, etc...).

Aproveitamos os espazos naturais da contorna da escola para gozar da actividade física, bailando unha coreografía e compartindo xogos populares no medio natural.

Ligazón ao álbum de fotos desta actividade

 

 

Recollida da colleita no horto escolar. 20/09/2021

No mes de Setembro recollemos a colleita da plantación feita antes do verán, no curso 2020-21.

Ligazón ao álbum de fotos da actividade

 

 

OUTUBRO

Clasificación de refugallos

Esta actividade comezou nos días anteriores á Limpeza de praias, coa activación dos coñecementos previos do alumnado e a súa conciencia medioambiental mediante un repaso teórico con guías de reciclaxe e clasificación de residuos.

Despois deste traballo o alumnado mostrouse preparado para clasificar os residuos que atoparon na saída á praia para a súa limpeza .

 

 

X Limpeza de praias de Caión. 15/10/21

Xornada de Limpeza das Praias e do Porto de Caión. En colaboración con ADEGA (Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza).

Nesta edición acompañáronnos nesta xornada o alumnado do CEIP Alfredo Brañas (Paiosaco) e CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha).

A actividade consistiu en acudir ás praias e porto, en grupos de traballo, coa colaboración de adultos acompañantes, para recoller o lixo.

Para esta labor utilizamos caixóns plásticos previamente decorados polos nenos  coas palabras: ordinarios, orgánicos, orgánicos compostables, papel e cartón, plástico e vidro.  Os rapaces repartiron nestes grupos os residuos atopados na Praia, e os anotaron na folla de rexistro a totalidade de residuos atopados. Ao final da xornada pesáronse os residuos retirados e sumáronse a totalidade de quilos.

 

Ligazón ao álbum de fotos desta actividade


Difusión da actividade nos medios de comunicación:

NH diario: https://nhdiario.es/el-ceip-de-caion-colaborara-con-adega-y-el-ayuntamiento-de-laracha-en-la-limpieza-de-playas/

 

La Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/a-laracha/2021/10/11/laracha-alumnos-primaria-ayudaran-limpieza-playas-municipio/0003_202110C11C2999.htm

 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/a-laracha/2021/10/16/pequenas-manos-grandes-gestos-naturaleza/0003_202110C16C9991.htm

 

El Correo Gallego: https://www.elcorreogallego.es/concellos/escolares-de-tres-colexios-da-laracha-limparan-este-venres-a-praia-de-caion-LD9252814

 

VIII Carreira de obstáculos pola inclusión ENKI. 22/10/2021

 

Esta Carreira, organizada pola Fundación Abrente, xa vai pola súa VIII edición. No CEIP Caión “argallamos” probas nas que había que superar diferentes obstáculos, para concienciar aos nos cativos/as das dificultades diarias das persoas con diversidade funcional. Aprendemos de forma lúdica e pasamos un día xenial, practicando actividade física ao aire libre.

Temos que destacar a inestimable axuda dos voluntarios/as de 5º e 6º de Ed. Primaria, que se encargaron de que todo funcionase ás mil maravillas.

 

Ligazón ao álbum de fotos desta actividade

 

NOVEMBRO

Conmemoracións do Magosto e do Samaín: realización de xogos e xoguetes populares. 19 – 29/11/2021

Para conmemorar o Magosto fixemos diversas actividades por aulas en torno ás castañas e tamén xogos populares para manter vivas as nosas tradicións culturais.

 Para rematar e en colaboración coa a A.N.P.A do centro, tivemos unha degustación de produtos do outono.

 

 

Ligazón ao álbum de fotos desta actividade: Magosto

 

Ligazón ao álbum de fotos desta actividade: Samaín

 

DECEMBRO

Visita ao Centro de interpretación dos muíños de auga da Costa da Morte (Golmar – A Laracha). 17/12/21

Aproveitando unha saída cultural a unha obra de teatro de Nadal, completamos a excursión coa visita ao Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte, que se encontra na casa reitoral de Golmar, (edificio emblemático levantado no S.XIX), en A Laracha.

Por medio de fotografías, mapas, documentos, textos e pezas de muíños, puidemos coñecer os diferentes tipos de muíños que existen en Galicia e diferenciar entre muíños de canle, cárcava, cubo e acea.

Tamén gozamos da Área Natural de descanso, onde hai un parque infantil e dende onde se inicia unha ruta de sendeirismo, a “Ruta dos muíños”.

 

Ligazón ao álbum de fotos desta actividade

 

 

 

Exposición trimestral de Proxectos medioambientais. 1º trimestre. 15/12/2021

Cada fin de trimestre cada grupo-aula realiza unha exposición do traballo de concienciación ambiental realizado no trimestre. Nese primeiro trimestre, as temáticas dos proxectos de aula foron os seguintes:

Clasificación de residuos e construción dun Punto limpo para a reciclaxe de materiais de refugallo.

-  “No plastic is fantastic”: Redución, reciclaxe e reutilización de plásticos.

-  Cidades e comunidades sustentables.

 

Ligazón ao álbum de fotos desta actividade

A Voz de Galicia fíxose eco do noso traballo nestes proxectos:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2022/01/17/voz-natura-llega-26-edicion-consumo-responsable-eje-tematico/0003_202201G17P21991.htm

 


 

Valoración da condición física para a saúde (DAFIS)

Neste curso 2021/2022 dende a área de Educación Física, participamos no plan DAFIS (Datos sobre a Valoración da Condición Física Saudable), unha ferramenta elaborada ao amparo do Plan Galiza Saudable, promovido pola Xunta de Galicia e coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte, coa finalidade de valorar a condición física das alumnas e alumnos da Comunidade autónoma galega.

A valoración fíxose a través dunha serie de probas físicas e medidas corporais. A elección destas probas foi realizada por persoal médico e deportivo, atendendo a súa pertinencia e facilidade de realización. Este Programa,  ten unha longa andadura e unha probada eficiencia para valorar o estado de saúde e condición física dos menores estudantes dos centros educativos de Galicia. 

 

Para máis información sobre estas probas de condición física.

 

Festival de Nadal: Coreografías Acrosport e actuacións musicais. 22/12/2021

Este ano vivimos un Festival de Nadal moi emocionante,pois puxemos todo o noso empeño en ensaiar as nosas paxoliñas, bailes, coreografías e actuacións teatrais para o goce de toda a Comunidade educativa.

 

Ligazón ao álbum de fotos desta actividade



page | by Dr. Radut