PROPOSTAS DE ACTIVIDADES PARA O XOVES 26 DE MARZO
Estimadas familias aquí estamos deixándovos algunhas das actividades que se propoñen para o xoves 26 de marzo.
- Comezaremos como vimos facendo tódolos días coas RUTINAS. Primeiro rodeamos no calendario o día que é hoxe(poden cantarvos a canción dos días da semana), a continuación cantan a canción " da ventaniña da clase" e debuxan no calendario o tempo que fai. Tamén lle podedes recordar en que mes, estación( que fai uns días que comezou) e o ano no que nos atopamos. Estes días tamén podemos converter nunha rutina o de debuxar na manciña un virus( con rotulador),como xa vos dixen anteriormente , para que laven moi a miúdo as mans e ese "maldito" virus desapareza canto antes. Podedes facer un rexistro, é dicir, apuntar a diario se o conseguimos ou non, borrar o debuxo.
- Como ben sabedes de vez en cando hai que facerse unha revisión médica para ver se todo vai ben. E vós como SÚPER HEROES E HEROÍNAS que sodes, tedes que ver como van os vosos súper poderes. Para iso debedes pasar as seguintes probas:
§ SUPERTACTO: tedes que pechar moi ben os vosos olliños e adiviñar que parte do corpo vos están tocando( non vale facer trampas, ehh?). Outra posibilidade darlle un obxecto coñecido por eles e cos ollos tapados, tócano ben e deben adiviñar de que obxecto se trata.
§ SUPERVELOCIDADE: os nenos/as teñen que correr durante 60 segundos pero sen moverse do sitio.
§ VISTA DE LINCE: estar nun lugar da casa na que o neno/a pasa moito tempo e quitamos un obxecto e el/ela deben adiviñar de que obxecto se trata. Outra opción sería poñerlle varios obxectos enriba da mesa, que os observe, quitarlle un e adiviñar cal falta( sempre cos olliños ben tapados).
§ NENO/A FORZUDO/A: facer un pulso chino( o obxectivo consiste en atrapar o polgar do compañeiro antes de que este poida facelo co propio ou que poida soltarse.
§ SUPEROLFACTO: cos ollos pechados deben adiviñar diferentes olores: laranxa, limón, a colonia que usan habitualmente, vinagre, e todo o que se vos poida ocorrer.
- Deben elixir un dos CONTOS que teñan na casa ou algún dos que lles propuxemos ao principio, lerllo e facer algunha das actividades que están propostas na batería. Se a queren deixar plasmada no papel recordade que tamén vos enviamos unha ficha para o conto. Adxunto o arquivo.
- CURTAMETRAXE: como vimos dicindo estes días a única maneira de loitar contra este virus é entre todos, de aí a importancia do “traballo en equipo”. Nesta curta demóstrase que cando nos axudamos uns aos outros, aprendemos dos compañeiros/as…é moito máis doado conseguir o obxectivo que nos propoñamos. Para iso vos deixamos o enlace desta curtametraxe e esperemos que a disfrutedes.
https://youtu.be/vtXKQOtNWPg
Unha aperta.