Saídas

TEATRO: O LOBO E A LÚA

O martes, 3 de marzo, todo o alumnado de Educación Infantil acudiu ao Auditorio Municipal para presenciar a obra de teatro "O LOBO E A LÚA", posta en escena polo grupo teatral galego BAOBAB TEATRO. Obra que combina actores con monicreques e que acadou o premio BARRIGA VERDE DE TEXTOS PARA TEATRO de títeres na XI Edición de 2014.

"Había unha vez un pequeno lobo que vivía no Prado Azul e precisaba falar coa Lúa, era moi importante o que lle tiña que dicir, como a lúa estaba moi lonxe non lle escoitaba, así que o lobo tiña que berrar, cos seus berros non deixaba durmir a ninguén, nin a Nina a tartaruga, nin a Duarte o elefante, nin a Miñao o gato malvado. No seu intento de falar coa lúa coñece a Mariano, un rato falador e divertido que lle axudará, ou quizais non. No prado azul esta noite, ninguén pode durmir!" (Sinopse extraída da páxina web do grupo BAOBAB TEATRO). 

O lobo e a lúa é unha peza teatral tenra, divertida e intrigante onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas. Un espectáculo que transcorre sempre de noite, á luz da Lúa e que gustou aos máis pequenos por ser unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor.

 

 

ENCONTRO CON HÉCTOR CAJARAVILLE

O pasado 7 de febreiro os alumnos e alumnas de 5º curso de Educación Primaria acudiron ao Liceo de Ourense para participar na actividade ENCONTROS CO/A AUTOR/A, encontros promovidos polo Concello de Ourense e que forman parte do seu programa de ANIMACIÓN Á LECTURA.

A finalidade destes encontros é a de poñer en contacto aos nenos e nenas cos escritores e escritoras para que coñezan de preto o seu traballo e poden dialogar con eles  sobre todas aquelas cuestións que lles interesen relativas a ese autor e a súa obra. 

Este ano o encontro foi co escritor HÉCTOR CAJARAVILLE e os rapaces e rapazas leron previamente nas aulas o seu libro KUSUMA

No blog da biblioteca podedes ler como se desenvolveu o encontro e ver as fotografías do mesmo, para iso premede nas seguintes imaxes:

TEATRO: SAFARI

O 3 de febreiro os nenos e nenas de 1º e 2º de Educación Primaria acudiron ao  Auditorio Municipal para presenciar a obra teatral (que combina actores con monicreques) titulada SAFARI e que representou a compañía LA BALDUFA COMPANYIA DE COMEDIANTS

Piñote e Calabacín son dous exploradores que se trasladan á sabana para investigar sobre a misteriosa desaparición do león. Na súa tarefa de investigación interrogan á xirafa, ao mono, ao elefante, ao crocodilo... e acaban atopando ao pobre león, decaído, pensativo e que non sabe ruxir. Piñote e Calabacín intentarán botarlle unha man e averiguar cales son os motivos do seu pesar. Por que todos os animais se empeñan en molestalo?..  Esta é a historia da que parte a obra e que trata de facer reflexionar aos nenos e ás nenas sobre o problema do acoso escolar. 

"Os nenos e as nenas poden entender as súas ameazas a partir do comportamento do crocodilo, do león, e tamén do da xirafa, do mono e do elefante. A preocupación de Piñote e Calabacín é similar a de pais e mestres. Os pequenos tamén poden ser feroces e crueles cos seus compañeiros. En cambio, temos o convencemento de que, a través da educación e do traballo, pódense potenciar actitudes e comportamentos en positivo que permitan unha convivencia harmónica, respectando a todos os demais. " (sinopse extraída da páxina web de LA BALDUFA COMPANYIA DE COMEDIANTS).

Os pequenos e pequenas disfrutaron coa obra que contaba cunha estupenda posta en escena e tamén lles fixo pensar, reflexionar e conversar sobre os comportamentos que ás veces temos cara os demais. 

E como complemento a esta saída e dada a proximidade da nova biblioteca ao edificio do Auditorio Municipal, os nenos e nenas foron tamén visitar as novas instalacións da BIBLIOTECA PÚBLICA DE OURENSE. Alí, ademais de ensinarlles as instalacións, explicáronlles o seu funcionamento e animáronnos a acudir á mesma. 

 

TEATRO EN INGLÉS: UNBOXING ALICE

O pasado luns, 21 de xaneiro, os alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar a obra de teatro en inglés, patrocinada por AFUNDACIÓN, titulada "UNBOXING ALICE", baseada na  historia de  "ALICIA NO PAÍS DAS MARABILLAS".

 

 A obra é unha adaptación do popular conto realizada pola compañía teatral ON STAGE COMPANY que, partindo da obra clásica e incorporando as novas tecnoloxías, personaxes de video-xogos... levanos outra vez ao mundo de Alicia, pero da man de Tweedle Dee e Tweedle Dum, dous xemelgos que amantes das novas tecnoloxías e "influencers" crean a súa propia "plataforma de vídeo Wonderland": O Tweedletube! A partir de aí coñeceremos, nunha viaxe disparatada,  o que lle aconteceu ás máis famosas personaxes da historia e cal é a verdadeira natureza de Alicia. 

"Esta obra de teatro articúlase a partir da participación dos espectadores. A inmortal historia de Lewis Carroll cobra vida e actualízase nesta disparatada parodia interactiva 100 % en inglés, onde a imaxinación e a fantasía son as leis que rexen a realidade. Unha viaxe alucinante con personaxes estrafalarias, xuntanzas desatinadas e deportes inverosímiles! Unha experiencia práctica e divertida para asimilar novos coñecementos e aprender a expresarse en inglés" (sinopse extraída da páxina web de AFUNDACIÓN). 

 

 

 

THE TIN SOLDIER

THE TIN SOLDIER é o nome da obra de teatro representada integramente en inglés polo grupo teatral "THEATRE 4 SCHOOLS" no Auditorio Municipal e, á que asistiron os nenos e nenas de 2º de Educación Primaria do noso centro o pasado 13 de novembro. 

A obra é unha adaptación do famoso conto "O SOLDADIÑO DE CHUMBO": "Pola noite, sen que ninguén se decate, os xoguetes cobran vida na habitación de Peter. O soldadiño namorase locamente dunha preciosa bailarina pero un bufón celoso botarao fóra da casa. Na rúa, o soldadiño fará novos amigos e amigas aínda que non será fácil porque unha choiva torrencial e un enorme peixe cruzaranse no seu camiño". 

O obxectivo desta representación é o de utilizar o teatro como ferramenta lúdica e pedagóxica que estimule aos alumnos e alumnas na aprendizaxe da lingua inglesa. 

Previamente traballamos na aula o vocabulario e as sinxelas estruturas gramaticais que se empregan na obra, mediante apoios visuais e xogos de vocabulario. Practicamos tamén as cancións que soan ao longo da representación, o que facilitou a comprensión por parte dos alumnos e alumnas, sendo ademais unha historia xa coñecida para eles.

A obra resultou moi entretida e os nenos/as participaron activamente na mesma, cantando as cancións e respostando as preguntas que sobre compresión lles fixeron os actores ao rematar. 

 

TROYA

O pasado 8 de novembro os alumnos e alumnas de 5º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar o espectáculo de teatro titulado TROYA, posto en escena pola compañía rioxana ZARÁNDULA S.C. e patrocinada por AFUNDACIÓN. Obra que ten como temática central os riscos das novas tecnoloxías. 

Cada día son máis habituais as fraudes tecnolóxicas cando navegamos pola rede cos ordenadores, tabletas ou móbiles e que permanecen ocultas como cabalos de Troia disfrazadas de "agasallos" e palabras como "de valde". Desde a intrusión con software de control remoto, Apps que duplican as SIM, captación de identidades e outros perigos menos evidentes coma o cobro por incrementar a calidade dos videoxogos gratuítos, a descarga de tons, as votacións en programas televisivos ou as compras on-line. 

Moitos mozos vense afectados por este tipo de estafas, como lles ocorre aos protagonistas desta obra, Héctor, Helena e Alejandro, que chegaran a tomar conciencia sobre os problemas do mal uso de Internet e dos móbiles. 

"Desde o programa de Educación Financeira de Afundación pretendemos dar resposta a esta problemática, tratando de concienciar o estudantado destes riscos e da necesidade de saber como protexer as súas finanzas persoais". (Sinopse extraída da páxina oficial de AFundación). 

 

TEATRO: A ILLA SEN TESOURO

Os alumnos e alumnas de 2º e 3º de Educación Primaria acudiron o pasado 19 de setembro a Praza de San Martiño onde tivo lugar a inauguración oficial por parte do Concello de Ourense do curso escolar 2019-20. 

Alí os rapaces presenciaron a representación teatral da obra "A ILLA SEN TESOURO" posta en escena polo grupo teatral OS GHAZAFELHOS. A obra xiraba en torno as pericipias vividas por tres piratas que chegan a unha illa buscando un tesouro.

Música, bailes, pelexas de espadas e acción mesturanse  con humor, contanto co apoio dunha escenografía dinámica que se transforma nun mesón, nun barco, nunha cova e nunha empalizada.

A complicidade e interactividade cos rapaces foi outro elemento máis de apoio á obra:  ao final estes foron tamén protagonistas e participaron activamente para axudar a resolver os conflitos dos piratas. 

 

 

REFORESTACIÓN NO MONTE DE PALMÉS

Os alumnos e alumnas de 6º de Educación Infantil e de 6º de Educación Primaria realizaron o 3 de maio unha saída aos montes de Palmés para realizar unha reforestación en zonas nas que houbera incendios en anos pasados. Para elo contaron coa axuda do axente forestal Pepe Santos, que xa estivera no noso centro falando precisamente dos incendios forestais, como vos contamos no seu día. Pero non só plantaron árbores, fixeron e aprenderon moitas máis cousas que nos explican no blog de VOZ NATURA. 

Premede nas imaxes:

No xornal LA VOZ DE GALICIA fixéronse eco desta saída:

 

ACTIVIDADES NO CENTRO ACOUGO

Un estupendo día pasaron os alumnos e alumnas de educación infantil o pasado 14 de maio no centro de ocio e actividades na natureza ACOUGO situado no concello de Vilamarín (Ourense). Ali realizaron diversas actividades: montaron en tirolina, pasearon en barca, descubriron e déronlle de comer aos animais (galiñas, parrulos, galos, cabras, ovellas...), practicaron o equilibrio no slackline e xogaron e gozaron na natureza nun día especial e lúdico no que compartiron a ledicia de estar e xogar todos xuntos. 

 

 

TEATRO: EU COCIÑO, TI COCIÑAS?

O 8 de abril os pequenos e pequenas de 1º e 2º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar o espectáculo: EU COCIÑO, TI COCIÑAS? de MAMÁ CABRA, espectáculo promovido pola obra social de AFundación e no que a música e a alimentación saudable son os protagonistas.

"Con esta nova montaxe, Mamá Cabra volve sorprender e enganchar a rapazada aos seus pegadizos sons e a unha historia onde a cociña é a protagonista. Unha proposta innovadora, onde a alimentación saudable se converte no medio perfecto para traballar novos aspectos curriculares.

Timoteo cambiou o seu quiosco por un restaurante que se chama COKI, xa que estaba preocupado porque os nenos e nenas comeran saudable. Ata fixo un blog para dar a coñecer as súas receitas con ingredientes moi especiais: sorrisos de mamá, empanadillas con amor... digo con xamón!, viaxes de papar e xogar, aventuras de piratas... Timoteo di que cociñando podemos percorrer o mundo e facer novas amizades". (Senopse extraída da páxina web de AFundación).

Recordamos que Mamá Cabra é un grupo musical galego adicado ao público infantil e formado por músicos que tocan de todo: batería, percusión tradicional, frautas e gaitas, baixo ecléctrico, acordeón, guitarra eléctrica e voz. 

Os seus espectáculos musicais son moi participativos e a súa música é divertida e incorpora valores didácticos, como a adquisición de hábitos saudables, ou o desenvolvemento das capacidades psicomotrices a través do baile e os movementos coordinados. Os ritmos modernos (rock, pop, funk…) dotan a Mamá Cabra dun especial atractivo que encanta non só aos nenos e nenas, senón tamén a toda a familia. 

 

Powered by Drupal - Design by artinet