Mercadillo Solidario
Solidariedade, xenerosidade e colaboración son as palabras que simbolizan a iniciativa "Mercadillo Solidario", promovida dende o equipo de Normalización lingüística e o de Convivencia do CEIP A Solaina coa colaboración do alumnado e das súas familias.
No colexio traballamos os 12 meses do ano na liña de axudar a quen o necesita, pero coa chegada do Nadal os nosos esforzos fanse aínda máis intensos e por iso adicamos o último mes do ano a concienciar aos máis pequenos da necesidade de que doasen os seus xoguetes e libros para un Mercadillo Solidario que estes días chega ao seu máximo apoxeo.
Así, a entrada do colexio converteuse nun mercadillo no que os nosos alumnos están adquirindo por un prezo económico os xoguetes doados polas familias. En total, con tódolos obxectos aportados, recadáronse 576,76 € .Esta cantidade entregarase mañá, venres 21 de decembro, ao delegado da ONG do Barrio Cáritas Santa Icía, Carlos Sueiras, dende onde será xestionado para que chegue a quen máis o necesite.
Dende A Solaina estamos moi contentos e satisfeitos de, con este graíño de area, contribuír a que todos os que convivimos no día a día do barrio da Solaina teñamos un bo Nadal.
Equipo de Normalización L. e Dinamización de convivencia