III Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria2021 .
III Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria.
O Concello iniciou a terceira edición das Olimpíadas Escolares de Seguridade Viaria, que o pasado ano debido á situación sanitaria se celebraron de xeito virtual e que un ano máis contan coa colaboración da Confederación Nacional de Autoescolas. Un total de 308 escolares de cuarto e quinto cursos de educación Primaria de nove centros de ensino da cidade participan nesta convocatoria, que consta de tres fases, unha teórica, outra práctica e a final.
Ao longo deste mes de novembro impartiranse estas charlas da fase teórica sobre Educación Viaria e outra sobre Medio Ambiente a cargo dun profesional nesa área nos colexios: Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, O Feal, A Gándara, Piñeiros e o CRA do Val. Durante unhas semanas os escolares aos que se dirixen estas olimpíadas recibirán unha formación moi útil no seu día a día, cunha parte didáctica e outra lúdica sobre diversas materias, entre as que tamén están as Matemáticas aplicadas á educación viaria, o Inglés e a Igualdade de xénero.Unha vez que remate esta formación os titores e titoras dos centros seleccionarán entre o alumnado a un grupo mixto de seis nenas e nenos por colexio para participar na final e representar á clase e ao centro educativo.
A continuación terá lugar a fase práctica, que consistirá nunha xincana con bicicletas e para o que serán os propios centros os que elixirán a un alumno ou alumna para realizala, debendo levar ese día unha bici e casco. Un tribunal encargarase de controlar que o circuíto se execute correctamente, asignando unha puntuación que se sumará na fase final.
Esta fase final está programada para o 12 de xaneiro, ás 10.00 horas no Pazo da Cultura e alí os escolares, en grupos de seis por centro, realizarán un cuestionario de trinta preguntas tipo test e todos eles ao mesmo tempo. Para elixir aos finalistas sumaranse os tempos do cuestionario e os da xincana.
Nestas olimpíadas entregaranse un primeiro, segundo e terceiro premio para os tres grupos clasificados con máis puntuación e en caso de empate teranse en conta preguntas do cuestionario. Os premios serán colectivos para que poida disfrutar dos mesmos toda a clase.