Orientación

5 DE MAIO, DÍA MUNDIAL DA HIXIENE DE MANS

 

Cada 5 maio, celébrase o DÍA MUNDIAL DA HIXIENE DE MANS.

E para celebralo, esta mañá visitáronnos unha chea de enfermeirxs e médicxs do Centro de Saúde.


Ensináronnos varias cuestións moi importantes:

·     POR QUE DEBEMOS LAVAR AS MANS?

Porque, ao lavalas, evitamos que entren no noso corpo os xermes, as bacterias, os virus e todos eses bechiños “invisibles” que transmiten enfermidades.

·     CANDO DEBEMOS FACELO?

  • Despois de ir ao baño.
  • Antes de comer.
  • Despois de sonar os mocos.
  • Despois de tocar un animal.
  • Antes e despois de manipular froitas ou hortalizas.
  • Despois de xogar coa terra.
  • ...

·     DURANTE CANTO TEMPO?

O recomendable é facelo, polo menos, durante 30 segundos.

·     COMO?

Ensináronnos a seguir 8 pasos, tantos como os tentáculos do noso querido Papirus:

Mollar moi ben as mans.

 

 

 

 

 

2º Botar xabón.

 

Frotar moi ben as palmas.

4º Logo, os dorsos das mans.

5º A continuación, os dedos.

6º Despois, as unllas.

Enxaugar ben as mans con auga abondosa.

Secar moi ben as mans cunha toalla de papel e antes de tirar con ela á papeleira, utilizalo para asegurarnos de que a billa da auga queda pechada.

O mellor de todo foi que non só nos explicaron como facelo; senón que puxemos en práctica o que aprenderamos e para iso, manchamos as mans de pintura!!!

 

RESULTOU IGUAL

DE INTERESANTE QUE DE DIVERTIDO!!!!

ADEMAIS, ERAN TODXS

MOI SIMPÁTICXS E AMABLES!!!

 PUXEMOS AS NOSAS MANS

NAS MELLORES MANS!!!

FOI ESTUPENDO!! MOITAS GRAZAS!!!

 

O BANCO DA AMIZADE

 

BANCO DA AMIZADE

A semana pasada recibimos na nosa escola unha visita moi especial:

O BANCO DA AMIZADE, que non é un banco calquera!!!!

 O mércores, a orientadora do noso cole, a “profe” Ángeles, veu falar con nós e contounos unha fermosísima historia.

Tratábase do acontecido cun bidueiro moi grande que medrara solitario nun recuncho afastado do bosque. A falta compañía facía que se sentise cada vez máis triste e, por iso, as súas pólas parecían caídas e sen vida.

Un día, uns leñadores achegáronse ao monte para talar unha árbore coa que fabricar un banco para unha escola. Había ser un lugar de encontro, un refuxio no que poder sentar agardando unha man amiga disposta a regalar un aloumiño e a escoitar a quen  o necesitase.

Cando o bidueiro oíu o que dicían, pensou que a súa madeira podería servir para construír aquel banco. Dese xeito, sempre estaría rodeado de nenas e nenos e podería axudalos a non sentir a soidade que a el tanto o entristecera.

Así que, sen dubidalo un intre, dirixiuse aos homes para dicirlles que el quería ofrecerlles as súas pólas; que, por arte de maxia, volvían estar firmes e cheas de enerxía!

Ao principio, as leñadores quedaron abraiados, pero axiña comprenderon que era un agasallo que non podían desprezar!

Unha vez que cortaron as pólas, leváronllelas aos artesáns e artesás de HABITAR LAS FORMAS, un grupo de artistas que teñen o seu obradoiro na Coruña e que crean xoguetes de madeira preciosos.

E, como era de esperar, deseñaron e construíron o banco con tanto mimo, que resultou a máis orixinal e fermosa das súas obras!. Era realmente especial! Érao porque nacera da xenerosidade do bidueiro que quixo ofrecer todo canto posuía para axudar a quen necesitase amizade.

Por esa razón, decidiron renderlle unha homenaxe á arbore chamándolle BANCO DA AMIZADE e prestándollelo a todas as escolas do país que o solicitasen.

E mirade que sorte tivemos, que ata o día 3 de febreiro imos gozar del no patio do noso cole!!

 

Ademais, a profe Loli preparounos unha ficha sobre os bidueiros e estivemos investigando sobre o seu nome científico, as propiedades da súa madeira e as súas follas, as utilidades que se lle daban en distintos lugares do mundo...”

 

Casualmente, este venres celebraremos o DÍA DA PAZ e está ben claro que se todas as persoas ofrecésemos a nosa amizade, o mundo sería un lugar mellor!!

MOITAS GRAZAS  A 

HABITAR LAS FORMAS”!!!

ENCÁNTANOS

O BANCO DA AMIZADE!!!

 

Departamento de...

DE ORIENTACIÓN

 A LOXSE, no seu artigo 2º.3 establece que a actividade educativa se desenvolverá atendendo, entre outros principios, ó de atención psicopedagóxica e orientación educativa e profesional.

 O Decreto 120/1998 (DOG 23-4-98), polo que se regula a orientación educativa e profesional na Comunidade Autónoma de Galicia establece que os departamentos de orientación constituirán, dentro de cada centro, o garante de que a orientación forma parte esencial da actividade educativa e de que se establece unha vía de asesoramento permanente ó profesorado e ás familias.

a) A xefa do departamento de orientación:
      Dona Mª DEL CARMEN CAZORRO PÉREZ
b) A profesora de Pedagoxía terapéutica: 
      Dona Mª LINA GARCÍA PORTO
c) A profesora de Audición e Linguaxe: 
      Dona ÁNGELES RODÍGUEZ GERMADE 

A Orde do 24 de xullo de 1998 (DOG do 31-7-1998), pola que se establece a organización e funcionamento da orientación educativa di que son competencia do Dpto. de Orientación:

a. Valora-las necesidades educativas dos alumnos/as e deseñar, desenvolver e avaliar programas específicos de intervención.

 b. Elaborar, de acordo coas directrices establecidas pola comisión de coordinación pedagóxica, as propostas do plan de orientación e do plan de acción titorial, incidindo no desenvolvemento persoal, social e cognitivo do alumnado e ofrecerlle ó profesorado soporte técnico para o desenvolvemento destes plans.

 c. Participar na elaboración, seguimento e avaliación dos proxectos educativo e curricular do centro, incidindo nos criterios de carácter organizativo e pedagóxico para a atención ó alumnado con necesidades educativas especiais e nos principios de avaliación formativa e, cando cumpra, na adecuación dos criterios de promoción.

 d. Deseñar acción encamiñadas á atención temperá e á prevención de dificultades ou problemas de desenvolvemento ou de aprendizaxe derivadas tanto de condicións desfavorables como de altas capacidades que presenten os alumnos/as.

 e. Participar na avaliación psicopedagóxica conforme a normativa ó respecto e participar no deseño e desenvolvemento de medidas de atención á diversidade.

 f.  Facilitarlle á comunidade educativa os apoios e o asesoramento necesarios para que o alumnado  poida enfrontar adecuadamente os momentos escolares máis decisivos ou de maior dificultade, como o ingreso no centro, o cambio de ciclo ou etapa e a resolución de conflictos de relación interpersoal.

 g. Cooperar cos membros dos equipos de orientación específicos no deseño, desenvolvemento e avaliación de programas de intervención.

 h. Impulsa-la participación do profesorado en programas de investigación e innovación educativa nos ámbitos relativos a hábitos de traballo intelectual, programas de ensinar a pensar, habilidades sociais, técnicas de dinámica de grupos ou en calquera outro relacionado co seu ámbito de actuación.

 i.   Promove-la cooperación entre o centro e as familias, implicándoas no proceso educativo dos seus fillos.

 j.   Establecer canles de comunicación cos diferentes servicios ou institucións no ámbito das súas competencias.

Distribuir contido