O vindeiro venres 15 colaboraremos na limpeza organizada pola ADEGA simultaneamente en varios puntos de Galicia os días 15 (para centros educativos) e 16 de outubro. As previsións meteorolóxicas son boas, polo que agardamos non ter que adiar a data. Esta actividade está enmarcada dentro do proxecto no que empezamos este curso: "Voz Natura".
Ante o gran problema que está a supoñer a contaminación dos nosos mares polo vertido indiscriminado de lixo e plásticos, parécenos de vital importancia inculcar no noso alumnado actitudes de respecto e coidado do medio ambiente, e coidamos que non hai mellor maneira de facelo que atallando o problema dende o máis próximo, o que ven cada día.
Por esta razón recibimos a invitación por parte da ADEGA (Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia) de colaborar nesta X Edición da limpeza de simultánea de praias e, ao sermos un centro educativo, farémola un venres.
Nesta edición volveremos a contar coa colaboración e implicación do alumnado de outros centros do Concello. Así asistirán as crianzas de 5º e 6º do CEIP Alfredo Brañas, de Paiosaco e os de 6º curso do CEIP Ramón Otero Pedrayo, da Laracha. Dado que a situación pandémica mellora quixemos volver á "normalidade" convidando aos demais centros do municipio e respectaremos a separación repartíndonos diferentes areais para cada centro.
O Concello da Laracha tamén colaborará dun xeito activo, facilitando medios e materiais precisos para que a limpeza poida facerse segura e eficazmente. Recomendamos a todo o alumnado que veña con lubas (a pesar de que o Concello aportará algúns de latex para quen non teña). Deste xeito xeraremos menos lixo e poderedes reutilizalos na casa para outras actividades. Asemade cómpre traer calzado e roupa adecuada a situación climatolóxica.
Moi ao noso pesar, nesta ocasión non poderemos contar coa axuda e colaboración dos familiares do alumnado nin de outro voluntariado da vila, de xeito que controlemos ben o aforo de cada zona. Farémolo de xeito adaptado á situación ocasionada polo Protocolo COVID, e cada etapa recollerá as zonas asignadas a tal fin de xeito que non se mesturen entre elas.
Ide practicando a canción: