Clube de lectura: os descubridores de letras.
Ola a todos e todas!
Dende a nosa biblio comezamos unha nova actividade de animación á lectura con alumnos e alumnas de 6º: un clube de lectura.
Comezamos en xaneiro cunha primeira sesión na que comimos xuntos e falamos un pouquiño para coñecer os nosos intereses, así como os nosos gustos á hora de ler.
Así mesmo, asinamos un acordo para participar no clube coas normas básicas e compromisos que asumimos. Eliximos tamén entre todos a través dunha votación o nome do noso clube e agora somos: Os descubridores de letras.
O primeiro libro que seleccionamos para ler foi Charlie y la fábrica de Chocolate de Roald Dahl.
A segunda sesión fixémola en febreiro e falamos sobre o libro escollido, comentando o que máis nos gustou, as cousas que nos chamaron a atención, as personaxes, os valores que nos transmiten, etc.
Ademais, xogamos a describir as diferentes personaxes a través dunhas cartas con imaxes. Pasámolo xenial e escollimos libro para a seguinte sesión: Palabras de Caramelo.
A terceira sesión foi no mes de marzo. De novo comimos xuntos e, ademais, unha compañeira trouxo unhas galletas feitas por ela, que estaban boísimas.
Falamos sobre o libro escollido e realmente emocionounos moito, incluso algúns chegamos a chorar. Para entender mellor a situación que trata este libro estivemos aprendendo sobre a orixe dos campamentos de refuxiados no Sáhara, as súas condicións de vida, costumes, educación... e vimos algún curto que se fixo a partir do libro.
Intentamos poñernos na pel do pratoganista, Kori, que era xordomudo, xogando a tratar de comunicarnos soamente lendo os beizos ou con xestos.
O libro que levamos para ler neste próximo mes é Bruxa e familia de Paula Carballeira. Ademáis de lelo temos un reto no que debemos mostrar as nosas dotes creativas. Imos facer un Knolling literario con el. Non sabedes o que é? Pois picade no enlace e decubrídeo. Contarémosvos máis na próxima sesión. Estamos desexando que chegue!