Curso 2020-21

FONDO SOLIDARIO E AXUDAS PARA ADQUIRIR LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR 2021/22

  

 

Do 21 de maio ao 22 de xuño de 2021 está aberto o prazo para solicitar a participación no fondo solidario de libros de texto e para solicitar axudas para adquirir libros de texto e material escolar para o vindeiro curso 2021/2022. Nos seguintes enlaces tedes toda a información:

- Orde do 06 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar  (DOG do 20-05-2021)

 - Resumo/información ás familias   

FondoLibros

- Acceso á aplicación FondoLibros

- Impreso de solicitude 

- Enlace á sede electrónica da Xunta de Galicia  

Recordade que estas axudas son para o alumnado de primaria e secundaria (non está incluído o alumnado de educación infantil).

MAIOS 2021

Unha das festas típicas de Galicia, e en especial da nosa cidade, é a dos Maios, festa que se remonta á época prerromana e na que se exalta a natureza ao comezo da primavera.  Como xa sabedes, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro propuxo á  comunidade educativa a realización dun maio, pero este ano, debido á situación de pandemia pola que estamos pasando, a proposta foi algo distinta ao maio tradicional: cada neno e nena levou para a súa casa un modelo en cartolina coa forma do maio de tipo "enxebre" piramidal para adornalo libremente. A decoración foi moi variada: algúns simplemente pintados, pero a maioría cubertos con follas, flores, plantas, cascas de laranxa, bugallos, pétalos... imitando os maios tradicionais. 

Unha vez máis, moitas grazas ás familias pola colaboración prestada, neste caso ademais para seguir mantendo viva unha tradición do noso pobo e da nosa cultura. 

Ollade a seguinte presentación: 

 

O DOCE MUNDO DO MEL DE GALICIA

O pasado mércores, 5 de maio, os alumnos e as alumnas de 1º e 2º de primaria participaron na actividade desenvolvida no colexio  "O doce mundo do Mel de Galicia"; actividade organizada polo Consello Regulador da IXP (Indicación Xeográfica Protexida) Mel de Galicia, co fin de acercar aos máis pequenos o mundo das abellas e do mel.

Dunha forma didáctica e interactiva os pequenos e pequenas coñeceron o proceso que se segue para a obtención do mel, os aparellos que necesitan os apicultoress (luvas, buzo ou blusón con cabeza, espátula, cepillo, afumador...), as partes dunha colmea, os tipos de mel...

Ao rematar, todo o alumnado recibiu como agasallo, un globo, un caderno e un pequeno tarro con delicioso mel. 

Nestes enlaces tedes maìs información sobre este alimento tan saudable:

- MEL DE GALICIA

- GUÍA MEL COMO ALIMENTO 

SEMANA DE ACTVIDADES DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DE XÉNERO

Ao longo da vindeira semana, do 10 ao 13 de maio, terán lugar no centro unha serie de actividades organizadas pola ANPA do noso centro e enmarcadas dentro do plan promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade para o fomento de actuacións relacionadas coa promoción da igualdade e da prevención da violencia de xénero.

Xa vos iremos informando de como se van desenvolvendo, este é o programa das mesmas:

PLANTAS CARNÍVORAS

O 27 de abril os alumnos e alumnas de 4º de primaria participaron na  actividade "PLANTAS CARNÍVORAS" promovida polo Concello de Ourense e enmarcada dentro das actividades que organizan en relación coa Educación en Medioambiente, co obxectivo de inculcar nos máis pequenos o respecto e interese polo medio natural. 

Ao centro acudiu a monitora Águeda Pérez que lles fixo unha breve explicación, apoiada por unha presentación audiovisual,  das principais características das plantas carnívoras, de como se alimentan, dos coidados que necesitan... tamén visionaron distintos tipos de plantas carnívoras.  

Ademais a monitora levou tres plantas, que deixou como agasallo para o colexio, e cuxos nomes son: DIONAEA Muscipula, SARRACENIA Maroon e DROSERA Capensis, e que os nenos e nenas examinaron con moita atención e interese. 

Remataron a actividade realizando unha actividade plástica que consistiu na elaboración en papel dunha planta carnívora cos seus dentes e lingua.

 

 

 

ADMISIÓN E MATRÍCULA CURSO 2021-2022

Premede na seguinte imaxe para consultar a lista provisional de admitidos para o vindeiro curso 2021-22.

Recordamos:

Prazo de reclamación das listaxes provisionais: cinco días hábiles posteriores á publicación destas listas provisionais.

Publicación definitiva das listaxes de admitidos e excluídos: antes do 15 de maio de 2021.

Prazo de formalización da matrícula: do 20 ao 30 de xuño de 2021. 

DÍA MUNDIAL DO LIBRO 2021

O 23 de abril é unha das datas máis sinaladas no noso calendario de celebracións e o xa tradicional apadriñamento lector vai asociado no noso colexio a esta efeméride.  Premede na imaxe anterior e veredes como celebramos este curso o DÍA MUNDIAL DO LIBRO e a festa da lectura conxunta. 

DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TICS 2021

"O 22 de abril celebrouse o Día Internacional das Rapazas nas TIC. Que que é iso? Pois é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu denvolvemento académico, investigador e profesional. 

"Foi no ano 2010 cando os países membros da UNIÓN INTERNACIONAL DE TELECOMUNICACIÓNS (UIT), organismo adscrito á ONU, decidiron crear esta efeméride, produto da enorme brecha dixital de xénero que se ven evidenciando ao longo dos anos. Brecha que se fai máis profunda cando falamos de xeración de contidos, desenvolvemento de páxinas web, creación de software, aplicacións e demais elementos dixitais, ámbito no que os homes teñen moita máis presenza cás mulleres (sinopse extraída da páxina web diainternacionalde.com)".

Nesta edición os alumnos de 4º e 5º de primaria do CEIP Albino Núñez participaron xunto con máis de 1.100 alumnos de primaria e secundaria de centros de toda Galicia a través da Plataforma Webinar do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia). Este ano colaboraron na multiconferencia web relatoras galegas da talla de: Beatriz Paz Santalla, Ana Freire, Úrsula Matínez Álvarez e Verónica Bolón Canedo. 
O noso alumnado non perdeu detalle de todas as múltiples saídas e aplicacións que teñen as carreiras tecnolóxicas. Ogallá moi pronto algunha delas poida estar do outro lado da pantalla contándonos as súas experiencias profesionais."
 
 
 
 

Deixámosvos os seguintes enlaces para coñecer máis a fondo esta efeméride:

- DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TICS: información da actividade.

- ITU (Unión Internacional de Telecomunicacións)

- DÍA INTERNACIONAL DE ... 

- VÍDEO INFORMATIVO 

VIALÍN: AUTOESCOLA PARA PEQUES

O pasado 19 de abril, os pequenos e pequenas de 6º de Educación Infantil (5 anos) participaron na actividade desenvolvida no centro e promovida polo Concello de Ourense: VIALÍN, AUTOESCOLA PARA PEQUES.

Con esta actividade pretendese que os nenos e nenas coñezan normas básicas de tráfico e tomen conciencia da importancia de respectalas para previr accidentes nas vías públicas.

A través de Vialín, aprenderon a recoñecer as principais sinais: stop, ceda o paso, sinalización dun hospital ... o uso dos semáforos para peóns e vehículos, coñeceron os sistemas de retención nos coches (cinturóns de seguridade para adultos, sistemas de retención infantil...), que usar cando imos en moto ou en bici para ir seguros, miramos antes de cruzar nun paso de cebra...

Sobre un mapa que representaba unha cidade, ían colocando sinais a medida que contestaban correctamente ás preguntas sobre seguridade vial. 

Ademais fixeron circuítos desprázandose, ás veces como peóns, e outras coma coches, respectando semáforos e pasos de cebra...

Desta maneira, pasaron unha divertida mañá, xogando e aprendendo como desenvolverse de forma segura ante o tráfico e coñecendo os perigos que presenta a rúa.  

  

SERVIZOS COMPLEMENTARIOS CURSO 2021-22

Do 20 ao 30 de abril está aberto o prazo para presentar a solicitude de servizos complementarios para o vindeiro curso 2021-2022. Podedes solicitar un só dos servizos (comedor ou transporte escolar) ou os dous. De non facer entrega de dita solicitude, enténdese que non solicitades ningún dos servizos. 

Non teñen que facelo o alumnado de 6º de primaria, que se marcha do colexio ao rematar aquí a súa etapa, nin o alumnado que se incorpore por primeira vez ao centro o próximo curso, debido a  que xa o solicita no momento en que formalice a súa matrícula.

Premede na imaxe para descargar o impreso de solicitude. 

 

Powered by Drupal - Design by artinet