Día da Muller

Conmemoramos o Día Internacional da Muller

 

O EDLG, en colaboración co equipo de biblioteca, propuxo para a conmemoración do Día internacional da muller (8M) un divertido xogo que axudou a que os rapaces e rapazas do centro coñeceran un pouco máis ás mulleres traballadoras do mesmo. Trátase dun Quen é quen titulado “As mulleres do meu cole”. 

 Na biblioteca colocamos un panel con fotos de cativas de mulleres traballadoras  do centro que voluntariamente se prestaron a participar (mestras, persoal de limpeza, persoal non docente) no xogo. A través dun código QR o alumnado accedía a unhas pistas (un genially) que lles axudaron a descubrir de quen se trataba.

 

O venres 22 de marzo tivemos acceso á solución do xogo e soubemos tamén cal foi a aula que máis acertos tivo obtendo así o diploma “Á mellor clase de detectives do 8M” xunto cun pequeno agasallo, un xogo para a aula en galego. 

 Por outra banda, aproveitando que o alumnado do centro está a viaxar por diferentes países grazas ao PDI deste curso “Unha viaxe polo mundo”, pedímoslles que investigaran sobre algunha muller relevante do seu país co que fixemos unha pequena exposición na entrada do colexio.

Por último, coas fichas técnicas que cubriron coa información das mulleres sobre as que investigaron, e xa que coincidía tamén a semana da prensa, fixemos unha revista dixital á que podedes botar unha ollada nesta mesma publicación. 

O RATIÑO PRESUMIDO

 

Con motivo do Dia Internacional das Mulleres 8M, o grupo Trinketrinke teatro representou no salón de actos do colexio unha versión do conto tradicional "A ratiña presumida", no que se fomentan os estereotipos de xénero e as ideas sexistas, dun xeito diferente.

Nesta actividade, á que asistiron os alumnos e alumnas de educación infantil, dáselle a volta ao conto clásico para amosar a un ratiño -o rato Fuco- que disfruta cantando e limpando a súa casa, e para visibilizar a unhas mulleres empoderadas -neste caso animais- que non teñen ningún problema en tomar a iniciativa e propoñer elas o matrimonio ao ratiño.

O contacontos foi moi aplaudido polo alumnado e profesorado asistente, e serviunos para traballar a idea de que "todos somos iguais e podemos facer as mesmas cousas"

 

   

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER: A MULLER NO DEPORTE

Este curso quixemos adicar o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, que se celebra cada 8 de marzo, a destacar a figura da MULLER NO DEPORTE .

Para iso, despois de realizar nas diferentes aulas carteis sobre deportistas famosas e de expoñelos nun gran panel conxunto, e  para concienciar aos nenos e ás nenas das dificultades con que se atopan tamén as mulleres no deporte, recibimos no colexio (o propio día 8) a visita de deportistas da nosa localidade, algunhas incluso antigas alumnas do noso centro. 

Para coñecer máis datos desta actividade e visualizar as imaxes da mesma, premede nos seguintes enlaces:

- Blog VIDA ACTIVA E SAUDABLE NO ALBINO NÚÑEZ 

- Blog  A BIBLIOTECA DE LIBRÍN 

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Como xa todos sabedes o pasado 8 de marzo celebrouse o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER. Tamén coma sempre no colexio realizamos diversas actividades: contamos coa colaboración de varias nais que viñeron  a contarnos a súa experiencia como mulleres traballadoras. Fatiropina, a nai dun neno de infantil realizou un obradoiro sobre a pintora MARUJA MALLO con alumnos e alumnas de 5º de primaria. Traballouse nas aulas o tema da igualdade e realizáronse murais para destacar a figura da muller, tanto de mulleres que foron abrindo camiño, coma de mulleres actuais, mulleres que temos arredor e que loitan por defender a igualdade e liberdade de todas as mulleres. 

Premede na seguinte imaxe para acceder ao blog da biblioteca escolar para ler toda a información e visualizar as imaxes das actividades realizadas:

Destacar tamén que o obradoiro sobre MARUJA MALLO saiu no suplemento XORNAL ESCOLAR do xornal LA REGIÓN do día 11 de marzo:

 

ENCONTROS 4X: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Para celebrar o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, entre outras actividades, propuxemos dentro dos Encontros 4X (4 XERACIÓNS) a nais e avoas da nosa comunidade educativa que viñeran ao noso centro a contar aos alumnos e ás alumnas a súa experiencia no mundo laboral, o traballo que desempeñaron, as súas dificultades, a desigualdade no trato recibido fronte ao traballo dos homes... Queremos dar as grazas a todas as nais que se acercaron ao centro ao longo do mes de marzo a compartir as súas experiencias cos cativos: Ana, Bárbara, Carolina, Esther, Flor, Isabel, Noelia, Paula, Sandra Lucía e Uxía e tamén a todas aquelas que, quixeron estar con nós pero que por falta de dispoñibilidade horaria a causa dos seus traballos ou cargas familiares non puideron facelo. 

No seguinte enlace ao blog do proxecto de Voz Natura do noso centro, podedes ver como resultou a experiencia e as conclusións extraídas da mesma:

- A VOZ DAS MULLERES

E na seguinte presentación podedes ver, como resumo do traballo realizado nas aulas, unha pequena mostra da exposición realizada sobre mulleres pioneiras que destacaron ao longo da historia:

 

ENCONTROS 4 X

Como xa sabedes neste curso estamos desenvolvendo o proxecto: AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA, a través dos encontros 4X,  entre 4 Xeracións, entre nenos/as, pais/nais, avós/avoas e bisavós/bisavoas. 

Para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER (o vindeiro 8 de marzo), gustaríanos contar coa vosa axuda. Necesitamos que as mulleres da nosa comunidade educativa veñan ao centro para falarnos do seu traballo. Para iso só tedes que cubrir a ficha que os nenos e nenas levaron para as súas casas e enviala de volta ao cole antes do próximo martes.

Animádevos a participar nesta actividade e grazas de antemán a todas pola vosa colaboración.

Powered by Drupal - Design by artinet