Concurso Illas Atlánticas

Este curso traballamos moito, pero de todos os proxectos que fixemos hai un do que nos sentimos especialmente orgullosxs: o noso proxecto sobre o Parque Nacional das Illas Atlánticas. 

Todo comezou alá polo 1º Trimestre, cando viñeron Suso e Bea, das Illas Atlánticas, a falarnos do parque nacional e dos seus ecosistemas. Logo, no segundo trimestre, aproveitando o traballo que xa levamos anos facendo na caseta meteorolóxica (do Proxecta Meteoescolas) introducímonos a estudar os climas. Isto permitiunos enlazar cos ecosistemas, centrándonos nos ecosistemas do PN das Illas Atlánticas. Podedes ver algunha foto a continuación dos traballos grupais e das presentacións que fixemos. 

Decidimos presentarnos a un concurso que organizaba o PN das Illas Atlánticas, e creamos un Xogo de mesa: custounos chegar a un consenso e decidir como queriamos que fose o xogo, pero unha vez feito isto xa nos puxemos mans á obra: elaboramos un PASAAILLA. Ao estilo dun pasabalabra, co Plotter de corte e manualmente, elaboramos os taboleiros. Logo investigamos na biblioteca do centro, nos libros que trouxeron as profes e en interntet sobre os catro arquipélagos: Ons, Cíes, Cortegada e Sálvora. Despois, con toda a información que tiñamos, preparamos as tarxetas con preguntas para poder xogar. 

E, sabedes que? Gañamos o concurso e o premio foi unha viaxe ás Illas Cíes! Que ben o pasamos!

Estamos tan motivados con esta experiencia, que o curso que vén estamos desexando volver participar!