Un ano máis a compañía de teatro BLUE MANGO THEATRE fixo disfrutar aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria que acudiron o pasado martes, 23 de xaneiro, ao Auditorio Municipal para presenciar unha das súas representacións teatrais en inglés: ZAPPING.
Ademais de reforzar as competencias do alumnado en lingua inglesa, a obra resalta valores como a amizade e o respecto cara aos demais; tamén fai unha reflexión sobre as consecuencias derivadas das eleccións que facemos no día a día. Cambiaríamos algo se puidésemos dar marcha atrás?
Zapping narra a historia de Eli, unha nena que ten unha familia un tanto peculiar. Oxalá Eli tivese escoitado o seu pai. Quizais tivese aprobado o seu exame de ciencias sobre o sistema solar. E se a relación coa súa irmá fose mellor, tería podido gañar o concurso de talentos. E se…
pero cando Eli descobre que ten o poder de rebobinar o tempo dispón de novas oportunidades para facer as cousas de forma distinta e facer que as consecuencias sexan tamén distintas tanto no seu ámbito persoal, coma nas relacións coa súa familia e amigos. Todo isto narrado dunha forma divertida e cómica que fixo que os alumnos aprenderan e disfrutaran ao mesmo tempo.