blogue deAinhoa Suarez

25 DE NOVEMBRO – OBRADOIRO DE IGUALDADE

Esta semana recordamos a importancia do traballado en días anteriores, o 25 de novembro, DÍA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. É por isto que Uxía veu realizar co alumnado de 3º un obradoiro de igualdade.

 

Comezou explicándolles aos nenos e nenas algúns conceptos que lle resultaban confusos, coma “machismo”, “feminismo”, “igualdade”…

 

 

 

A continuación, interpretou dous contos: “A princesa rebelde” e “Maruxa”. A través deles rompeu con estereotipos machistas que habitualmente aparecen en moitos contos de princesas, e fixo evidente a importancia da repartición das tarefas do fogar entre tódolos membros da familia. Para isto contou coa colaboración dalgúns cativos que se meteron moi ben no papel.

 

Por último, ensinounos algúns xoguetes que son etiquetados “para nenos” ou “para nenas”, e fixo partícipe ao alumnado para desfacer todos estes pensamentos e que se deran conta de que os xoguetes son simplemente para calquer persoa. 

 

FELIZ SAMAÍN!

Esta semana celebramos na escola O SAMAÍN. O luns comezamos a traer as nosas cabazas relacionadas co plan anual de lectura MOITO MÁIS QUE XOGO. Ademais, dende as titorías, estivemos traballando sobre SORTES que o alumnado coñecía para saber quen panda cando van xogar a algo. A partir de ahí, por equipos, inventaron a súa propia SORTE DE SAMAÍN.

    

O venres, comezamos a mañá baixando a ver a gran exposición de tódalas cabazas realizadas polas familias. Parabéns a todxs os que vos animastes, estades feitxs uns artistas! Tamén limos as SORTES DE SAMAÍN creadas por tódolos grupos do cole.

    

Xa nas aulas, aprendimos sobre a ORIXE DO SAMAÍN a través dunha presentación interactiva de GENIALLY, e dende ARTS confeccionamos unha SPIDERWEB feita de papel.

   

Nas fotos podedes ver o guapos e guapos que estabamos, agardamos que tremades de MEDO!!!

24 OUTUBRO – CAZA DO TESOURO POLO ANIVERSARIO DE PAPIRUS!

 

O pasado luns celebrouse o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES, día no que celebramos tamén O ANIVERSARIO DE PAPIRUS, a mascota do noso cole.

Con tal motivo, e aproveitando o proxecto anual de lectura MOITO MÁIS QUE XOGO, esta semana o alumnado de 3º e 4º levou a cabo unha CAZA DO TESOURO na biblioteca, que deseguido vos explicamos.

      

Os equipos de traballo distribuíronse polo espazo. Cada equipo tivo que resolver 5 probas: sopas de letras, labirintos, enigmas, 7 erros e agudeza visual. Con cada proba realizada correctamente, gañaban unha palabra, e con todas esas palabras formaban unha pista para atopar unha chave agochada nun dos libros da biblio!

     

Non foi tarefa fácil, xa que temos moitos libros… Ademais, cada equipo atopou unha chave, pero non todas abrían o ARMARIO SEGREDO.

Cando conseguiron abrilo, atoparon 3 CAIXAS MÁXICAS, que gardaban no interior 3 fantásticos premios. Pero había outro problema… tampouco era nada doado abrir aquelas caixas, e só tiñan un minuto e medio!

      

Finalmente, foron quen de abrir algunha delas, e obtiveron a súa recompensa: MÁIS TEMPO DE PATIO!!! Nas fotos podedes ver o ben que o pasaron con este xogo.

 

 

 

18 DE OUTUBRO - DÍA DAS ESCRITORAS

O 18 de outubro celébrase o DÍA DAS ESCRITORAS. Con tal motivo, esta semana acudimos á biblioteca para realizar unha actividade sobre este tema.

Previamente preparamos unha selección de libros infantís escritos por mulleres, que foron expostos nun lugar visible, tal como vedes nas fotografías. Unha vez feito isto podíamos poñernos mans á obra!

   

O alumnado repartiuse en equipos de traballo polos recunchos da biblioteca para levar a cabo unha FICHA DE INVESTIGACIÓN. O primeiro que tiveron que facer foi escoller 3 dos libros expostos. Despois cubriron algúns datos importantes sobre os mesmos, coma o nome da autora, o título, a editorial…

     

Por último, reproduciron o “tejuelo”, a etiqueta de catalogación que nos indica onde colocar cada exemplar e o máis importante, para que idades está indicado, para así saber cales son os recomendados para os distintos cursos.

INAUGURAMOS A BIBLIO!

 

Este mes abrimos a biblioteca do centro. Con tal motivo, comezamos a ir unha hora á semana para facer os nosos préstamos de libros.

Ademais, puidemos empregar tódolos recunchos que temos alí, e que durante os cursos anteriores non puidemos usar por mor da COVID.

Aquí podedes ver o ben que o pasaron os nenos e nenas de 3º cos disfraces, os xogos, na zona de plástica….

     

Como sabedes, estades convidados a vir visitala tódolos días da semana (excepto os martes), de 16:00 a 18:00.

Un saúdo!

 

SOMOS FINALISTAS DO FIC BUEU!

Este venres asistimos á GALA ESCOLAS celebrada no Centro Social do Mar durante o FIC BUEU. O motivo foi a nosa nominación pola curta que fixemos o ano pasado: “OSO ATRAPABOLBORETAS”.

 

PARABÉNS a todo o alumnado de 3º polo traballo realizado! Noraboa tamén ao profesorado participante, especialmente á profe MARTA, que foi quen levou o peso deste proxecto. Podedes ver de novo a nosa curta facendo clic na seguinte foto.

A continuación, algunhas fotografías da Gala.

   

Por último, podedes ver a retransmisión da mesma no seguinte enlace.

https://m.twitch.tv/videos/1598846119

FIN DE CURSO!

Despois de tantas actividades... por fin chega o fin de curso. Para celebralo, a ANPA da escola organizou unha FESTA DE DESPEDIDA para todo o alumnado.

Comezamos con algúns xogos de animación: bailamos, cantamos, berramos... E cando xa estabamos animados, repartímonos por grupos para xogar nos inchables, no toro mecánico, nos xogos cooperativos... e ata puidemos maquillarnos. 

Rematamos a mañá cunha HOLY PARTY, onde nos divertimos manchándonos con pintura de tódalas cores posibles! Aquí podedes ver o ben que o pasamos. PREMEDE NA IMAXE.

 

Ademais, o día anterior, algunhas nenas amosáronnos un BAILE que levaban moito tempo preparando. Aquí podedes ver o ben que o fixeron. PREMEDE NA IMAXE.

Con isto, o alumnado de 2º deséxavos a todos e todas un FELIZ VERÁN!

 

 

ANTIGAS ALUMNAS CIENTÍFICAS

Como sabedes, este ano celebramos o noso 50 aniversario. Con tal motivo, estivemos todo o curso recibindo visitas de antigxs alumnxs e mestrxs.

Neste caso, visitáronnos unhas rapazas que estiveron na clase das profes Rosa e Marta algúns anos atrás, acompañadas do seu profe, para ensinarnos un montón de cousas sobre CIENCIA, xa que elas ahora están a formarse para ser grandes CIENTÍFICAS.

Primeiro coñecemos quen foi a primeira muller en viaxar á lúa: VALENTINA TERESHKOVA, e xa que estábamos a falar de foguetes, saímos ao patio para facer despegar os nosos foguetes caseiros.

 

ALUMNADO DE INFANTIL CO OSO ATRAPABOLBORETAS!

Remata o curso e chegan algún cambios… O alumnado de 5 anos de infantil faise maior, e o ano que ven xa estará no cole dos maiores. Por este motivo, levamos a cabo unha actividade para que coñeceran a escola e ás súas futuras mestras.

 

Para isto, contaron coa axuda dos seus “padriños e madriñas”, que foron os nenos e nenas de 2º. Primeiro fixéronlles un agasallo: un debuxo recomendAndo o seu libro favorito, e despois ensináronlles o traballo que fixemos durante o terceiro trimestre… a curtametraxe de stop motion OSO ATRAPABOLBORETAS!

 

 

A continuación podedes ver o vídeo da curta e tamén o resumo de como fixemos este traballo entre os tres grupos de 2º. Agardamos que vos guste!

                                              

OBRADOIROS DE IGUALDADE E EDUCACIÓN VIAL

Nestas últimas semanas de curso levamos a cabo moitas actividades... Entre elas, dous obradoiros de IGUALDADE e EDUCACIÓN VIAL.

Comezamos a mañá aprendendo A CIENCIA DO TRABALLO DOMÉSTICO. Primeiro falamos sobre que todos e todas temos que colaborar nas tarefas do fogar, e despois vimos que calquer persoa pode ser científico/a: cando estamos cociñando, limpando... a ciencia está por todas partes!

   

Por último, puxemos en práctica o que aprendimos facendo algúns experimentos coma os que podedes ver nas fotografías.

  

Por outra banda, percorrimos un circuito de EDUCACIÓN VIAL. Despois de estar todo o trimestre traballando as normas e sinais de tráfico, fomos quen realizalo cos nosos patíns.

 

Así de cansos acabamos!

 

Distribuir contido