02 Aneae e anee
Índice tema

 

Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación: Artigos 78º e 79º

TÍTULO II

EQUIDADE NA EDUCACIÓN

CAPÍTULO I

ALUMNADO CON NECESIDADE ESPECÍFICA DE APOIO EDUCATIVO

SECCIÓN TERCEIRA. ALUMNOS CON INTEGRACIÓN TARDÍA NO SISTEMA EDUCATIVO ESPAÑOL

Artigo 78. Escolarización.

1. Correspóndelles ás administracións públicas favorecer a incorporación ao sistema educativo dos alumnos que, por proceder doutros países ou por calquera outro motivo, se incorporen de forma tardía ao sistema educativo español. Esta incorporación garantirase, en todo caso, na idade de escolarización obrigatoria.

2. As administracións educativas garantirán que a escolarización do alumnado que acceda de forma tardía ao sistema educativo español se realice atendendo ás súas circunstancias, coñecementos, idade e historial académico, de modo que se poida incorporar ao curso máis adecuado ás súas características e coñecementos previos, cos apoios oportunos, e desta forma continuar con aproveitamento a súa educación.

Artigo 79. Programas específicos.

1. Correspóndelles ás administracións educativas desenvolver programas específicos para os alumnos que presenten graves carencias lingüísticas ou nas súas competencias ou coñecementos básicos, co fin de facilitar a súa integración no curso correspondente.

2. O desenvolvemento destes programas será en todo caso simultáneo á escolarización dos alumnos nos grupos ordinarios, conforme o nivel e evolución da súa aprendizaxe.

3. Correspóndelles ás administracións educativas adoptar as medidas necesarias para que os pais ou titores do alumnado que se incorpora tardiamente ao sistema educativo reciban o asesoramento necesario sobre os dereitos, deberes e oportunidades que comporta a incorporación ao sistema educativo español.

Modificación introducida polo apartado 59 do artigo único da LOMCE

 Engádese unha sección cuarta dentro do capítulo I do título II e un artigo 79 bis coa seguinte redacción:

Sección cuarta. Alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe

Artigo 79 bis. Medidas de escolarización e atención.

1. Corresponde ás Administracións educativas adoptar as medidas necesarias para identificar ao alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe e valorar de forma temperá as súas necesidades.

2. A escolarización do alumnado que presenta dificultades de aprendizaxe rexerase polos principios de normalización e inclusión e asegurará a non discriminación e a igualdade efectiva no acceso e permanencia no sistema educativo.

3. A identificación, valoración e intervención das necesidades educativas deste alumnado realizarase da forma máis temperá posible, nos termos que determinen as Administracións educativas.»