Ed. física
COIDA AS TÚAS COSTAS.
Baixo o título "DEPORTE EN FAMILIA" podes consultar algúns consellos moi útiles para coidar as túas costas. Visita o seguinte enlace e coñecerás esos consellos:
COMER SAN É UN XOGO DE NENOS.
Comer san tamén é un xogo de nenos.Tweet
Especialistas en nutrición sinalan que se poden precisar ata dez intentos para que o padal dos máis cativos acepte novos sabores e texturas.
A estratexia do pau e da cenoria non funciona, tampouco o castigo nin os berros cos cativos que non atenden a imperativos e condicións como: "acouga!", "non te ergas da mesa ata que acabes de comer!", "se non comes a froita, non hai xeado!". É normal que os nenos pequenos non permanezan sentados na mesa todo o tempo que dura a comida. A miúdo son desordenados co xeito de comer e sempre se lixan. Son reaccións normais porque a realidade é que non lles gustan todos os alimentos e suponlles un grande esforzo probar os sabores novos e texturas diferentes. Ata aquí, todos son comportamentos normais propios dun desenvolvemento infantil normal e san. Por iso, a primeira regra de ouro que teñen que cumprir e asumir os pais e nais para ensinar os nenos a comer é ser comprensivos e ter paciencia e sensibilidade cara aos pequenos. Unha tarefa nada sinxela, máis aínda se se ten en conta que vivimos nun momento no que o obxectivo é conseguilo todo no mínimo tempo posible e co mínimo esforzo. Isto non serve para lles ensinar a comer aos nosos fillos dun xeito san, sen tensións nin pelexas. Comer de maneira equilibrada dende os primeiros anos de vida require tempo e esforzo, xa que en cada etapa os pais teñen unha influencia diferente sobre os hábitos alimentarios dos fillos. E segundo a idade, a aprendizaxe dos nenos é distinta.
Ensinar a comer, polo tanto, non é tan simple como saber que os nenos teñen que tomar dúas ou tres pezas de froita ao día, dúas porcións de verduras, tres ou catro veces por semana peixe ou dúas porcións semanais de legumes. Estas recomendacións, aínda sendo moi importantes, son pura teoría, doadas de atopar nos manuais de alimentación infantil. O verdadeiro reto para moitos proxenitores é como levar á práctica a lección aprendida. Ensinar a comer ben ten que ser un desexo interiorizado, un convencemento que vai máis alá de saber cantidades e frecuencias de consumo. Dende o intre do nacemento, coa lactación materna, pódese afacer o neno aos diferentes sabores a partir do leite que maman. Cos anos, a mensaxe entre o que se di e o que se fai debe ser coherente. O tipo de alimentación familiar tende a ser imitada polos nenos, polo que elixir comidas sas por parte dos pais e nais é un auténtico exercicio de responsabilidade, pola saúde individual e pola de toda a familia.
Lactación materna: o comezo dos novos alimentos
O sabor do leite materno varía segundo os alimentos que inxira a nai e axuda o bebé a aceptar novos sabores e a desenvolver e diversificar o seu sentido do gusto. Constatouse que os lactantes alimentados con leite materno están máis dispostos a aceptar con agrado os alimentos novos, en comparación cos lactantes alimentados con fórmula. Os bebés alimentados con leite materno están expostos a unha variedade de sabores a través do propio leite, superior canto máis diferente é a alimentación que leva a nai e tamén respecto aos bebés que se alimentan con leite artificial. Por iso, canto máis variada e menos excluínte sexa a alimentación da nai que aleita, máis probabilidades hai de ter un neno bo comedor.
Sen límites
A partir dos 2 anos os nenos poden tomar todo tipo de alimentos (verduras, froitas, peixes, legumes...), nas máis variadas presentacións e elaboracións. Daquela os nenos teñen xa polo xeral a dentadura toda, co que poden mastigar o suficiente, e o seu aparato dixestivo está plenamente desenvolvido. Por iso, convén que proben de todo dende cativos. Os pais, pola súa banda, teñen a responsabilidade de lles ofrecer unha alimentación o máis variada posible e proporcionada á súa idade e desenvolvemento. Non obstante, adoitan ser os costumes e mesmo as rarezas dos proxenitores as que condicionan o gusto, as apetencias e preferencias ou aversións dos nenos.
Moitos pais sorpréndense cando ven un neno da mesma idade que o seu tomar unha pequena ensalada, uns garavanzos cocidos e non en puré, ou uns ramalletes de coliflor. Frases tan comentadas e escoitadas como "iso non lle vai gustar...", "non creo que o coma...", "non te molestes, que non o vai probar...", teñen o efecto negativo da mensaxe que transmiten. Os nenos están atentos a todo o que se di, oen, escoitan e entenden máis do que coidamos, e actúan en consecuencia.
Experimentar coa comida
Cando o neno ten os seus primeiros dentes e adquire unha maior destreza para coller obxectos e levalos á boca, daquela é o momento apropiado para que experimente cos alimentos. É beneficioso que toque os alimentos, probe as texturas, trate de levalos á boca, tente mastigalos ou desfacelos na boca (galletas, froita moi madura ou branda, peixe esmiuzado, etc.). Todas elas son accións que axudan ao desenvolvemento psicomotor e de comportamento alimentario do pequeno.
A partir dos dous ou tres anos, segundo o grao de autonomía e desenvolvemento infantil (destreza manual, coordinación, equilibrio, atención e concentración), é importante respectar a súa autonomía, fomentala e aplaudila, sempre baixo vixilancia, pero con certa independencia para que faga cousas de seu. Por iso, cando son moi pequenos, cómpre alentalos a facer diferentes accións de xeito autónomo, como beber sós, utilizar a culler, e mesmo a participar nas tarefas domésticas de recoller os seus pratos e cubertos. O momento de comer alóngase, custa máis tempo, pero é un bo investimento educativo. Cos anos, serán os nenos os que axuden a preparar as torradas, a servir o zume e a repartir a comida. Tamén é importante atopar o mellor momento para que participen na preparación de comidas; dende espremer o zume, rebozar as anchoas, pelar os plátanos para a macedonia ou baleirar os iogures para o biscoito... Aos nenos encántalles participar e é máis probable que coman máis e mellor e que proben novos alimentos se axudan a preparalos. Por iso, é unha boa idea experimentar cos alimentos aos que son máis remisos: froitas, verduras e peixes. Gozarán se os animamos a elaborar vistosos espetos de froitas, a preparar unha pizza caseira con vexetais, a facer a mestura das albóndegas de pescada ou a masa das croquetas de bacallau.
Comer en familia, máis ca comer xuntos
"Os pais e nais teñen tanta ou máis responsabilidade sobre o comportamento alimentario do noso fillo ca sobre outros aspectos que clasicamente se consideraron importantes, como que aprenda a ler, que entenda matemáticas ou que se comporte con educación na mesa". Con esta reflexión, a doutora Marta Garaulet, no seu libro "Nenos a comer. Evita a obesidade do neno e do adolescente", insiste en que para lle ensinar un comportamento alimentario saudable ao neno, cómpre acadar un ambiente propicio e proporcionar a mellor educación. Por iso, a clase de "ensinar a comer" comeza na casa. E comer en familia debería ser a primeira lección. Este costume agradable debería deixar de ser un acontecemento extraordinario para realizarse o maior número de veces posibles ao día, comezando polo almorzo. No seu artigo "A comida en familia: algo máis ca comer xuntos", o doutor José Manuel Moreno Villares, da Unidade de Nutrición Clínica Hospital 12 de Outubro, recolle referencias de diversas investigacións que demostraron que a comida en familia mellora a calidade da dieta e contribúe ao desenvolvemento de bos hábitos, xa que se asocia cun maior consumo de froitas, verduras, cereais, etc., e menor de alimentos fritos e refrescos. Outros estudos revelaron unha diminución dos hábitos de risco (fumar, beber alcohol ou consumir drogas) en adolescentes de familias que comparten mesa máis a miúdo, en parte porque se estreita a relación entre pais e fillos. Mesmo hai informes que asocian o acto de comer xuntos cunha mellora da linguaxe e das habilidades de comunicación, porque o tempo compartido na mesa dá a oportunidade de ter conversas importantes, de contar historias e de compartir experiencias. Ademais, é determinante que todos os membros se involucren en todas as actividades relacionadas coa alimentación: a compra, a preparación do menú, elaborar os pratos e cociñar, servir a comida, etc.
O exemplo na casa
O exemplo sobre os costumes na alimentación que teña o neno na casa marcará case con toda seguridade os seus hábitos alimentarios para o resto da súa vida. Se a gama de alimentos que inclúe o menú familiar é ampla, o neno ten máis posibilidades de variar e é moito máis doado que acepte un maior número de alimentos. Se pola contra a cesta familiar se afasta do saudable ou inclúe unha escasa variedade de alimentos, ao neno resultaralle difícil entender que debe comer de todo. E é que o neno imita e reflicte os comportamentos dos seus maiores. Por iso, a mensaxe será eficaz se as recomendacións que se lle aconsellan ao neno e os costumes de un mesmo coinciden.
Tres consellos infalibles
- Ata dez veces: Especialistas en nutrición coinciden en sinalar que poden ser necesarios ata dez intentos para que o padal do neno acepte un novo sabor ou unha nova textura. A experta asegura que os nenos non aceptan de xeito natural os novos sabores e alimentos, senón que precisan tomalos en repetidas ocasións antes de admitilos na súa alimentación. A paciencia e a constancia son claves.
- Non prohibir alimentos: Salvo en casos excepcionais de alerxias e intolerancias alimentarias nas que comer certos alimentos resulta tóxico para o neno, dende o punto de vista da pedagoxía alimentaria, non é san prohibir alimentos. O único que se acada con esta conduta limitante é xerar máis ansia polo alimento prohibido. Non hai que dicir non a ningún alimento e nunca, só importa a cantidade e a frecuencia. Ningún alimento é malo, igual que ningún alimento é a panacea. Importa máis a conquista de bos alimentos que a prohibición dos máis insáns. Lógrase moito máis se se potencia o bo e se convence da súa necesidade.
- Aplaudir os bos avances: É positivo e necesario usar reforzos positivos cada vez que o neno adopte un comportamento axeitado. Aconséllase darlle algo que lle gusta cando o seu comportamento é adecuado (non ten por que ser sempre un "alimento capricho") e evitarlle unha situación ou tarefa que lle desagrada. En ambos os dous casos, obtén un beneficio por comportarse de xeito correcto e é probable que o repita para alcanzar a recompensa.
· Fonte: REVISTA EROSKI CONSUMER]
Xa están as fotos de Acroximnasia colgadas na galería
Ao rematar a unidade didáctica de Acroximnasia fixemos os exames e sacamos fotos das figuras que construistedes cos vosos corpos. Toda unha obra de arte...
Non estades tod@s, porque é moi costoso subir as imaxes á web, pero nas clases de informática poderedes ver todas as fotos.
As fotos están nun albun titulado "Acroximnasia" dentro da galería, no segundo ciclo, aínda que hai xente tamén do terceiro.
De calqueira xeito, se alguén non quere aparecer na web do cole, non ten máis que dicirmo.
Espero que disfrutedes da vista!
Vídeo con exercicios para o quecemento
Podedes atopar aquí un vídeo con moitos dos exercicios que facemos no quecemento, na parte de movilidade articular. Hai miles de exercicios de movilidade, pero trátase básicamente de mover as articulacións do corpo para entrar en calor. Antes da movilidade estaría ben facer algún exercicio xeral para elevar a temperatura do corpo, como carreiras ou xogos de pilla, que é o que solemos facer nas clases de Educación Física, e despóis poderíamos completar cunhos estiramientos.
Vídeo sobre Acrosport
Aquí podedes ver un pequeno vídeo sobre Acrosport ou Acroximnasia, que estamos a tratar nas sesións de Educación Física; moitas destas figuras poderémolas facer cun pouquiño de coidado e atención ás explicacións do mestre. Lembrade que cada un de vos sempre atopará un papel ou posición que lle vaia ben dentro dunha figura... o caso é traballar ben en grupo.