O martes, 3 de marzo, todo o alumnado de Educación Infantil acudiu ao Auditorio Municipal para presenciar a obra de teatro "O LOBO E A LÚA", posta en escena polo grupo teatral galego BAOBAB TEATRO. Obra que combina actores con monicreques e que acadou o premio BARRIGA VERDE DE TEXTOS PARA TEATRO de títeres na XI Edición de 2014.
"Había unha vez un pequeno lobo que vivía no Prado Azul e precisaba falar coa Lúa, era moi importante o que lle tiña que dicir, como a lúa estaba moi lonxe non lle escoitaba, así que o lobo tiña que berrar, cos seus berros non deixaba durmir a ninguén, nin a Nina a tartaruga, nin a Duarte o elefante, nin a Miñao o gato malvado. No seu intento de falar coa lúa coñece a Mariano, un rato falador e divertido que lle axudará, ou quizais non. No prado azul esta noite, ninguén pode durmir!" (Sinopse extraída da páxina web do grupo BAOBAB TEATRO).
O lobo e a lúa é unha peza teatral tenra, divertida e intrigante onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Un espectáculo que transcorre sempre de noite, á luz da Lúa e que gustou aos máis pequenos por ser unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor.