Este ano, traballando o proxecto anual de centro “A cultura galega”, o entroido adicouse aos disfraces típicos de cada provincia de Galicia.
En Infantil foron de CORREOS DOS XENERAIS DA ULLA. Son unha manifestación do Entroido típica da zona do Val do Ulla nos concellos de Padrón, Santiago de Compostela, Teo, Touro e Vedra na provincia da Coruña; xunto coa Estrada, Silleda e Vila de Cruces na provincia de Pontevedra. A orixe desta tradición podería estar nos conflitos armados que se sucederon durante o século XIX como a Guerra da Independencia, na que o pobo galego loitou contra o exército
francés. As personaxes máis típicas deste entroido son os Xenerais da Ulla e os Correos. Os Correos van montados en cabalos engalanados, visten pantalón negro ou branco, botas, camisa con gravata e unha guerreira de cor adornada con lazadas, estrelas e frecos. Ademais, levan un rebenque na man con fitas e cobren a cabeza coa “gorreta”, unsombreiro de ala curta rematado nun entretecido de arame enfeitado con contas de cores e plumas tinguidas.
O disfrace do 1º ciclo de primaria foi de CIGARRÓNS. Son personaxes típicos do Entroido Ourensán, máis concretamente da zona de Verín. O seu traxe está composto por unha camisola branca, gravata e unha chaqueta curta da que colgan flocos dourados que van atados con lazos de tres cores. Sobre os ombreiros levan un pano e unha gran faixa vermella enrolada á cintura e suxeita ao pantalón. Enriba da faixa a vai o cinturón do que colgan as chocas . As pernas do cigarrón van cubertas con medias brancas e ligas. Zapatos negros e unha zamarra na man completan a súa vestimenta. A diferencia do "Peliqueiro", o "Cigarrón" non leva detrás da máscara unha pelica (trozo de pel o cal lle da nome a dita personaxe do Entroido). Esta é a única diferenza que existe entre ambos.
O 2º ciclo caracterizouse de MADAMAS E GALÁNS. Proceden da zona de Cobres, en Vilaboa. O seu traxe é do século XVIII. Levan un gran sombreiro multicolor, con moitos brillantes, adornos e flores. Sobre a vestimenta levan moitos accesorios de cores. As madamas e os galáns representan a posición social máis elevada. De sábado a martes de entroido, durante todo o día as madamas e galáns percorren distintos lugares das parroquias, acompañados por unha comparsa, e mostran ás xentes cos seus bailes, entre elles a popular Danza de Cobres.
E por último, o 3º ciclo disfrazouse de VOLANTES. Chantada é unha poboación situada na provincia de Lugo. Estas personaxes (equivalentes aos antigos señores feudais), considéranse a alma do Entroido Ribeirao. Son fáciles de recoñecer polos seus rechamantes roupaxes. Poden levar unha máscara feita con follas de xornais ou o rostro tisnado. Os volantes cobren os seus ombreiros con coloridos panos (chamados portugueses) e levan un cinto de coiro con campaíñas. Ademais, os xigantescos sombreiros, chamados puchos coroan as súas cabezas e fanos inconfundibles. Os puchos son un dos elementos máis típicos do Entroido de Chantada. Levalos sobre a cabeza non é unha tarefa doada, xa que poden chegar a pesar ao redor de 15 kg. Están moi ornamentados con cintas e, ás veces, con flores ou bonecas. O pucho é símbolo de fertilidade e pasea polas hortas despertando á terra do letargo do frío inverno.
Esperamos que desfrutárades do desfile e da lectura das coplas adicadas ao noso meco Manole. Un entruido (disfraz típico da zona de Tomiño) que finalmente decidimos reciclalo e non indultalo!
Meco, mequiño, ti que es tan riquiño,
disfraces de Galicia farás en Tomiño.
Meco, mequiño, aquí están os Xenerais,
veñen do Val do Ulla e ademais son xeniais.
Meco, mequiño, ti que es tan riquiño,
disfraces de Galicia farás en Tomiño.
Águias e cervos; guepardos e lobos,
lucen nas máscaras no mes de febreiro.
Meco, mequiño, ti que es tan riquiño,
disfraces de Galicia farás en Tomiño.
Celebraremos o Entroido
preto do país veciño.
Meco, mequiño, ti que es tan riquiño,
disfraces de Galicia farás en Tomiño.
Haberá peliqueiros, pantaias e gaiteiros
e comendo orellas encheremos os peteiros!