O 3 de febreiro os nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar a obra teatral (que combina actores con monicreques) titulada SAFARI e que representou a compañía LA BALDUFA COMPANYIA DE COMEDIANTS.
Piñote e Calabacín son dous exploradores que se trasladan á sabana para investigar sobre a misteriosa desaparición do león. Na súa tarefa de investigación interrogan á xirafa, ao mono, ao elefante, ao crocodilo... e acaban atopando ao pobre león, decaído, pensativo e que non sabe ruxir. Piñote e Calabacín intentarán botarlle unha man e averiguar cales son os motivos do seu pesar. Por que todos os animais se empeñan en molestalo?.. Esta é a historia da que parte a obra e que trata de facer reflexionar aos nenos e ás nenas sobre o problema do acoso escolar.
"Os nenos e as nenas poden entender as súas ameazas a partir do comportamento do crocodilo, do león, e tamén do da xirafa, do mono e do elefante. A preocupación de Piñote e Calabacín é similar a de pais e mestres. Os pequenos tamén poden ser feroces e crueles cos seus compañeiros. En cambio, temos o convencemento de que, a través da educación e do traballo, pódense potenciar actitudes e comportamentos en positivo que permitan unha convivencia harmónica, respectando a todos os demais. " (sinopse extraída da páxina web de LA BALDUFA COMPANYIA DE COMEDIANTS).
Os pequenos e pequenas disfrutaron coa obra que contaba cunha estupenda posta en escena e tamén lles fixo pensar, reflexionar e conversar sobre os comportamentos que ás veces temos cara os demais.
E como complemento a esta saída e dada a proximidade da nova biblioteca ao edificio do Auditorio Municipal, os nenos e nenas foron tamén visitar as novas instalacións da BIBLIOTECA PÚBLICA DE OURENSE. Alí, ademais de ensinarlles as instalacións, explicáronlles o seu funcionamento e animáronnos a acudir á mesma.