Curso 2015-16

FONDO SOLIDARIO 2016/2017

Xa temos as LISTAXES DEFINITIVAS de reparto de libros do Fondo Solidario para o vindeiro curso 2016/2017.                                                                                                             

 

 

                 

   Premede na imaxe para visualizar as listas        
 

 

Recordade que o día 01 de setembro xa podedes pasar polo centro para recoller os libros que vos corresponderon. 

FELIZ VERÁN A TODOS/AS!!

ENTREGA DE PREMIOS

Hoxe queremos dar os nosos parabéns as alumnas África Rodríguez Carbajal de 3 anos, e Zoe Gómez González, de 4 anos, que recibiron o 1º e 3º premio, respectivamente, na categoría Infantil, no 1º CONCURSO DE DEBUXO "A INTEGRACIÓN INTERCULTURAL". Concurso organizado pola SOCIEDADE ARTÍSTICA "LA TROYA" no que se pretendía que alumnos e alumnas de infantil e de primaria plasmaran nun debuxo a súa visión da unión e integración das diferentes razas e culturas. O xurado valorou a creatividade do debuxo, a expresividade do tema e a orixinalidade para a concesión dos distintos premios, 3 premios na categoría de infantil e 3 premios na de primaria.

Nunha pequena cerimonia, o pasado martes, 14 de xuño, África e Zoe recolleron os seus premios no local da SOCIEDADE ARTÍSTICA "LA TROYA". Ademais de cadanseu diploma, África recibiu un ordenador portátil e Zoe unha estupenda cámara de fotos. 

 

PARABÉNS ÁFRICA!!!   PARABÉNS ZOE!!!

 

 

FESTA VOZ NATURA 2016

O sábado 4 de xuño acudimos ao Parque Acea de Ama, en Culleredo (A Coruña) para asistir á gran festa que o programa VOZ NATURA organiza cada ano ao rematar o curso escolar. Como xa saben, este ano participamos no programa de VOZ NATURA co noso proxecto RE-XENERACIÓN: VERDE NO CANTO DE MARRÓN...", que acadou o primeiro premio na categoría provincia de OURENSE. 

Alí acudiron nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil, que son os que realizan cada semana as actividades do proxecto, acompañados dalgúns familiares e os alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria acompañados por 6 profesoras. 

Nesta gran festa, na que hai diferente tipo de actividades: inchables para todas as idades, obradoiros de todo tipo, exhibicións, xogos, teatro, sesións de contacontos, actuacións musicais,..., tamén se exhiben os traballos que todos os centros de Galicia realizan ao longo do curso. Este ano, por ser o noso centro un dos premiados, tiñamos un espazo preferente dentro do recinto de exposicións. 

O momento especial da xornada foi a entrega de premios: a profesora Conchi, acompañada de Martiño de 4 anos e Candela de 5, recolleron o diploma que nos acredita como o mellor proxecto provincial Ourense deste curso 2015/2016. 

Na seguinte presentación podedes ver un resumo dos mellores momentos da xornada...

 

A FRONTEIRA INFINDA

O venres 27 de maio os rapaces e rapazas de 5º e 6º de Educación Primaria acudiron á sala de exposicións de Afundación, sita na Praza Maior de Ourense, para visitar a exposición A FRONTEIRA INFINDA. OS ARTISTAS GALEGOS E A EMIGRACIÓN.

Esta exposición acércanos a arte realizada polos creadores galegos fóra de Galicia, en América e Europa, ao longo de boa parte do século XX. A exposición está estruturada en torno a 3 núcleos: a presenza da emigración na obra de Castelao, os artista exiliados en América tras a Guerra Civil e os novos artistas da posguerra que se formaron e traballaron en Madrid.

 

Premede nas imaxes para acceder á galería de fotos. 

E premendo no seguinte enlace ides directamente ao blog de 5º curso de primaria onde podedes ver a valoración que os alumnos e alumnas fixeron desta actividade. 

ANDAINA - blog de aula de 5º de primaria 

SABOREANDO AS LETRAS

O venres, 27 de maio, os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Educación Infantil foron ao Museo Municipal de Ourense para a ver a XXVII EXPOSICIÓN DE ANIMACIÓN Á LECTURA: SABOREANDO AS LETRAS, unha divertida exposición que este ano 2016, ANO INTERNACIONAL DOS LEGUMES, céntrase no mundo dos sabores e dos alimentos saudables. 

"O Pazo das Fabas será o nome imaxinario que reciba o edificio do Museo Municipal durante as sesións lúdico - didácticas da presente campaña de Animación á Lectura do Concello de Ourense.

Catro personaxes (actores) recibirán aos pequenos visitantes para guialos ao longo dunha aventura no interior do Pazo: Dente, Quino, Lavanda e Néboa.

Personaxes que mesturan realidade e ficción e cos que aprenderán xogando, creando e observando no Ministerio dos Legumes e no Ministerio das Nubes." (Sinopse extraída da páxina de Educación do Concello de Ourense).

Os obxectivos principais desta actividade son os de achegar aos nenos e nenas o mundo da lectura dun xeito atractivo e lúdico, fomentando a creatividade e a imaxinación a nivel individual e colectivo. Como este ano a exposición xira ao redor da boa alimentación e os legumes, ademais trátase de familiarizar aos nenos e nenas coa linguaxe dos alimentos, das cociñas e de que valoren a importancia dunha alimentación saudable na que os legumes son unha parte fundamental.

Os pequenos e pequenas de infantil recorreron entusiasmados os dous andares que ocupa a exposición, ocupados por imaxes e decorados especiais.

-A planta baixa do edificio estaba ocupada polo  MINISTERIO DOS LEGUMES, onde había unha mestura de cociña, horta e biblioteca. Alí os nenos/as leron e escoitaron contos, xogaron a clasificar legumes, a cociñar receitas máxicas...

-Na planta alta estaba o MINISTERIO DAS NUBES. Un mundo máxico entre nubes onde vive a GRAN FABA, unha planta leguminosa xigante. Aquí os nenos e nenas aprenderon o importante que son as nubes e a auga para que medren os legumes e a importancia do coidado da natureza. 

 

 

PREMIO VOZ NATURA 2016

       21-05-2016           

    ESTAMOS OUTRA VEZ DE NORABOA!!!

Este é o noso segundo ano de participación no programa de educación medioambiental VOZ NATURA que promove a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, e o segundo ano que acadamos un premio.

Se o ano pasado foi o premio ao mellor blog da comunidade VOZ NATURA, este ano fomos premiados como mellor PROXECTO OURENSE do curso 2015/16.

Unha vez máis queremos dar as grazas ao equipo de VOZ NATURA por premiar o traballo que con tanto esforzo e dedicación levan a cabo as profesoras de 5º e 6º de infantil baixo a coordinación da profesora Maite Sotelo, alma máter de todo o proxecto.  

Damos tamén os nosos parabéns aos demais centros premiados e a todos os participantes neste programa polo gran labor que desenvolven ao longo de cada curso polo coidado e mellora do medio que nos rodea. 

AULA CICLISTA 2016

O venres 20 de maio tivo lugar no centro unha nova actividade relacionada co deporte e os seus beneficios: AULA CICLISTA 2016, un programa de formación en ciclismo e alimentación responsable promovido pola Asociación de Ciclistas Profesionales. A actividade ía dirixida aos alumnos e alumnas de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria e constou de dúas partes ben diferenciadas:

1. Na primeira parte os alumnos asistironno salón de actos do centro a unha charla, acompañada de vídeos e presentacións, impartida por un exciclista profesional que lles explicou nocións básicas de seguridade vial. Continuou explicándolles como se preparaban os ciclistas antes das carreiras, a súa alimentación, os distintos tipos de competicións... acompañado todo isto con anécdotas e particularidades sobre o mundo do ciclismo. A  sesión foi tamén moi participativa pois ao final da mesma os rapaces e rapazas fixéronlle preguntas de todo tipo ao conferenciante, que tratou de satisfacer a curiosidade de todos eles. 

2. Nunha segunda parte, que se desenvolveu no patio do colexio, por grupos,  os nenos e nenas disfrutaron cunha sesión práctica facendo distintos percorridos en bicicleta na pista cuberta do patio traseiro. Este foi o momento máis divertido e como veredes polas fotos: pasárono fenomenal!.

Algúns dos nenos e nenas participantes foron seleccionados para participar na Volta Ciclista Junior que se desenvolve de forma paralela á Volta Ciclista a España.

Aquí tedes algúns dos consellos que promove a AULA CICLISTA:

 

 

AVALIACIÓNS INDIVIDUALIZADAS: 3º PRIMARIA

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no seu artigo 20.3 que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas ao finalizar o terceiro curso de educación primaria. Esta avaliación ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

 As avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria  teñen carácter informativo e orientador para os alumnos e alumnas e familias, equipos docentes, centros e Administración educativa. Complementan a información que reciben e orientan a toma de decisións na elaboración de plans de mellora.

 O pasado martes, 26 de abril, saiu publicado no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación final de educación primaria  (como saben xa realizada os pasados días 11, 12 e 13 de maio) e a avaliación individualizada de 3º curso. 

Achégase enlace:

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria e da avaliación final de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia no curso escolar 2015/16.

Segundo as citadas instrucións as probas realizaranse os vindeiros 24 e 25 de maio. Achegámoslles tamén para o seu coñecemento unha carta informativa que a Consellería acaba de enviar para a súa difusión entre as familias do alumnado de 3º curso:

MAMÁ CABRA

O venres 20 de maio os pequenos e pequenas de Educación Infantil acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar o espectáculo 15 PRIMAVERAS do grupo MAMÁ CABRA. 

Mamá Cabra é un grupo de música que celebra os seus 15 anos no mundo da música infantil, de aí o título do seu novo espectáculo: 15 PRIMAVERAS.  Nel fan un percorrido pola historia do grupo e das súas mellores cancións: "Un espectáculo diferente cun formato de “Concerto-Teatro” no que se amosará unha nova Mamá Cabra disposta a seguir enchendo de ilusión e ritmo os corpos da xente miúda. Para facer o noso repertorio básamonos en poemas de: Gloria Sánchez, Ana María Fernández, Concha Blanco, Antonio García Teijeiro, etc., aínda que tamén temos cancións propias ou temas que adaptamos do noso folclore". (sinopse extraída da páxina oficial do grupo).

Nas actuacións buscan a participación dos nenos e nenas, propoñendo xogos como: imitar os xestos, facer acompañamentos rítmicos sinxelos, repetir un pequeno retrouso, etc. Os pequenos e pequenas pasárono fenomenal. Era a primeira saída para os nenos e nenas de 4º de infantil e non vexades o que disfrutaron coa actividade!!. 

(Premer na imaxe para acceder á galería de fotos)

Powered by Drupal - Design by artinet