Información sobre xustificación de faltas
Considérase falta de asistencia a clase ou ausencia ao centro escolar a non presenza dun alumno ou dunha alumna nunha sesión completa de clase. As faltas de asistencia non debidamente xustificadas serán as que computen para a cualificación do posible absentismo.
Con carácter xeral, teñen a consideración de xustificables as seguintes faltas de asistencia a clase do alumnado:
a) Citacións que impliquen un deber inescusable, sendo xustificable o tempo necesario.
b) Morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.
c) Tramitación de documentos oficiais, presentación a exames e probas oficiais ou similares, sendo xustificable o tempo necesario.
d) Indisposicións, podendo ser xustificables ata un máximo de 2 días lectivos.
e) Enfermidade, sendo xustificable o tempo de prescrición médica.
No caso de faltas de asistencia a clase do alumnado non contempladas no apartado anterior, quedará a criterio da dirección do centro educativo a consideración das excepcionais circunstancias que concorran para a súa xustificación ou non. En todo caso, deberá garantirse o dereito á escolarización da alumna ou do alumno.
En todo caso, ante calquera falta de asistencia do alumno/a, os pais, nais, titores/ as ou gardadores legais, deberán xustificala por escrito nos tres días seguintes, entregando o documento xustificativo ao titor/a por correo electrónico ou a través da axenda.
A xustificación das faltas de asistencia a clase do alumnado realizarase ante o profesorado titor e por parte da nai, do pai ou das persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado, acompañando, segundo proceda:
- Xustificante médico, no caso de enfermidade propia ou grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.
No caso de faltas por indisposicións ou enfermidade:
Se a ausencia comprende de 1 a 2 días ao mes, consecutivos ou non, presentarase xustificante por escrito dos pais, nais, titores/ as ou gardadores legais.
Cando a falta de asistencia ao centro educativo por visita médica ou por enfermidade sexa de máis de 2 días ao mes, a xustificación deberá estar apoiada polo xustificante/certificado médico correspondente.
Considerarase falta xustificada por enfermidade prolongada a situación dos menores que se atopan convalecentes en domicilio ou hospitalizados por períodos superiores a un mes, e conste no centro educativo o informe médico correspondente.
2. Documento acreditativo, no caso de deberes inescusables, presentación a exames ou morte de familiares de primeiro ou segundo graos.
3. Calquera outro documento acreditativo da circunstancia que xustifique a ausencia.
Seguimento das faltas de asistencia a clase do alumnado e a súa comunicación
O profesorado titor deberá comunicar ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado todas as faltas de asistencia a clase de cada mes, dentro dos primeiros cinco días naturais do mes seguinte e diferenciando as faltas xustificadas das non xustificadas.
Cando as faltas de asistencia a clase do alumnado presenten dificultades para a súa xustificación ou cando se incremente de forma significativa o número de faltas sen xustificar, o profesorado titor convocará a nai, o pai ou as persoas titoras legais ou gardadoras da alumna ou do alumno a unha reunión, coa finalidade de analizar a situación que se está a producir e tratar de corrixila, evitando que se produza a apertura do expediente de absentismo. Desa reunión levantará acta o profesorado titor.
Cada centro educativo establecerá nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia o procedemento para realizar esas comunicacións ou citacións, así como a obrigatoriedade de deixar constancia de tales accións.
Definición de Absentismo
Tal como establece o artigo 22 do decreto 229/2011, do 7 de decembro, absentismo é a ausencia ao centro escolar sen causa debidamente xustificada do alumnado en idade de escolarización obrigatoria. Para ser considerado absentismo, esta ausencia debe supor un mínimo do dez por cento (10 %) do horario lectivo mensual.
EXCEPCIÓNS
Para os efectos do protocolo para a prevención e control do absentismo escolar e do número máximo de faltas de asistencia permitidas, as ausencias derivadas da aplicación das medidas COVID consideraranse sempre xustificadas, non sendo preciso o xustificante do facultativo para a súa acreditación.
IMPRESOS OBRIGATORIOS
Impreso para a xustificación de faltas
Impreso para a comunicación de ausencias prolongadas e/ou definitivas.
IMPORTANTE: A NON ENTREGA DOS IMPRESOS SERÁ MOTIVO DE NON XUSTIFICACIÓN DAS FALTAS
- blogue de Dirección do Centro
- APIs de Blogue