blogue deMarta Valbuena

O TEMPO EN 6º INFANTIL!

Durante este curso, o alumnado de 6º de infantil observou e recolleu os datos meteorolóxicos nun calendario mensual que tiñan na aula. Guiados polas profes Alba e Tania, os maiores da escola de Infantil preparáronse para ser uns bos meteorólogos e meteorólogas.

Mirade que bonito quedou o calendario do tempo!!!

VISITA AO MUSEO MASSÓ

Ao longo desta semana, o alumnado de 1º saímos da escola para visitar unha das xoias da nosa vila: O MUSEO MASSÓ.

Chegamos moi ilusionados por aprender e o persoal do museo recibiunos estupendamente. Levabamos con nós as bolsiñas cos residuos que recollemos nas praias. Unha vez alí, participamos nun obradoiro chamado O QUE O MAR NON QUERE, no que descubrimos que todos os desperdicios que os humanos deixamos na praia, ademais de contaminar durante moitos anos son prexudiciais para a vida dos animais mariños: aves, tartarugas, peixes... E fixemos o firme propósito de recoller os nosos residuos cando vaiamos á praia.

A continuación realizamos unha visita guiada polo museo. Aprendemos os nomes dalgúns instrumentos de navegación e puxémonos no lugar dos mariñeiros de hai moitos anos. Visitamos tamén a sala do museo que foi fábrica de conservas e, como non, a nosa sala favorita... a da caza da balea!

Finalmente volvemos ao cole moi contentos por poder realizar esta saída, aínda que con moita calor!!!

Moitísimas grazas a todo o persoal do museo e especialmente a Graciela. Volveremos!

GALA OLLOBOI 2021

Onte, 12 de xuño, celebrouse en Boiro a gala do Festival Audiovisual Escolar OLLOBOI 2021.

O noso centro participaba coa curtametraxe DONA LANDRA NO RÍO REVOLTO, da que resultou un dos 5 finalistas da categoría PEQUE.

Aínda que o premio non o puidemos traer para Bueu, estamos súper orgullosas do traballo que fixeron os nenos e nenas de 1º e só o feito de ser FINALISTAS é un premio en si mesmo.

Noraboa rapazada!!

Podedes ver neste pequeno vídeo como foi a velada.

THE WEATHER

Nesta entrada ides ver como se traballan as Meteoescolas nas clases de inglés dos peques do colexio:

 

Educación infantil: Ao inicio de cada sesión, despois dos saúdos e de dicir o día no que estamos (día da semana e día do mes), describimos o tempo atmosférico respondendo á pregunta "What's the weather like?". O alumnado observa o exterior e decide que tempo fai hoxe (sunny, cloudy, rainy) con apoio xestual.

1°EP: Ao inicio de cada sesión, despois de ver a data e a estación na que estamos, describimos o tempo atmosférico respondendo á pregunta "What's the weather like?". O alumnado observa o exterior e decide que tempo fai hoxe repasando o vocabulario do tempo (sunny, cloudy, partly cloudy, rainy, windy, snowy) e a temperatura (cold, warm, hot) co apoio visual de símbolos en goma eva e as tarxetas de palabras (wordcards).

O VERME DO TEMPO

Hoxe o alumnado de 4º de infantil quere presentarnos ao VERME DO TEMPO. Durante todo o curso foron rexistrando nel o tempo metereolóxico xunto cos días da semana.

Ao final da semana observaban cantos días de sol, choiva ou sol con nubes houbo nesa semana.

CONTACONTOS: XELIÑA FALA GALEGO

O venres tivemos unha sorpresa na escola! Co gallo das letras galegas, recibimos a visita de CAXOTO, da Trastenda dos Contos para contarnos historias sobre Xela Arias.

O espectáculo chamábase XELIÑA FALA GALEGO. Caxoto contounos a vida de Xela cando era pequena e falou moito dos seus xogos: cazaba grilos, lanzábase terróns e camiñaba polo monte. Tiña moitas historias na cabeza e aventuras. Un día, Manuel María visitou á súa familia e díxolle que collera unha libreta e empezara a escribir. Dende aquela non parou ata que morreu, moi nova.

Caxoto tamén nos contou o conto dun moucho, animal que coñecía Xela na súa aldea. Participamos moito e estábamos atentísimos!

Despediunos cun blues creado por el dun poema de Manuel María: Eu teño barco. Ademais, convidounos a coller unha libreta vella e escribir as historias que teñamos na cabeza.

Gustounos moito este contacontos! Ata a próxima, Caxoto!!!

MAKING OF: DONA LANDRA NO RÍO REVOLTO

Seguramente moitos de vós queredes saber como fixemos a curtametraxe de Dona Landra no Río Revolto. Pois aquí tendes un vídeo explicando todos os detalles. Premede na imaxe!

METEOESCOLAS INCLUSIVAS

Este ano fixemos unhas melloras no noso espazo da meteoroloxía que está no exterior da escola.

Na primeira delas, Ramón, o noso conserxe, colocou unhas losetas facendo un camiño dende o patio ata a garita meteorolóxica para que todas as persoas poidan acceder alí. Ademais así, cando vamos a observar os datos non nos mollamos nin embarramos os pés. Quedou estupendamente e agora apetécenos máis aínda visitar a nosa caseta meteorolóxica.

Ademais, fixemos os nosos recunchos meteorolóxicos máis inclusivos colocando carteis con pictogramas, para que todos saiban o tesouro que gardamos nesa caixiña branca tan misteriosa!

ACTIVIDADES ESPECIAIS DE ABRIL E MAIO

Durante estes meses de abril e maio fixemos algunhas actividades especiais que xa compartimos con vós como:

- SEMENTAMOS LEITUGAS, que regamos regularmente

- OBSERVAMOS O TEMPO

- PASEAMOS POLO RÍO BISPO, acompañados do profe Arturo

- GRAVAMOS UNHA CURTAMETRAXE EN STOPMOTION

 Pero tamén fixemos outras actividades interesantes:

- COMPROBAMOS OS RESIDUOS DAS NOSAS MERENDAS

Como participamos no programa NOS RECREOS, RESIDUOS CERO! estivemos observando 2 días por semana que tipo de residuos xeramos nas merendas escolares e como podemos evitalos.

Aprendemos que hai residuos totais, evitables e, o que máis nos gusta... Residuos 0!!! Os nosos resultados enviámolos para participar nun estudo nacional sobre residuos escolares.

- LEMOS CONTOS DA MALETA VIAXEIRA

Cada día, durante a hora de ler, léronnos un conto solidario co planeta no que se plantexaban solucións para coidar o noso. Eses contos chegaron nunha maleta viaxeira e gustáronnos moito. Os nosos favoritos foron:

1ºA: A árbore da escola e Manuela.

1ºB: Benxamín, o cachalote que quería ser golfiño e Bosque.

1ºC: Benxamín, o cachalote que quería ser golfiño e Alguien se ha tragado a Lola.

Para saber máis, premede no ENLACE.

 - CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO

Para celebrar esta data, lemos unha lectura na que nos explicaban o motivo de celebrala neste día.

Tamén decoramos as axendas e uns marcapáxinas coa frase: Se queres aventuras, lánzate á lectura! As profes nolos plastificaron e levámolos como recordo dese día.

Ademais, o 23 de abril, levamos a casa uns libriños feitos por nós sobre os animais que aparecen nun dos contos que mercamos este ano: Dona landra no río revolto.

 

- CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este ano dedicado á autora Xela Arias, traballamos multitude de actividades: lecturas para coñecer a autora e os seus escritos, xogos interactivos, visionado de vídeos, comecocos, libriños coa súa biografía...

Decoramos as nosas axendas e tamén dúas follas por aula para colgar na árbore do mural colaborativo que está na entrada do colexio.

Tamén estamos participando no concurso Que sabes de... Xela Arias? e xa temos algún gañador de 1º!!!

Ademais, os nenos e nenas de 1ºA gravaron na nosa radio "A VOZ DA PEDRA"  poema de Manuel María para homenaxear a Xela Arias, podedelo escoitar aquí.

 

A seguir traballando, rapazada, que xa queda pouco!!!

DONA LANDRA NO RÍO REVOLTO

Durante o 2º trimestre, o alumnado de 1º lemos o conto DONA LANDRA NO RÍO REVOLTO. Gustounos tanto que os compañeiros de 1ºB quixemos facer unha película tomando o conto como guión. Ademais, aproveitamos o recurso da radio para facer unha invitación á toda a comunidade escolar para que poidan vela.

Escoitade o audio e despois poderedes ver a película. Esperamos que gocedes con ela!

INVITACIÓN:

 

VÍDEO:

Distribuir contido