Na semana do 28 de xaneiro ao 01 de febreiro celebramos no colexio diversas actividades con motivo da celebración o 30 de xaneiro do DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ, data na que se conmemora a morte do líder pacificista MAHATMA GANDHI. Pretendemos que os nenos e nenas aprendan valores como protección, coidado, solidariedade, diálogo, comprensión, non-discriminación, cooperación ... en contra da cultura imperante da violencia, da discriminación, da forza, do despilfarro, da explotación...
En consonancia cos proxectos que se levan a cabo no centro (Proxecto Anual: "Entre salgueiros, bidueiros e carballos" e o programa de MeteoEscolas), este ano centrámonos máis en concreto no coidado e defensa das árbores e da natureza. A contaminación, os incendios... están provocando o cambio climático; a explotación indiscriminada da natureza e os recursos, está provocando as guerras nos países máis pobres... e todo isto rematará por acabar coa vida que sustentan a auga, as árbores e os bosques.
Despois de traballar nas aulas estes valores, destacamos algunha das actividades realizadas en común:
PARAUGAS DA PAZ - Realizamos mensaxes pedindo a paz no mundo, desexando que esta "caiga" en forma de choiva (aludindo á importancia que ten a auga na vida). A ÁRBORE DA PAZ - tamén colgamos mensaxes na árbore da entrada do centro, árbore que representa a natureza e o coidado dos nosos bosques. |
|
REALIZACIÓN DE MURAIS- En diferentes aulas realizáronse outros murais sobre a paz: nun deles, realizado polos nenos e nenas de 5 anos, destacan a figura de WANGARI MAATHAI, defensora dos bosques e dun mundo sostible; primeira muller africana en recibir o premio Nobel da Paz. Os pequenos e pequenas de 4 anos, decoraron a famosa pomba de Picasso... |
|
TEATRO: O BOSQUE DA PAZ- Alumnos e alumnas de 4º de primaria puxeron en escena para todos os seus compañeiros (en dúas sesións: unha para o alumnado de infantil, e outra para o alumnado de primaria) a obra O BOSQUE DA PAZ. Obra, onde ademais de falar do coidado das árbores e da natureza, presentanos unha situación onde vemos como podemos resolver os conflitos de forma pacífica, usando a intelixencia e non a violencia. |
|
BAILAMOS E CANTAMOS- celebramos un pequeno acto conxunto (que por culpa do mal tempo tivemos que facer en dous turnos no salón de actos do colexio), comezando coa lectura dun manifesto en defensa da paz, realizado polos alumnos e alumnas de 6º de primaria. Logo cantamos e bailamos tres cancións: "REDUCIR, REUTILIZAR E RECICLAR", "BAILEMOS XUNTOS" e "PAZ, PAZ", vivindo unha vez máis a ledicia de sentirnos xuntos contaxiándonos dun sentimento común de cariño e felicidade. |
|