Skip to Content

Magosto 2021

Magosto 2021

    co Samaín...  e seguimos con festexos tradicionais:

Chegou a quenda do  -Magosto! 

    Aínda que a mañán amenazou fresca, non nos quitou as ganas de levar a cabo unha xornada festiva e lúdica, aínda que segue sen ser como adoitan ser as celebracións neste cole, puidemos cheirar un pouquiño de normalidade, cos patios cheos de xogos, risas, contos e arrecendo a castañas asadas.

    A xornada de Magosto contou como non podía ser doutra forma con 11 zonas de:

 Xogos tradicionais galegos

  As canicas, as chapas, a goma, as combas, o pano, os zancos, a soga-tira, o escondite, os bolos, a chave, etc.

 Un ratiño de degustación de castañas con leite e culminamos a mañán facéndolle caso ao refraneiro popular, que nos dicta "Polo San Martiño, trompos ao camiño".

 E..., tras a lectura do Manifesto do día do peón, lanzamos todos os nosos trompos a bailar e esperamos que así sigan polo menos ata o San Anton, San Amaro ou Santa Olalla.

 

 

 Ver mais fotos...

Manifesto do peón 2021:

 Un home sabio dixo unha vez un día que a infancia é aquel lugar onde se acadan os soños. Cada vez que escoitamos esta palabra, infancia, véñennos á mente aqueles días de xogarreta cos amigos. O verán, cos seus días longos, era o tempo preferido por todos nós. Ata que a última raiola de sol non era engulida polo horizonte , alí estabamos cos xogos de sempre: a mariola, as añas de collida, hoxe chamadas o pilla, pilla; a de alto, a de agachadas, os ovos, os pelouros, a churra... moito temos suado e moito aprendido con eles. Mais o verán remata e comeza o outono, tempo de escola, de apañar as uvas, as castañas e as noces...mais iso non quer dicir que o tempo de xogar tamén se fora cos últimos calores de agosto e menos as gañas de seguir xogando. Os xogos tradicionais teñen os seus momentos marcados no calendario. Había xogos para todos os días do ano e en cada estación os seus. No outono, tempo de castañas, noces e vendimas, tamén se aproveitaba para podar árbores, derramalos e facer leña que encherá as lareiras, as cociñas ou as calefaccións e quentarán no inverno as nosas casas. Pero non todo ía ser combustible, tamén se aproveitaba para que algún carpinteiro, ebanista ou avó mañoso lle desen forma no torno ata saír un enredo que facía as delicias da rapazada. Estamos a falar da súa maxestade o peón, trompo, sevillana ou buxaina, que de moitas maneiras podemos nomear. Enredo bailador onde os haxa. É o refraneiro popular, ̈polo San Martiño peóns ao camiño ̈, o que nos sinala o comezo da tempada deste brinquedo que vai a estar con nós ata ben comezado o inverno e será alá polo mes de xaneiro onde San Antón mandaránolo gardar no caixón, San Amaro no faiado e Santa Olalla, que non se andará con panos quentes, convídanos a que o tiremos á borralla. Mais para que este ciclo se vaia pechando antes temos que abrilo e hoxe é o día. Hoxe tócanos dar o pistoletazo de saída a esta tempada e para iso debemos facer o ritual con moita orde e moita atención. O primeiro que temos que facer é coller o peón cunha man e coa outra o cordel , chamado propiamente piola. A continuación empezamos a atar ou enrolar o peón coa piola. Para iso comezamos a atalo ben no pirucho ou no ferrón, a gusto de cada un. Finalmente erguemos a man ata riba da cabeza e a de un, dous e tres, lanzámolo ao chan e a danzar ao ritmo desa canción que nos di:

Coa miña buxaina...

baila,baila,baila

E a miña piola...

ola,ola,ola

Chámanme os rapaces

(O rei) (A raíña) da escola...

Brinquedia, Rede Galega do Xogo Tradicional



image | by Dr. Radut