Skip to Content

FIN DE CURSO

Hai un proverbio africano que di que " para educar a un neno/a fai falla unha tribo enteira". Este curso fíxose máis evidente que nunca que toda a comunidade educativa ten un papel fundamental na educación dos meniñ@s. Mestres, familias e alumnado, coa axuda de institucións externas como o Concello e os Servizos Sociais, o voluntariado e Cáritas, unimos as nosas forzas, nunha situación nova e sen precedentes, cun obxectivo común: continuar aprendendo e crecendo xuntos, aínda que os colexios permaneceran pechados.

Despois de moitas semanas de educación non presencial, toca pechar o curso e non o poderiamos facer sen unhas palabras de agradecemento e recoñecemento do traballo de tod@s.

GRAZAS A TODAS AS FAMILIAS pola vosa colaboración. Sen vós nada do que fixemos sería posible. Moitas das familias seguro que vivístedes momentos difíciles (perdas familiares, enfermidades, tele-traballo, inseguridade laboral, dificultades de conciliación, escaseza de medios informáticos e competencias dixitais...) e a pesar de iso, estivéstedes pendentes dos vosos fillos/as, axudándoos para que realizasen as tarefas que o profesorado lles propoñía, para que as súas aprendizaxes non se frearan. Así que grazas polo voso esforzo e entrega.

GRAZAS O TRABALLO DO PROFESORADO, porque tivo que construír un sistema educativo a distancia, moitas veces sen as ferramentas axeitadas e aprender a facer uso dos recursos dixitais, para que ningún alumno/a quedara atrás. Os mestres/as tiveron que por en marcha novos materiais, metodoloxías e canles de comunicación para acadar os obxectivos que tiñan previstos, nun contexto que nunca imaxinaran: ensinar na distancia. E para superar esa distancia física, a presenza nos medios telemáticos proporcionou aos nenos/as un acompañamento emocional que os rapaces percibiron.

E sobre todo, GRAZAS AOS NENOS E NENAS, que amosaron a súa valentía, as súas ganas de aprender, dándonos exemplo coa súa fortaleza e os seus sorrisos en tempos difíciles.

Esta situación da COVID foi un reto difícil, pero canto máis grande é a loita, máis grande  é o triunfo.

Agora só queda desexarvos un bo verán a tod@s, que desfrutedes destas merecidas vacacións e que vos coidedes moito, sen esquecervos de sorrir.

 

 

 



blog | by Dr. Radut