Un ano máis remata outro curso, enchido de experiencias, novas aprendizaxes, novos proxectos e, como poderedes ver no vídeo, neste último trimestre non faltaron momentos marabillosos que compartimos todos e todas xuntas.
Grazas por un ano máis agasallándonos cos vosos sorrisos. Felices vacacións de verán.
Esta semana o alumnado de TVA desfrutou da súa excursión de fin de curso facendo unha saída pola praia de Samil. Alí deron unha volta polo mítico paseo, merendaron ao aire libre nas mesiñas da zona verde e tomaron algo nunha cafetaría.
Foi un rato do máis agradable. Podedes velo no vídeo.
Como xa sabedes, este curso o alumnado de TVA está a desenvolver un proxecto en colaboración coa Protectora Asociación Os Biosbardos. No 1º trimestre subimos a primeira parte da campaña de promoción de adopción e, despois de moito traballo por parte do noso alumnado, aquí tendes a segunda parte, na que poderedes coñecer a moitos animaliños que están a buscar fogar.
Esta semana terá lugar a recollida de doazóns no cole, na que poderá participar toda a comunidade educativa. Para isto, o alumnado de TVA estivo traballando moi duro. Mentres un grupo de alumnado continuaron grabando os vídeos para a promoción da adopción, outro grupo colaborou na redacción da carta que enviamos ás familias e ao persoal e profesorado do centro, encargáronse persoalmente de repartilas e estiveron preparando o punto de recollida para que todos e todas poidamos deixar as nosas doazóns.
Case está a rematar o ano e con él, o 1º trimestre. Foi un trimestre cheo de experiencias, esforzo, moito traballo, pero coma sempre tamén de diversión.
Aquí tendes só unha pequena mostra de todo o traballo feito neste trimestre, que non foi pouco! Son uns e unhas traballadores/as.
Este curso o alumnado de TVA está a participar nun proxecto chamado "Protexe aos animais", no que colaboran coa protectora Os Biosbardos.
Este proxecto céntrase nunha campaña de promoción da adopción e de recollida de doazóns para os animais da protectora, na que poderá participar toda a comunidade educativa.
Para isto, o proxecto comeza coa campaña de promoción da adopción, que introducimos cunha adaptación do conto "A historia de Parche" creada pola protectora, cun genially interactivo. Logo presentamos aos cans e gatos que buscan adopción e aos que teñen que axudar a atopar unha casa, e a partir de aí, o alumnado, no obradoiro de TIC, elaborou algunhas fichas con datos dalgúns animais que buscan con urxencia adopción, así como uns vídeos de promoción empregando sistemas aumentativos de comunicación que se comparten nas RRSS do noso centro.
A continuación poderedes ver o vídeo da primeira parte da campaña de promoción da adopción. No seguinte trimestre subiremos a segunda parte e, despois, continuaremos coa campaña de recollida de doazóns. Esperamos que vos guste!
A semana pasada o alumnado de TVA foi ao teatro Afundación para desfrutar do espectáculo Vaia ritmo! da man do grupo Odaiko Percussion Group, que nos deleitou cunha obra musical centrada na percusión.
O pasado venres, os alumnos e alumnas de TVA pasaron unha mañá moi divertida en "La Jungla". Desfrutaron nas camas elásticas, nos inchables, no parque de bólas, na pista deportiva, na zona de Jumping... No seguinte vídeo podedes ver unha mostra.
Xa rematou outro trimestre!!! Os alumnos e alumnas seguiron traballando na aula e nos obradoiros. Algúns, tamén participaron nas actividades de meteoescolas e piscina. Pero non todo foi traballar!! Gozaron no patio, visitando a cafetería do colexio e celebrando os aniversarios.