Charla para a formación de nais e pais de deportistas
As áreas de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo puxeron en marcha un programa para a formación de pais e nais con fillos deportistas: “Os pais no deporte, importancia e papel”, unha iniciativa que parte do interese de contribuír, desde a Unidade de Psicoloxía e Coaching Deportivo de Galiza, á formación, ó desenvolvemento e á mellora dos deportistas na nosa Comunidade.
Trátase da celebración dunhas charlas que teñen como principal obxectivo dotar ós pais, adestradores e directivos, dunha formación relevante para desenvolver o seu papel na actividade deportiva que practican os seus fillos. Desta maneira, poderán contribuír á súa formación, non só desde o punto de vista físico, senón tamén desde o punto de vista da promoción do benestar e das relacións sociais.
A charla que se celebrará en Monforte terá lugar o martes día 26 de novembro, ás 20:30 horas na Casa da Cultura.
O importante papel que teñen que desenvolver as familias con fillos/as deportistas fai que esta charla sexa de grande interese para os pais e nais, pois non sempre se teñen claras todas as claves e conceptos que hai qué adoptar cando os fillos e fillas practican algunha disciplina deportiva.
Impartirase unha parte teórica, aínda que de coñecemento moi práctico, que se alternará con algún vídeo sobre casos reais de deportistas e as súas familias. As persoas que asistan ás charlas terán a posibilidade de preguntar e opinar.
Como complemento, repartiranse uns folletos informativos con datos relevantes para os pais e nais dos deportistas.
Rubén Domínguez, Hugo Fernández e Rubén López, profesionais da psicoloxía e o coaching no deporte, serán os encargados de achegar estes coñecementos aos pais e nais que participen na charla que se impartirá en Monforte.
Os pais e nais interesados en asistir a este programa formativo, deben inscribirse na seguinte dirección de correo electrónico: coordinador@libredon.org