CONSELLO DE PARTICIPACIÓN INFANTIL DO CONCELLO DE NARÓN.26-11-2019
Fonte: Concello de Narón
Os vinte nenos e nenas de centros de ensino da cidade que integran o Consello de Participación Infantil desprazáronse onte ao Concello para participar nunha nova sesión do citado organismo. Persoal técnico do Consistorio e o edil responsable da área de Obras, Pablo Mauriz, reuníronse co colectivo, que presentou as súas propostas en materia de Medio Ambiente e Mobilidade sostible. Os docentes dos centros estiveron tamén no Concello reunidos coa axente da Policía Local e integrante do equipo de Educación Viaria de Narón, Sonia López.
O pasado mes de outubro constituíuse oficialmente no salón de plenos do Consistorio o Consello de Participación Infantil de Narón, do que forman parte nenas e nenos de quinto e sexto curso de Primaria dos colexios Ayala, CRA do Val, O Feal, A Gándara, Jorge Juan, Piñeiros, Ponte de Xuvia, Santiago Apóstol, A Solaina e Virxe do Mar. Dende entón os escolares estiveron traballando nas aulas e elixiron unha proposta a levar a cabo na cidade na área de Medio Ambiente e outra de Mobilidade Sostible, que deron a coñecer na xornada de onte.
Un sistema semafórico intelixente cunha APP que envíe notificacións ás persoas con discapacidade, máquinas para reciclar plástico a cambio dunha recompensa, facer peonís tramos de rúas un día á semana, e hortas saudables son algunhas das propostas plantexadas e sobre as que continuarán traballando nos vindeiros meses os alumnos e alumnas dos centros implicados nesta iniciativa.
Finalmente, no mes de abril, está previsto celebrar outra xuntanza no Concello do Consello de Participación Infantil, na que presentarán os seus proxectos máis desenvolvidos (con valoracións económicas, colectivos aos que se dirixen, etc.). En xuño, antes do remate do curso escolar, procederán a realizar un informe final.
A iniciativa enmárcase no proxecto “Cidade dos Nenos”, impulsado por Francesco Tonucci no ano 1991 e á que se adheriu o Concello de Narón no ano 2015.