blogue deAinhoa Suarez

ROTEIRO Á PRAIA DE PORTOMAIOR

Onte fixemos un pequeno roteiro de sendeirismo ata a praia de Portomaior. Saímos do cole á primeira hora da mañá, e comezamos vendo o peirao de Bueu. A profe Ami foinos explicando como era esa parte do noso pobo anos atrás, e descubrimos que había unha praia que ía dende Pescadoira ata a banda do río!

 

Despois pasamos polo clube de remo e baixamos á primeira praia: Petis. Alí comezamos a recollida de lixo, e comezamos a darnos conta da cantidade de cousas que algunhas persoas tiran ao chan, contaminando así o noso entorno natural.

 

Continuamos a camiñata pola praia de Loureiro, onde descubrimos unha rocha partida á metade, que marca a fronteira entre Bueu e Cela; e seguimos cruzando Agrelo ata chegar a Portomaior. Cando chegamos alí xa xuntaramos tres bolsas cheas de lixo!

 

Unha vez alí puidemos merendar e repoñer forzas para escoitar a interesante charla que nos deu Suso, da asociación ecoloxista ANDUXÍA. El explicounos un montón de cousas sobre o ecosistema da duna, aínda que despois do proxecto que estudamos este curso, había algunhas que xa coñeciamos. 

 

Por último, o profe Jose Ángel preparounos algúns xogos na area. Acabamos moi moi cansos, pero pasámolo xenial.

 

CORRELINGUA EN MOAÑA

Hoxe, o alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria foi a Moaña a celebrar o CORRELINGUA, e reivindicar así o uso da lingua galega.

 

A xornada consistiu nunha xuntanza da meirande parte das escolas da comarca do Morrazo. Primeiramente, realizamos unha marcha dende a praia da Xunqueira ata o palco da música, onde lucimos os carteis coas palabras galegas que previamente preparamos nas aulas, mentres berrabamos o lema deste ano: NA CASA E NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA!

 

Cando chegamos, tomamos a merenda mentres os compis dos outros coles se ían colocando na explanada. E por fin chegou o momento máis esperado: o concerto de Brais das Hortas e Peter Punk, que nos cantaron, entre outras moitas, a xa coñecida canción de OSO DO COUREL.

 

 

No seguinte vídeo podedes ver as fotografías da excursión.

 

OBRADOIRO "QUEN VIVE AÍ"?

Como sabedes, este trimestre estamos levando a cabo un proxecto sobre ECOSISTEMAS. Con tal motivo, tivemos un obradoiro relacionado cun dos niveis máis importantes das cadeas tróficas: OS DESCOMPOÑEDORES.

Na primeira sesión nos falaron sobre a reciclaxe, e especialmente sobre a compostaxe, xa que no cole contamos cun composteiro, e alí é onde viven os bichiños e microorganismos que se encargan de descompoñer todo o que atopan.

Xa na segunda sesión do obradoiro, veu a parte máis interesante… Fomos ao composteiro a recoller unha mostra de compost, e a repartimos nas caixas que tiñamos en cada un dos equipos da aula.

  

A continuación, axudándonos dos pinceis e lupas que nos deron e comezamos a buscar seres vivos. Atopamos moitos bichos bola, ovos de insectos, sementes, vermes… e os observamos a través do microoscopio.

 

 

 

 

 

Nas fotos podedes ver o moito que traballamos!

 

  

OBRADOIRO DE NÓS MARIÑEIROS

Como sabedes, este curso o noso centro volve participar no festival solidario ART FOR CHANGE, que terá lugar o vindeiro sábado 29 de abril. Con tal motivo, colaboramos coas familias para elaborar un dos produtos que se van vender neste día no noso stand: chaveiros de nós mariñeiros.

As mestras non tiñamos nin idea de cómo facer isto, pero sabíamos que nun pobo mariñeiro como Bueu habería moitos expertos e expertas no tema, e decidimos pedirlles axuda. A resposta foi moi positiva, xa que acudiron ao obradoiro avós, pais, nais, tíos…

A actividade foi todo un éxito, e tanto o alumnado coma as familias quedaron satisfeitos co traballo realizado. Agradecemos a vosa implicación, e agardamos vervos mercar moitos chaveiros o sábado na Praza Massó!

CHARLA SOBRE ANIMAIS CON FRAN, PABLO E HUGO

Hoxe tivemos unha visita moi especial, un papá con dous nenos que foron alumnos do cole e que seguro coñecedes: Pablo e Hugo.

 

Como sabedes, este trimestre estivemos levando a cabo un proxecto sobre animais. Por este motivo, Fran veu darnos unha pequena charla sobre o tema.

Comezou explicándonos a relación entre os seres humanos e os animais, e a continuación falounos dun montón de curiosidades moi graciosas e sorprendentes. Algunhas xa as sabíamos, pero con outras alucinamos.

 

Despois, veu a mellor parte: ensinounos as fotografías da súa viaxe a Kenia. Nelas puidemos ver animais salvaxes incribles! Explicounos como se sentiu ao velos, tocalos…

Noutras observamos a forma de vida dunha tribu africana, e finalmente tróuxonos un aparello que estas persoas empregan para cazar.

 

Nas fotos podedes ver o felices que quedaron os nenos e nenas. Grazas pola vosa visita chicos, agardamos atoparvos pronto!!!

VISITA DE ANA ALONSO

A pasada semana veu visitarnos alguén moi especial… a coñecida escritora Ana Alonso. O motivo da visita débese a que ao longo deste trimestre, estivemos lendo e traballando sobre un dos seus libros “LA OSA BLANCA”, en relación ao proxecto sobre animais que estamos a levar a cabo dende as ciencias.

 

Primeiramente, Ana falounos un pouco sobre a súa vida: cando e por qué comezou a escribir, de qué traballaba antes e ahora, que tipo de libros escribe e para quen van dirixidos…

Despois centrouse en explicar un pouco a historia de “LA OSA BLANCA”. Preguntounos moitas cousas pero amosámoslle que estivemos ben atentos e atentas ao seu libro!

Por último puidemos facerlle un montón de preguntas que previamente prepararamos nas aulas coas mestras.  Ana estivo encantada de respondernos e ata nos recomendou outra das súas creacións “LA MOMIA DESPISTADA”, protagonizada polos mesmos personaxes do libro que lemos.

 

Nas fotos podedes ver o desenvolvemento da charla.

8 DE MARZO - DÍA DA MULLER

Hoxe foi un día moi especial… como cada ano, dende o noso centro celebramos o día da muller.

Comezamos explicándolle ao alumnado a importancia e o por qué de conmemorar este día. Ademais, falamos de mulleres que son importantes nas súas vídas: nais, avoas, mestras… tiñades que escoitar as cousas tan bonitas que dixeron!

Ademais, acudimos ao pavillón de Bueu para realizar a actividade XOGANDO SEN XÉNERO, no marco do noso plan anual de lectura MOITO MÁIS QUE XOGO. 

Primeiro, as monitoras explicaron que antes os xoguetes eran para nenos ou para nenas, pero isto a día de hoxe xa non e así, e todos e todas podemos xogar co que queiramos.

A continuación faláronnos sobre as normas e funcionamento dos xogos e distribuímonos polo espazo para poñernos mans á obra.

Aparte de xogos tradicionais coma o tres en raia, o mikado os zancos… tamén fixemos actividades colaborativas coa corda e o paracaídas e incluso bailamos un pouco de baile galego.

Premendo na seguinte imaxe grupal podedes ver un vídeo co ben que o pasamos.

PLANTACIÓN DE ÁRBORES COA FUNDACIÓN JUÁN XXIII

O mércores pasamos unha xornada inesquecible grazas aos mozos e mozas da Fundación Juan XXIII de Pontevedra e ao Concello de Bueu, que nos invitou a participar.

Como sabedes, este curso estivemos traballando dende as ciencias tres proxectos: O UNIVERSO, AS PLANTAS e A METEOROLOXÍA. En relación aos mesmos e como parte final realizamos esta xornada de plantación de árbores que a continuación vos explicamos. 

O alumnado do ciclo formativo de xardinería da Fundación foi contratado polo Concello de Bueu para levar a cabo a tarefa en cuestión. Para isto contaron coa nosa colaboración, os cativos e cativas de 3º de primaria.

Comezaron explicándonos a importancia das árbores na ribeira dos ríos, e facéndonos algunhas preguntas sobre o tema que soubemos responder moi ben, amosando o moito que aprendemos ata agora.

Depois, dividímonos en equipos de traballo e distribuímonos ao longo do Río Bispo para plantar acivros, carballos, maceiras, cerdeiras, freixos e sanguiños; árbores que poderemos ver e ensinar con satisfacción sempre que demos un paseo pola zona. 

Para rematar, precisabamos repoñer forzas e nos agasallaron cunha merenda máis que merecida!!!

GRAZAS JOSÉ, VERÓNICA E CARME por educar e formar tan ben e pola esquisita sensibilidade que amosades!

AGRADECEMENTO ESPECIAL PARA ÁFRICA, NACHO, JUAN, CARLOS, JOSÉ, ÁNGEL E ANDRÉS, por ensinarnos a plantar con tanto cariño e paciencia.

As profes prometéronnos que apróxima vez iremos nós a Pontevedra a visitaros!

 Nos seguintes vídeos podedes ver as fotografías de toda a xornada.

 

 

A RULETA DO UNIVERSO

A semana pasada viñeron visitarnos dúas compañeiras á clase: Mar e Noa. Como sabedes, no primeiro trimestre estivemos traballando o proxecto  O UNIVERSO. Con tal motivo, elas idearon un xogo sobre esta temática, en relación ao PAL “MOITO MÁIS QUE XOGO”, e viñeron amosalo para ver se recordábamos algo ou non.

 

O xogo consistía no seguinte: unha ruleta con distintas preguntas que elas mesmas escribiron en tarxetas de cores. Un representante de cada equipo da aula tiña que ir saíndo para facer unha tirada e responder á pregunta que lle tocara. Se acertaban eles sós gañaban dous puntos para o seu equipo, se o facían con axuda dos compis só un punto, e se ninguén sabía a resposta… quedaban como estaban.

 

Pasámolo xenial e aprendemos moitas cousas novas!!!

CHARLA SOBRE O UNIVERSO

O pasado luns tivemos a sorte de contar cun dos pais das nosas alumnas, o doutor Héctor Pereiro, que veu darnos unha charla sobre algúns aspectos relacionados co proxecto que estivemos traballando este curso: O UNIVERSO.

 

 

Aínda que a súa profesión non ten nada que ver co tema, é todo un fanático do espazo, e sabe moitísimas cousas!

Comezou explicándonos que cando era pequeno, o seu soño era ser astronauta. É por isto que con 17 anos foi de viaxe ao SPACE CAMP da NASA, toda unha experiencia que non dubidou en contar ao alumnado con tódolos detalles.

Ademais, aproveitou para salientar a figura de distintas mulleres astronautas que foron importantes ao longo da historia e que tamén o son na actualidade, coma Julie Payette, Cristina Koch ou Samantha Cristoforetti.

  

Por último, solventou algunhas cuestións que poden resultar confusas: que é a gravidade? como sae un foguete cara o espazo? de que están feitos os traxes de astronautas?

Aquí podedes ver o contenta que quedou Lola trala visita do seu pai!

Distribuir contido