02 Aneae e anee
Índice tema

Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG 09/07/07). Art 15

Artigo 15.-Atención á diversidade.

1. A intervención educativa nesta etapa atenderá á diversidade do alumnado, é dicir, centrarase nas actuacións educativas dirixidas a dar resposta ás diferentes capacidades, ritmos e estilos de aprendizaxe. Ademais, porá énfase na detección temperá do alumnado que requira unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas da aprendizaxe, polas súas altas capacidades intelectuais, por incorporarse tardiamente ao sistema educativo, ou por condicións persoais ou de historia familiar.

2. En canto se detecten dificultades de aprendizaxe nalgún alumno ou alumna, o centro educativo deberá poñer en funcionamento as medidas de reforzo educativo que se consideren máis convenientes e que poderán ser tanto organizativas como curriculares. Entre estas medidas encóntranse o apoio dentro do grupo ordinario, o apoio ocasional fora do grupo ordinario, os agrupamentos flexibles e as adaptacións do currículo.

3. A escolarización do alumnado que se incorpora tardiamente ao sistema educativo por proceder doutros países ou por calquera outro motivo realizarase atendendo ás súas circunstancias, coñecementos, idade historial académico.
Cando presente graves carencias na lingua de escolarización do centro, realizará un programa de inmersión lingüística que será, en todo caso, simultáneo á escolarización nos grupos ordinarios, cos cales compartirá o maior tempo posible de horario semanal, nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Os alumnos e alumnas que presenten un desfase no seu nivel de competencia curricular de máis dun ciclo poderán ser escolarizados nun curso inferior ao que lles corresponda por idade. Neste caso, o centro educativo adoptará as medidas de reforzo educativo máis adecuadas para facilitar a súa integración escolar e a recuperación do desfase curricular. No suposto de superar o dito desfase, incorporaranse ao curso que lles corresponde pola súa idade.

4. A escolarización do alumnado con altas capacidades intelectuais flexibilizarase de tal forma que se poida anticipar un curso o inicio da escolarización nesta etapa educativa ou reducir a súa duración cando se prevexa que estas son as medidas máis adecuadas para o desenvolvemento do seu equilibrio persoal e a súa socialización, ou poderá enriquecerse o currículo, nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.