blogue deAinhoa Suarez

20 DE NOVEMBRO - DÍA DOS DEREITOS DXS NENXS

O 20 de novembro celébrase o DÍA DOS DEREITOS DA INFANCIA.

Con tal motivo, e aproveitando a temática do noso proxecto de

ciencias "COIDÁMONOS E COIDAMOS", o alumnado elaborou

cadanseu libro de dereitos.

 

Primeiro tiveron que seleccionar e recortar os dereitos correctos, xa

que había algúns "trampa", e despois pegáronos en folios

de distintas cores. Finalmente compilamos todo e engadimos unha

bonita portada.

 

Agardamos que vos guste o resultado!

 

 

Por último, dende VALORES, construimos entre tdoxs o TREN DOS DEREITOS DA INFANCIA.

24 DE OUTUBRO - ANIVERSARIO DE PAPIRUS!

O pasado 24 de outubro, celebramos o día das Bibliotecas Escolares, que ao mesmo tempo é o día do aniversario da nosa mascota de biblio: O POLBIÑO PAPIRUS! Por este motivo, elaboramos uns marcapáxinas personalizados, onde incluimos agasallos e felicitacións para el.

PARABÉNS PAPIRUS!!!

 

 

SAMAÍN

Esta semana estivemos celebrando o SAMAÍN no noso centro. O alumnado foi traendo as cabazas que personalizaron coa axuda das familias. A temática deste curso é o aniversario da escola "50 ANOS MEDRANDO XUNTOS". Non era nada fácil, pero fixérono xenial! Podedes ver o resultado nestas terroríficas fotografías.

 

  

 

 

ERUPCIÓN VOLCÁNICA!

Despois da erupción do volcán CUMBRE VIEJA da illa da Palma, o alumnado de 2ºC estivemos traballando sobre o tema na aula. Unha vez coñecimos as partes dun volcán, construimos a nosa propia MAQUETA, e finalmente fixemos unha ERUPCIÓN VOLCÁNICA mesturando bicarbonato, colorante e vinagre.

Agardamos que vos guste!

 

Na clase de 2º A tamén creamos a maqueta do volcán de Cumbre Vieja e intentamos reproducir a Paisaxe da illa de La Palma para logo experimentar a explosión do volcán cos ingredientes mencionados. Se premedes na seguinte imaxe podedes observar a emoción do alumnado.

O alumnado de 2ºB tamén construiu un volcán e para iso empregou un molde e escaiola. Despois decorárono con témperas e plastilina ata que conseguiron facer unha illa. Finalmente fixérono estoupar cos mesmos ingredientes que os outros cursos. Aínda que a erupción non foi moi grande, valeunos para aprender máis sobre os volcáns. Premede na imaxe para ver todo o proceso!

 

 

PROXECTO A AUGA

Neste trimestre estivemos traballando sobre A AUGA NA TERRA. Para isto, cada un dos nenos e nenas foi elaborando o seu propio LIBRO DE LAPELAS, onde plasmaron toda a información recopilada mediante vídeos, libros, lecturas, esquemas... O resultado quedoulles ben vistoso!

 

O MAIO DE 4º

Para conmemorar a entrada do mes de maio, o alumnado de 4º recolectou plantas e flores para construir entre todos e todas O NOSO MAIO. 

Ademais, compuxemos unha copla para acompañar á nosa particular produción. ESPERAMOS QUE VOS GUSTE O RESULTADO!

 

 COPLA DO MAIO 

Chega a primavera

E facemos maios

No colexio A PEDRA

Os nenos de  4º

 

Os nenos de 4º

Trouxeron fiuncho

Colectaron plantas

En cada recuncho

 

 En cada recuncho

Cantando e bailando

A pesar do virus

BUEU FESTEXANDO!

 

 Bueu festexando

En plena pandemia

Os rumores chegan

De Beluso a Cela

 

De Beluso a Cela

Que ben o pasamos

Facendo as alfombras

E non confinados!

 

E non confinados

Xa nos despedimos

Co final da copla

TENDE SENTIDIÑO!

 

DÍA MUNDIAL DA METEOROLOXÍA

O 23 de marzo celébrase o DÍA MUNDIAL DA METEOROLOXÍA. Aproveitando que no noso centro contamos coa nosa propia estación meteorolóxica, grazas ao programa METEOESCOLAS, o alumnado de 4ºA elaborou o seu propio libro de aula con palabras galegas relacionadas co tempo. 

Agardamos que vos guste!

PROXECTO "A PREHISTORIA E AS CIVILIZACIÓNS ANTIGAS"

Este trimestre nas aulas de 4º estivemos traballando no proxecto A PREHISTORIA E AS CIVILIZACIÓNS ANTIGAS.

Comezamos indagando sobre a PREHISTORIA para construir entre todos unha LIÑA DO TEMPO coas características do PALEOLÍTICO, NEOLÍTICO e IDADE DOS METAIS.

Tamén relacionamos o proxecto coa área de PLÁSTICA, levando a cabo a nosa propia PINTURA RUPESTRE.

Unha vez rematada a parte da PREHISTORIA, adentrámonos na IDADE ANTIGA, onde cada equipo se centrou en buscar información sobre as distintas CIVILIZACIÓNS.

Como produto final de todo este proxecto, os equipos de traballo de aula expuxeron as características das CIVILIZACIÓNS ANTIGAS.

4ºA

 

4ºB

 

 

 

 

 

 

24 F - DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

A pasada semana celebramos o día de Rosalía de Castro. Para isto, o grupo de 4ºA buscou nos ordenadores versos de poemas galegos de Rosalía, que despois escribiron en rosas feitas con papiroflexia.

Finalmente, colocaron as súas rosas en distintos lugares do Concello de Bueu o día 24 de febreiro, para que os veciños e veciñas que as toparan puidesen ler uns versos desta autora neste día tan sinalado para os galegos e galegas. 

Podedes ver as súas producións no vídeo do link

 

https://drive.google.com/file/d/1uaHt_uV0-Xrb31ObavH4IzAkkhu78N4h/view?u...

 

Ademais, dende a área de plástica coloreamos retratos de Rosalía con colores ben vivos, simulando a técnica do POP ART do artista Andy Wahrol.

 

 

METEOESCOLAS - 4º

Ao longo destas dúas semanas, os nenos e nenas de 4º estivemos tomando nota sobre a evolución do tempo en Bueu, na nosa estación meteorolóxica. Aquí vos deixamos algunhas fotos da actividade.

Distribuir contido